O día 4 do presente mes, ás 08.30h, subo, xunto co meu fillo de 5 anos, ao autobús C-4 na parada de Urzáiz á altura do muro da estación. Pago o importe da miña pasaxe coa tarxeta, mais ao meter a do neno --que ten saldo dabondo-- sáeme "Perfil caducado". Pregúntolle ao condutor que significa iso e non me da ningunha explicación. Repíteme o que di a máquina, "Perfil caducado". Insístolle en que non o entendo, porque a data de caducidade da tarxeta pon 10/37. O condutor di que son cousas diferentes, que teño que baixar ou pagar, que se non o fago chama á policía. Dígolle que a pode chamar, pero que chovendo como está, cun neno pequeno e coa tarxeta con cartos, sen explicación ningunha do problema real, non vou baixar.

No autobús os pasaxeiros impaciéntanse e comezan a increparme para que pague, de modo que intento pagar, pero só teño un billete de 20 euros e o condutor négase a cobrarme, insiste en que xa chamou á policía e que teño que baixar. Unha pasaxeira mesmo me grita para que con eses cartos colla un taxi! Un señor que vai no autobús tenta pagar o billete do neno, pero o condutor tampouco lle cobra alegando que xa chamara á policía.

Xa na parada de Alfonso XII, a Policía Local sube ao autobús e ante a situación insiste en que baixe. Antes de baixar pregúntolle ao condutor o seu nome, pero el négase a identificarse. A Policía Local ante isto tampouco fai nada, o único que fai é baixarme do autobús, chovendo e cun neno de cinco anos.

Non acabo de entender:

-Se o perfil caduca, por que non o especifica a propia tarxeta? A única forma de sabelo é xusto no momento de meter a tarxeta no aparello. Tampouco na web de Vitrasa di nada.

-Se tento pagar a viaxe, como é que non se me cobra antes de botar ao neno á rúa.

-Se un pasaxeiro tenta pagar o billete do neno, en que se basea o condutor para negarse a cobrarlle, quen lle deu ese poder?

-En que norma se ampara a Policía Local para botar a un neno de 5 anos do autobús? Por que lle permite ao condutor que non me cobre nin a min nin ao pasaxeiro que se ofrece a pagar?

-E todos os que ían no autobús, todos os que me gritaron para que collese un taxi, a todos eles, calquera día pódelles pasar o mesmo. Pensarán igual entón?