Non descubro nada novo se afirmo que para o Goberno de Rajoy, e para os medios de comunicación españois, Enrique Capriles Radowski é o candidato preferido para suceder a Chávez. Mentres continúa a campaña de desprestixio do presidente defunto e agora de Maduro, un manto de opacidade e silencio impide e dificulta un achegamento preciso e cabal á biografía e ao programa electoral deste político disposto a ofrecer unha "folla de "ruta" que agrade ao FMI, ao Banco Central Europeo e á chamada "comunidade internacional"(á que pertence o reino de España). Un manto de silencio que explica que non trascenderan á opinión pública as conversas que a mediados de 2012 e nun lugar de Colombia indeterminado mantivo co xeneral Martin Demsey, xefe do Estado Maior dos Estados Unidos. Por eso, cómpre sinalar, aínda que sexa só como contrapartida a este silencio imposto, algúns dos trazos xerais da súa biografía e do seu programa por ver de temperar o papanatismo laudatorio que se ven orquestrando sobre a súa figura. Capriles é membro dunha das máis poderosas familias venezolanas, dona de conglomerados industriais, inmobiliarios e mediáticos (son propietarios de Cinex, a segunda maior cadea de cinemas do país e do diario "Últimas Noticias", ademais de cadeas de radio e unha canle de TV). Na súa mocidade militou no partido de extrema dereita Tradición Familia y Propiedad e no 2000 fundou o partido político Primero Justicia. Nese mesmo ano aliouse coa International Republican Institute, brazo internacional do Partido Republicano dos Estados Unidos, obtendo, na época de George W. Bush, un forte apoio económico, principalmente a través da NED (National Endowment for Democracy), segundo "The New York Times", "unha institución creada hai 15 anos para levar a cabo publicamente o que a CIA viña facendo ocultamente durante décadas". Participou activamente no golpe de Estado contra Hugo Chávez de abril de 2002 e non dubidou en aparecer diante da TV reclamando a renuncia do mandatario falecido,dos deputados da Asemblea Nacional, do Procurador-Xeral da República, do Defensor do Pobo e do Tribunal Supremo de Xustiza. Foi tamén o seu partido o único que aceptou a disolución forzada da Asemblea Nacional, ordenada pola xunta golpista de Pedro Carmona Estanga, prófugo da xustiza venezolana desde aquela e a quen promete amnistiar se vence nos comicios do vindeiro 14 de abril. Absolto en 2006 pola súa participación no golpe pero novamente encausado nun proceso reaberto en 2008 que agora segue o seu curso, Capriles postula en esencia un programa electoral neoliberal que facilite as privatizacións e a suspensión da axuda financieira outorgada pola petroleira PDVSA ao Fondo de Desenvolvemento Nacional (Fonden), que financia as obras de infraestructura e os programas sociais. Asemade anuncia que aumentará os prezos da gasolina consumida no mercado nacional, que levará a cabo a cancelación do proceso de reforma agraria realizado polo goberno de Chávez, que decretará a desaparición da Lei de Pesca, da que se beneficiarán decenas de millares de traballadores do mar e que porá fin ao control de prezos, que permite a toda a poboación adquirir os produtos de primeira necesidade a un custo baixo. Tamén proclama, entre outras medidas, que porá fin á relación especial con Cuba (o que afectará aos programas sociais nas áreas da saúde, educación, deporte e cultura.) que abandonará o ALBA( Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América) organismo de integración rexional e que suprimirá o programa Petrocaribe que permite actualmente que 18 países de América Latina e do Caribe, ou sexa 90 millóns de persoas, accedan ao petróleo subsidiado asegurando o seu abastecemento enerxético. Que se saiba.