A última nova destacada no concello de Nigrán é a intención de volver ao dobre sentido na circulación da rúa do Mariñeiro en Panxón e restituír a parada de autobús situada na antiga estación como promesa electoral que o alcalde vai "cumprir", xustificando que as persoas da zona alta da parroquia tiñan que andar "longas camiñadas", pola implantación das novas paradas dende A Madorra ata Patos cun servicio de transporte acorde, ata agora, ás necesidades da zona.

Chegados a este punto, a pregunta é: que vai pasar coas paradas dende A Madorra ata Patos? Non se menciona se desaparecen ou non (presaxiamos o que vai acontecer). Todos os que vivimos en Patos, na zona da praia, que non debería ser lembrada soamente polo turismo, andamos décadas as "longas camiñadas", cun servicio de transporte mínimo e unhas demandas que nunca foron atendidas. Polo tanto, vemos que os dereitos minguan e coa decisión unilateral do alcalde, esquecéndose dunha boa parte da poboación de Patos que se verá gravemente afectada pola nova situación, como cidadáns e contribuíntes, reclamamos e reclamaremos que se manteñan esas paradas de autobús, e non deixaremos que sexa soamente a crónica dunha "morte" anunciada.