"Sempre andas dicindo para o ano que vén"... Aos responsables de educación da Xunta e do Concello de Redondela podiamos cantarlle a cantiga do Celta, facendo un pequeno arranxo na letra. Así poderiamos recordarlle as promesas feitas ás reivindicacións da dirección do centro e da ANPA, Ernestina Otero, desde o ano 2008; reivindicacións que esixen equipar esta instalación de educación primaria dun patio cuberto. A carencia deste espazo afecta de forma moi considerable ao desenvolvemento da actividade educativa, por non poder realizar as clases de educación física nin saíren a recreo os case 500 alumnos nos días de choiva ou de moita calor. Sábeno ben os educadores e tamén os pais; sábeno os políticos? O recreo, ese tempo destinado á diversión e ao descanso, representa un respiro necesario na actividade dos nenos, non só por ser un tempo de ocio obrigatorio, senón tamén por ser un espazo para imaxinar, crear, pensar e moverse. Durante o horario escolar o neno ten que estar en silencio e prestar atención ás clases. Despois da escola os nenos xa non pasan tempo xogando no barrio como as xeracións anteriores, por esa razón o recreo é un tempo importantísimo para o xogo, a comunicación, a socialización e o desenvolvemento.

Manifestacións, peticións, entrevistas, un acordo plenario da corporación de Redondela, entrega de máis de 3.000 firmas... aos responsables de educación da Xunta e do Concello... non teñen valido máis que para que lle digan que non hai presuposto ou que esta non é unha obra prioritaria. O portavoz do PP en Redondela no ano 2011, Alberto Pazos, contábanos a cantilena excusatoria dos recortes orzamentarios por mor da crise económica...Seguimos en crise?

As receitas dos piratas que están arruinando o ensino público, a sanidade pública, as empresas públicas, para logo xustificar a súa privatización, son de manual: deixar de investir ata que se deteriore e baixe a calidade do servizo. Facerlle crer á cidadanía que ese servizo público se deteriora porque é inviable. Por último, vender ese servizo público a una empresa amiga que financie a súa campaña electoral. Son estas nas que andamos? Nin a máis humilde das familias alegaría algún pretexto na peor das crises para non mellorar o ensino dos seus fillos; saben, sabemos os pais que, despois da alimentación a educación é o prioritario. A crise, a verdadeira crise, a peor de tódalas crises, señorías políticas, é a falta da vontade de ser.

"E chega outro ano e pasa tamén". Así é que os do "patio común" dicímos-lle ao presidente, se isto non se arranxa, para a tempada que vén, imos cambiar de xente.

Xestionar, administrar, resolver, traballar, cumprir as promesas electorais "en clave Redondela", no dicir do noso alcalde, debería de ser facer política en favor do importante, do prioritario, do esencial: a educación pública.