Que ben quedan os gobernantes decíndolles ós rapaces que o campo é o seu futuro. Con qué axudas contan? Hai uns meses veu o catastro, por algunhas aldeas, medindo e facendo fotos.

De momento xa cobraron 60 euros pola "visita". Despois virá o aumento da contribución anual. Algunhas palleiras con máis de 100 anos tamén as incluiron. Xente que retornou á casa dos seus antergos e amañaron pequenos alboios para que non caeran, tamén pagarán o aumento. Os que cubriron o forno porque chovía nel, veñen os señores de Facenda e fanlle pagar máis impostos.

O futuro da xente que quere traballar non está asegurado mentres leven cartos para fóra e non os devolvan. Mentras a xustiza esté de parte dos poderosos. Canto paga un labrego do campo? Se non gaña nin para comer! Hoxe do campo en Galicia e imposible vivir.

Canto me gustaría a min que a xente poidera vivir da terra! Pero teño 85 anos e están sacándome 80 euros todolos meses da miña pensión da agraria por traballar mentras podía. Hoxe, coa miña minusvalía, estaría tirada por aí, senón fora pola miña familia.

Chupan o sangue dos máis débiles como os tabaos ás vacas. Da noxo ver o noso país mal gobernado e onde, para que uns poidan malgastar a gran maioría pasa fame.

Xente que na vida colleu un raño ven anunciando a bombo e platiño as bondades de vivir no campo. Seica van vir axudas ata para o can. Os dos repartos dos sobres e cartos en Suiza dinnos que temos que ruralizarnos. E eu digolles que sí, que hai vida no campo, que é marabilloso vivir no rural.

O problema é que hai alimañas que levan anos estragando este xeito de vida. E non me refiro ós porcos bravos.