Teté Delgado quería ser artista, e dende o principio contou coa nosa negativa.

Non eramos nós os pais protectores a mirar pola filla, simplemente viciños deses que asexan por un puro exercicio de control, adoitos no rol de compañeiros ruíns, desaprobando e negando mentres Teté interpretaba "Al Alba" de Luis Eduardo Aute con voz impostada e guitarra española ou sobreactuaba en funcións amateurs (xa daquela entendíamos desas maldades). Tamén transgredía o noso estreito círculo de amizades para cultivar outros amigos máis dignos, cousa que nos deixaba pasmados, a nós, pequenos túzaros. Ela tiña o seu horizonte e como espíritu era libre.

Non imos dicir que os que asentan nas vilas sexan perdedores, na nomenclatura estadounidense, nin moito menos, pero sí que hai persoas como nas películas americanas, a soñaren con bambolinas e focos e palcos. Unha vez soubemos que traballaba en tal o cal programa da televisión foi un alivio, pois puidemos recoñece-la e descarga-la nosa mala conciencia de inquisidores, e xa todo foron adhesións e lembranzas e conseguimos ve-la con outros ollos e ficamos en paz.

Visto dende a madurez a mocedade é un inferno de aprendizaxes e chegar a ser unha persoa custa o traballo duro dunha vida de paus... Outra xente, moitas de las mulleres e Teté entre elas, téñeno claro dende moi novos.