Na era COVID que nos toca vivir non nos deixan bailar. Nos concertos a xente ten que estar sentada, con mascarilla e mantendo as distancias. Pero non é sinxelo manter o traseiro pegado á cadeira cando estás escoitando en directo música que che gusta. Nalgúns casos, que te apaixoa. Por elo, algúns rapaces que asistiron hoxe ao mediodía ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre no Revenidas (Vilaxoán) animáronse a botar uns pasos improvisados nun lateral do recinto, apartados da zona de butacas. Un xesto que foi aplaudido non só polos artistas, senón tamén por todo o público. Estaban separados, con mascarilla e ao aire libre. Polo tanto, "no problem".

Díaz tíñao claro: “A xente que baila é moito máis feliz ca que non o fai”, remarcou o músico ao inicio dun concerto que comezou con puntualidade británica (ás 12.45 en sesión vermú), sen saber que na recta final da súa primeira actuación en Vilaxoán parte da rapazada deixaría os seus asentos para bailar xunto a brisa do mar.