Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Lorca galego

A súa relación poética profunda con Galicia era tamén política, no sentido nobiliario do termo

Capa do libro "Cantiga nova que se chama riveira" de Álvaro Cunqueiro, por Seoane.

Nunha laxe galega permanece a imaxe prehistórica dun cervo que se espella na auga. Pasa Pero Meogo e o cervo que á fonte vai beber. Cervo Cunqueiro e cervo Lorca beberon na mesma auga.

Certamente, en 1933, a Resol compostelana publicaba na imprenta Nós un libro de Álvaro Cunqueiro, do seu título Cantiga nova que se chama riveira. Por tras da edición estaba Seoane (cun deseño). Se cadra, Arturo Cuadrado. E mailo impresor, Díaz Baliño. Na Rúa do Vilar era a imprenta. O libro de cántigas ábrese con esta:

"Amor de auga lixeira

muiñeira

Amor de auga tardeira

riveira

Amor de auga frolida

cantiga

Amor de auga perdida

ña amiga".

E ben, xaneiro de 1936, Concha Méndez e Manuel Altolaguirre sacaban nas súas Ediciones Héroe, de Madrid, un libro de Federico García Lorca, que os seus editores certificaban inédito. Levaba como título Primeras Canciones. O poema de Lorca canta como segue e titúlase "Remansos":

"Cipreses.

(Agua estancada)

Chopo,

(Agua cristalina)

Mimbre

(Agua profunda)

Corazón,

(Agua de pupila)"

As letriñas de Lorca e de Cunqueiro reflíctense no espello da tradición literaria e da autenticidade contemporánea igual ca o cervo do petróglifo pontevedrés se duplica maxicamente e para os séculos dos séculos soñaren no mito incesante de Narciso. Cunqueiro e Lorca debrúzanse sobre a mesma auga. Case escriben a mesma cousa.

Risco, nun texto sobre Juan Pérez Creus, lembrou as conexións medievais de Galicia co Al-Andalus occidental na Reconquista e primitivo Portugal. En certo xeito Seis Poemas Galegos de Lorca fai unha Reconquista literaria á inversa: de Sul a Norte.

Estes días aparece nas librarías un conxunto de libros referidos a García Lorca en Galicia. Vexan: Federico García Lorca, edición e establecemento de texto de Seis Poemas Galegos por Luis Cochón e Manuel González, e contornas críticas de Isabel Bugallal, Antón Lopo, Arturo Casas, Xosé Sánchez Reboredo e Arcadio López Casanova; Chan da Pólvora, Compostela, 2018. Logo, nos escaparates luce unha edición facsimilar da primeira edición dos Seis poemas galegos e maila edición ilustrada de El gran viaje de estudios de García Lorca, por Luis Mariscal, ambos editados tamén o pasado ano por Alvarellos.

Falabamos de Álvaro Cunqueiro. O impresor da súa Cantiga nova que se chama riveira morreu asasinado polo franquismo en Ons de Cacheiras. Esta víctima tamén editara os Seis Poemas Galegos de García Lorca, fusilado en Vizmar, Granada. Moita xente odiaba a intelixencia española e galega da Frente Popular. A relación poética profunda entre García Lorca e Galicia era tamén política, no sentido nobiliario do termo. Moitos foron os que odiaban a Federico García Lorca, e por causas diversas e enlazadas. Por el ser comunistoide, homosexual e triunfador no teatro e na poesía. Estou certo de que son moitos os que aínda detestan García Lorca, pro noto que son moitos máis os que seguen a chorar a súa horribel morte, eiquí e por todo o mundo.

"Toda a casa estaba chea

de espellos para soñar".

Isto escribeu Cunqueiro en Cantiga nova que se chama riveira, 1933. Neste libro o poderoso poeta de Mondoñedo estaba espellando as imaxes que a tradición poética galega inxectou no fluxo creador de Federico García Lorca. Ou viceversa. Coma o cervo narcisista da Laxe das Lebres, Poio.

CAIXA POSTAL

Lembranza do circo en Vigo

  • "Facía fresco de mañán,/ abrín a ventana, e non/ supen porque reñían as gaivotas/€ Espléndido día para cavilar".(Do autor)Con moito agarimo ao Fondo dos Espellos a miña recordanza de neno dos circos e radio-teatros que viñan a Vigo. Todos eles tiñan un lugar onde instalarse: o Campo de Granada, en tempos de nefasta recordación, Praza da División Azul, hoxe Praza do Rei, na traseira da Rúa Taboada Leal entremedias co Cable Inglés e a Rúa do Pracer. Cunha fermosa fonte de ferro fundido con billa de bronce brillante, de auga de mananciais do Castro dos que moito se aproveitou a Panificadora até que se fixo a Rúa das Camelias.Unha vez que marchaban os circos, se eran de animais (feras, leóns, etc.), mamá non nos deixaba xugar a pelota no Campo de Granada porque se corría o risco de coller o tétanos se caías e te rabuñabas coa terra. Recordo que os rapaces maiores seica lle levaban gatos para alimentar as feras a cambio de eNtradas. O certo é que cando viñan circos de animais desaparecían algúns gatos. Que mágoa.Apertas de buxo.Manuel Xío Blanco Autor creativo na reservaMósAgradecemos moi vivamente esta excelente evocación do circo na cal o seu autor usa da memoria e da perpectiva infantil. Sería interesante reconstruir historicamente as diversas lugares que en Vigo o concello destinou a acoller os circos ambulantes. Sen perder nunca de vista que Vigo foi a única cidade de Galicia, que gozou dun excelente circo estabel, coma o Medrado ou o Cirque D´Hiver de París ou o que Jules Verne levantou, sendo concellal, non sei se en Nantes ou en Amiens. Estoume a referir ao Teatro Circo Tamberlick. Debido á presenza do Tamberlick, hai moitos anos había xente en Vigo que lle dicía Rúa do Circo á que oficialmente se chama de Eduardo Iglesias. Desgrazadamente, o Tamberlick terminou por ser exclusivamente sala de cine até que foi derrubado. Tamén sería bon, para a microhistoria local, o precisar os sitios onde os títeres (circos sen chapitó e máis humildes) ofrecían as súas actuacións na cidade onde escribimos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats