Son galego de nacemento e estou abraiado e admiro a xestión do goberno da Xunta na sanidade. É digno de admirar, si señor. Podemos comezar por matizar algúns puntos:

1. Receitas electrónicas: a mellor decisión tomada para aforrar papel. O problema é que estas receitas ao igual que as anteriores tamén caducan e, claro, como te pases 10 días da data quedas sen medicación. Non pasa nada, porque iso nunca vai suceder xa que o control estimado pola Consellería de Sanidade fai un cálculo perfecto da túa medicación. Dun bote de 100 cápsulas onde tomas 3 diarias (100/3=33.33), para o Sergas o cálculo é 100/3=45 días, que hai que aforrar ata nas medicinas. Tampouco pasa nada, pois nese caso podes volver ao médico de cabeceira e pedirlle unha receita das de toda a vida e así nin aforramos papel nin tempo aos médicos e aínda por riba perdemos o noso tempo, que non vale de nada.

2. Os médicos fan o que queren; non sei se é en tódolos centros ou se son tódolos médicos. O caso é que no centro de saúde de Tomiño temos dous grandes pediatras e cando un non está, polo motivo que sexa, o outro ven de mañá. Chaman aos pais dos nenos que teñan as súas citas concertadas en función dos horarios do seu traballo e, de súpeto, pasanche a cita que tiñas a unha hora do día, dígase pola tarde, para a mañá. Tampouco pasa nada, como o noso tempo non ten valor...

3. As revisións de xinecoloxía: isto é o mellor, pasan o día a facer campañas de que as mulleres deben facer unha revisión cada ano de xinecoloxía polo seu ben. Aquí ben o bo. As citas estábanas a dar cun retraso de dous anos, e digo estaban porque agora quitáronas do seu programa de saúde. Pero tampouco pasa nada, porque como aparte de perder cartos por non poder ir traballar aquel día que nos cambiaron a cita do pediatra temos suficientes para pagar un xinecólogo de pago e así poder continuar coas revisións que recomendan dende a sanidade pública...