A actual Consellería do Medio Rural ten como programa estrela para a presente lexislatura a privatización dos montes veciñais en man común. Para elo, está a lanzar aos compoñentes do sector montes o vello debate de dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica.

É este un debate falso e interesado. Falso porque non é certo que se defenda mellor o monte veciñal en man común se as comunidades de montes se doten de personalidade xurídica. O monte veciñal en man común deféndese mellor se como recollía o anteproxecto da Lei de Montes de Galiza da Consellería do Medio Rural do goberno bipartito, as comunidades de montes teñen plena capacidade xurídica para o cumplimento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos sobre o monte veciñal e os seus aproveitamentos, así como a súa administración, disposicións e actos derivados. Defenderase mellor se teñen plena capacidade xurídica para a realización de todos aqueles actos e negocios xurídicos que teñen por obxecto obras ou servizos comunitarios e, en xeral, para todos aqueles actos ou negocios xurídicos que redunden en beneficio da comunidade de acordo co que decida en cada momento a súa asamblea xeral. Se a actual Consellería do Medio Rural quere defender o monte veciñal teno fácil, que asuma o que lle deixou redactado a consellería do Medio Rural do goberno bipartito.

É, ademais, un debate interesado xa que o que realmente pretende a actual Consellería do Medio Rural, dotando as comunidades de montes de personalidade xurídica, é que os montes veciñais en man común, entren no tráfico do comercio, que se poidan vender e mercar. O que verdadeiramente se pretende é que o capital entre nos montes veciñais en man común a través de fondos de investimento e plans de pensións. O que realmente se pretende é a privatización total dos montes veciñais en man común e xa que logo, a súa eliminación como unha titularidade singular dos veciños e veciñas e do país.

Consolidar a titularidade veciñal pasa por impedir que a Consellería do Medio Rural dote de personalidade xurídica ás Comunidades de Montes. E este logro é posible se as comunidades de montes nos unimos e nos mobilizamos. A primeira mobilización debe ser o IV Congreso Galego de comunidades de montes, que baixo o lema "un monte veciñal multifuncional e vivo: garantía de futuro", celebrarase os días 22 e 23 de maio de 2010 no Concello de O Carballiño. IV Congreso onde, precisamente, un dos relatorios que se van a debater leva por título "A consolidación da titularidade veciñal".