Simbad tiña tantas historias que contar coma os mariñeiros galegos. A diferencia é que o mariño máis famoso da literatura non tiña televisión. O peso da Galicia marítima na realidade global da nosa comunidade é tan grande que merecía unha atención especial e por iso a TVG estrea Salitre, un programa centrado na vida das personas que cada día enchen os portos galegos e que, co seu duro traballo, conseguen que o peixe acabe nos mercados. Trátase da primeira vez que a televisión pública de Galicia dedica un espazo monográfico semanal á realidade dos portos galegos na que os homes e mulleres do mar falan de sí mesmos contando a historia eles mesmos..

Cada semana o equipo de SALITRE viaxará a un porto distinto de Galicia para buscar e mostrar aos espectadores a vida das persoas que alí traballan: mariñeiros, estibadores, percebeiros, policías portuarios, poxadores, redeiras, bateeiros, técnicos das confrarías, vellos lobos de mar, membros de salvamento marítimo…

Nesta primeira xeira o serial estará presente nos portos de Fisterra, Cangas, Burela, Vilagarcía, Riveira, Sada, Ribadeo, Vigo, Celeiro, Malpica, Cambados, Cariño, O Grove. Pero o seu navegar non se deterá aquí, todos os portos galegos son importantes, os homes e mulleres de cada porto son singulares, a experiencia de cada un é única, e por iso é preciso ir a cada un dos moitos portos de Galicia para que non quede ningún porto sen que as súas xentes nos narren a súa vida.