Cívico, laico e demócrata. Sensible, solidario e reflexivo. Representaba a Europa e á modernidade. Un Kafka á galega. O epistolario que sae á luz fala dunha nación propia e identitaria. Unha xeración na que moitos foron perseguidos, ignorados no mellor dos casos. A hora do desagravio.

Nin perdeu o humor cando estivo na cadea tres meses tras participar nun manifesto republica-no. "Continúo hospedado, no sé si por un par de días o de meses,en este confortable hotel".

Foi un dos nove intelectuais que asinou unha carta de felicitación a Lorca pola estrea de "Bodas de sangre" no 33. O ano anterior o andaluz regaláralle o seu coetáneo un libro de arte exipcio.

Otero Pedrayo, vello admirador de Maside, agradécelle así un presente "As palabras vanse. Poden ter una beleza de momento, deixan case sempre sede, amargor e indifrenza. A pintura non morre". Álvaro Cunqueiro emprega maiúsculas para definir a pintura do de Pontecesures. "Veraz e verdadeira, resultado d'unha búsqueda apoixada e difícil".

Un agarimoso Dieste escrebe dende o seu cargo na Universidade de Cambridge "estos años de ausencia no suponen para mí -tú ya lo sabes- un corte, una laguna; tendremos muchas cosas que comunicarnos, que no caben en las cartas". Ánxel Fole, cálido, fala das temperaturas invernais de Lugo "eiquí o clima é bravo. Búscase a calefacción como pan. Por iso vexo tres ou catro películas cada semá, sin pensar moito se son malas ou boas". Tamén hai tempo para a lectura "Agora estou co Merlín, do amigo Cunqueiro. Está ben. Tan inxenioso, gracioso e vivaz coma sempre."

Discúlpase con Manuel Antonio por demorarse en diseñala portada do libro "De catro a catro". "Non che pido perdón polo retraso porque non merezo perdón: a preguiza é o meu verdugo".

Laxeiro recoñece que"la naturaleza me dio un poco de maña para el dibujo y las pinceladas, me la negó para esto de las letras". Acostumaba a mandar cartos á súa familia dende Arxentina e pídelle como favor a Carlos que deixe a Luisa "algún dinero, la cantidad que sea" no Nadal.

Unha das últimas cartas é para Díaz Pardo,que estaba a por en marcha a Fábrica da Magdalena preto de Buenos Aires. "Un dos pouquiños amigos verdadeiros. O ceo é gris oscuro. O vento fala e láiase. Os líquens visten as pedras. Estoume poñendo sentimental. Pechemos o interruptor".