Esta primavera estamos mirando cada vez máis bicicletas nas rúas de Vigo. Non sabemos se é a crise ou o bó tempo, pero o caso é que cada día somos máis.

Nós, coma ciclistas urbanos convencidos e activistas da bicicleta, pensamos que dende o concello se está a facer moi pouco, ou máis ben nada, por promover este modo de transporte. O concello debería aproveitar este aumento no número de ciclistas urbanos para dar un paso firme e apostar pola creación de condicións que aumenten a seguridade dos ciclousuarios.

O concello ten que escoitar as propostas dos colectivos de ciclistas vigueses, xa que eles son os que mellor poden asesorar ao concello en como mellorar a coexistencia de coches e bicicletas nunha mesma cidade. Eles son os que utilizan a bicicleta a diario e saben cales son os problemas que atopan.

Como usuarios de bici posicionámonos en contra da creación de beirarrúas compartidas entre peóns e ciclistas, algo absurdo, xa que é moito máis perigoso andar entre os peóns que entre os coches, tanto como para nós como para os peóns. Os ciclistas non queremos roubarlle espazo nin seguridade aos peóns, só queremos roubarlle usuarios aos coches.

Este tipo de ideas escapan ao conflicto que a diario vivimos os que utilizamos a bicicleta na nosa cidade, onde medidas moito máis sinxelas de implementar e moito máis económicas son urxentes. A máis sinxela é a permisión de circular por algúns carrís bus-taxi, como son os casos das rúas Pi y Margall e López Mora, Pizarro dende a rotonda da rúa Brasil ata o Xeral, García Barbón despois do cruce con Colón. Nestes lugares actualmente non existe alternativa lóxica para os ciclistas, que legalmente deberiamos seguir aos coches e afrontar pendentes alpinas.

Noutras rúas de maior tráfico sen embargo é precisa a creación de carrís exclusivos para bicis, pero sempre na calzada, coma por exemplo na rúa Beiramar, na Gran Vía no tramo que vai dende a Praza de América ata a dos Cabalos, rúa Areal, etc. Sabemos que Vigo non é unha cidade ciclable ao 100% por mor da súa orografía, pero por iso hai que promover infraestruturas que promovan circuitos favorables.

Outras medidas moi sinxelas poderían ser a creación dunha rede de rúas con tráfico e pendente menor preferentes para o tráfico ciclista, instalación de semáforos exclusivos para ciclistas, espazos para parar diante dos coches nos semáforos e educación, moita educación. Educacion aos nenos, educación aos maiores, aos conductores de transporte público da cidade e aos conductores.

Hai que ensinar que os coches teñen que deixar 1,5 metros de distancia lateral, que poden invadir o carril contrario se é necesario para adiantarnos e que temos o dereito, e pola nosa seguridade debemos facelo, de circular polo medio do carril.

Tamén nós temos que aprender, aprender que non podemos ir polas beirarrúas ou zonas peonís, que temos que respectar semáforos e peóns, ser visibles, etc.

Nova Iorque, cidade máis densamente poboada que Vigo e cun trafico atroz, decidiu darlle espazo aos ciclistas dunha maneira moi sinxela, simplemente pintando unha raia que delimitaba o espazo que podían ocupar os ciclistas no seu carril, e que non ía ser invadido polos coches mentres circulasen ciclistas por él. E funcionou. E se funcionou en Nova Iorque, porqué non ia funcionar en Vigo, onde a xente é máis riquinha que do outro lado do Atlántico, inda que esteamos á mesma latitude.

O concello evita esta solución lavando as mans argumentando que "é moi perigoso", pero nós dicimoslle: E non é máis perigosa a situación de desregulamento actual? Están vostedes esperando a que haxa un morto na nosa cidade por mor dun accidente para comezar a mudar as cousas? Ou van a facer coma sempre e agardar 30 anos para implementar os cambios que xa se produciron noutras cidades?