As Festas da Ascensión traen a Ana Moura, Ortiga e Pili Pampín e á Panorama

Máis de 150 actividades e tres concertos colectivos durante os seis días de festexos de Santiago de Compostela

A Ascensión trae a Ana Moura, Ortiga e Pili Pampín e á Panorama

A Ascensión trae a Ana Moura, Ortiga e Pili Pampín e á Panorama

Ana Triñáns

Este ano Compostela vai gozar con seis días de Festas da Ascensión. Do 16 ao 21 de maio a cidade vai contar con máis de 50 actividades entre concertos, comparsas, Cantos de Taberna, carreira ciclista, a tradicional Feira Cabalar, o torneo de chave, que cumpre XLVI edicións e a Festa dos Maiores, de novo no recinto feiral de Amio o sábado día 20. Canto ás atraccións, protagonistas do cartel das festas xunto aos cabezudos, creación do deseñador local Roi Fernández, estarán instaladas na Alameda entre os días 6 e 28 de maio. Entre as novidades máis destacadas do programa deste ano están as primeiras edicións do Composfest (festival de música organizado en colaboración coa S.D. Compostela) e o I Encontro de Construción de Instrumentos Musicais, que decorrerá no Colexio Maior Santo Agostiño os días 19, 20 e 21 e contará coa participación de destacados luthier galegos.

As festas da Ascensión son as festas compostelás por antonomasia”, comentou o concelleiro de Festas compostelán, Sindo Guinarte, polo que a programación está pensada “para que toda a veciñanza desfrute” combinando eventos de carácter máis tradicional con actividades e espectáculos máis novidosos e estendéndoas tamén aos barrios a través dos centros socioculturais. Como xa é costume, o programa das festas conta cos concertos das Corais, da Banda Municipal de Música e co festival Folk na Rúa, nas prazas de Santo Agostiño, Toural, Obradoiro, Cervantes e Praterías, o día 18 entre as 18 e as 20 horas. Outra nova entrada no programa é o paseo guiado Seminario de Estudos Galegos e Compostela, para conmemorar os 100 anos da súa creación, o día 18 ás 19 horas previa inscrición a través de paseos.compostela@maos.gal.

A programación musical, que se vai desenvolver nas prazas da Quintana e do Obradoiro, vai contar con destacados concertos, coma o da Orquesta Panorama no xoves da Ascensión, o día 18 no Obradoiro; Ana Moura o día 17 e Ortiga e Pili Pampín o día 21, ambas na Praza da Quintana. Ademais haberá eventos musicais de carácter colectivo, como Santiago 40 Pop, que abre a programación musical o día 16 e vai contar coa participación de Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol - Hilario, Nerea Rodríguez, Meler - Angy e Mondra. O día 19 terá lugar o Composfest, coas actuacións de Carlangas, Ruxe Ruxe, Nastasia Zurcher e Moncho y Los Apóstoles. E o día 20 o concerto Estrella Galicia.

O responsable do departamento de Festas, Suso Amado, destacou desta edición da Ascensión, cuxo orzamento xa supera os 300.000 euros, que ademais de engadir un día máis de programa tamén aumentou “a intensidade” en canto ao número de eventos. “Por exemplo, haberá 12 concertos corais en 4 barrios da cidade e o Composfest, que queremos que teña continuidade”, recalcou o concelleiro. Ademais, a Festa dos Maiores, no recinto feiral de Amio, celebrará a súa XXIV edición este ano, e a venda de billetes para asistir abrirase o xoves día 11 no Teatro Principal en horario de 10 a 13 horas e a un prezo de 7,50 euros, “por suposto, o restante do custo do evento correrá a cargo do Concello”, xa que o obxectivo é adaptar o prezo a todos os petos. Tamén en relación ao custo das festas, Sindo Guinarte resaltou que non só se procura a contratación de artistas locais e galegos senón que a produción destes eventos tamén recae, maioritariamente, en empresas locais, “empresas moi solventes neste ámbito”.

[object Object]

Como cada ano, todas as actividades son de balde e até completar a capacidade do lugar no que se desenvolvan, sen necesidade de retirar billete de entrada. O reclamo da Ascensión, en Santiago e comarca, como a celebración das Letras Galegas e a afluencia de turistas e peregrinos á cidade levaron ao Concello a reforzar as medidas de seguridade nos eventos, polo tanto “ademais da Policía Local contratamos seguridade privada”, afirma Suso Amado. En canto á protección das mulleres e do colectivo LGTBI+, Sindo Guinarte falou da instalación do Punto Lila na Alameda, de 8 da tarde a unha da madrugada “para evitar situacións de acoso e risco específico, informar, protexer e darlle seguridade a eses colectivos”.