Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxía Lambona propón unha viaxe á galaxia

"Astronauta sideral" é o nome do tercer álbum da banda infantil que leva cinco anos tocando polo territorio galego

Integrantes do grupo Uxía Lambona e a banda molona no se disco "Astronauta Sideral. / Cedida

O grupo de música infantil Uxía Lambona e a banda molona vén de lanzar o seu o seu terceiro álbum baixo o nome de "Astronauta sideral". Esta formación, un proxecto da compañía viguesa de animación Troula fundada no 2002, leva tocando desde o ano 2014 por todo o territorio galego, sumando máis de 150 concertos a día de hoxe. Este traballo, "o máis soñador" dos tres que ten a banda, toma o nome dun dos temas do disco que transmite aos nenos a mensaxe de que "tes un mundo para explorar, e se tes un soño pódelo alcanzar". Con deseño atractivo que traballa a temática da galaxia e o espazo exterior, o álbum xurde coa intención "de que os nenos e nenas sigan a bailar e cantar en galego connosco a través de cancións tradicionais ás que lle cambiamos a letra ou estilo musical, cancións propias e algunhaa que outra versión", comenta Laura de Gabriel (Uxía Lambona para os nenos).

Xunto a Uxía Lambona cantando e animando sempre en galego, forman a banda Pali ao baixo, Ñoc á batería, Diego á gaita e frauta, Serghaño á guitarra, e Roscón ao acordeón.

"O disco está composto por "9+1 temas, xa que cando rematamos de gravar ocorréusenos meter un a maiores (un agasallo), que é unha nana chamada "A Ron Ron" que xurdiu por unha lidera persoal, xa que eu tiña unh melodía que meu pai me cantaba para durmir, a súa vez a súa nai cantáballe a el,... e como non podía ser menos eu cántolla ás miñas fillas, descubrín que a melodía é dun tema tradicional chamado "Axéitame a Polaniña" e a estrofa que se repite na canción é propia do legado familiar", explica Sergio Rodríguez (Serghaño).

O resto dos temas son as versións "Rock Molón", unha canción do clásico de Elvis "Jailhouse Rock" feita para dar a benvida aos concertos, "De Festa", baseado na canción tradicional hebrea "Hava Nagila" que a banda galega converte en manifesto dun mundo en igualdade, paz e alegría, "A Cumbia de Benitiño", onde manteñen a letra do "San Benitiño" e a converten nunha cumbia verbeneira, "Muxía & Roll", unha versión do "Grease Lightling" que aproveitan para presentar á nova mascota, a vaca Muxía, ""Na beira", inspirada na tradicional "Na beira do mar", onde falan de diferentes medios de transporte, e"Vacas de verán", baseado no festeiro "O Caneco". O álbum complétase cos temas propios "Astronauta sideral", creado por Diego Roca (Roscón ao acordeón), "Verdescente", composto por Sergio Rodríguez e inspirado no amor e respeto á nosa terra galega, e "Parabéns", composto por Laura de Gabriel (Uxía Lambona) para felicitar os aniversarios.

Os estilos musicais seguen a mesma liña que os anteriores traballos da banda. "Intentamos variar según o que nos pidan as cancións e as súas letras; hai temas que son máis para o directo entón facémolos máis cañeiros, e de ahí falamos do ska, R'n'R, pero sen deixar outros moitos estilos xa que nos gustan todos: cumbia, rap, klezmer,...".

Como non podería ser doutro xeito, a banda contou con nenos para as gravacións. Neste disco crearon un coro propio "de baixo custe" composto por fillos dos músicos e de achegados. Na gravación do clip "De Festa" contaron cos nenos e nenas do Colexio Reibón de Moaña, "uns grandes seguidores nosos, aos que lle temos moito agarimo".

"Astronauta sideral", editado por Inquedanzas Sonoras, pódese atopar en máis de vintecinco puntos de venda en diferentes localidades galegas e Barcelona, na propia discográfica, na web da banda e tamén en plataformas online.

Tras a presentación do disco en Mos o pasado venres 6 de decembro, o grupo ofreceu actuacións en Dodro, Narón e Cerceda, e ten pechados concertos en A Coruña, o 2 de xaneiro, e en Cariño, o 4 de xaneiro.

Para Laura de Gabriel, o maior recoñecemento ao traballo da banda "é o sorriso dos nenos e nenas, como cantan e bailan connosco, como se visten coma nós, como queren esa foto ou esa dedicatoria no seu CD, os seus debuxos, as súas miradas, as súas apertas... o seu cariño! Non hai nada máis gratificante".

Compartir el artículo

stats