Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Natal en Oriente

No Natal, os cristiáns de Siria foron felices ao poderen celebrar a victoria das armas nacional-populares e republicanas do seu país sobre a barbarie islamista que fora promovida polos EE UU, Israel, Arabía Saudí€

Un templo cristián destruido en Siria pola agresión imperialista e islamista. // Sputnik / Valeri Mélnikov

Apareceron no Fondo dos Espellos sombras de vellas lecturas que nos transportan a Syria, a Siria. Alí, coma no Exipto, había cristiandades numerosas no tempo no que os nosos devanceiros Callaici ou Gallaici, digamos Galaicos, se resistían ao Panteón romano e, contumaces, rendíanlle culto e sacrificaban a Nabia, Poemana, Berobreos, Endovellicos, Laroucos e outros deuses e deusas de xenética indoeuropea cuxos nomes eu agora estou restaurando en caso nominativo.

Imaxinei como foron estas pasadas festas de Nadal ou Natal na Siria recén librada da agresión imperialista e islamista. E vin alí cristiáns practicantes a celebrar ceas e xantares e a erguer copas do bon viño do país que algún día dera tema para un milagre de Cristo. Viño de Siria que foi convertido, tamén no Evanxeo, nunha das materias sacras que poetizou en galego Faustino Rei Romero. No Natal, os cristiáns de Siria foron felices ao poderen celebrar a victoria das armas nacional-populares e republicanas do seu país sobre a barbarie islamista que fora promovida polos EE UU, Israel, Arabía Saudí? Naturalmente a vitora de Siria non sería tal, ou sexa total, sen o apoio de Rusia, que segue sendo forte despois do afundimento da URSS. Isto festexaron no Natal os cristiáns practicantes e os batizados e conversos ao ateísmo ou ancorados no escepticismo e no agnosticismo, de Siria.

É antiga, si, a cristiandade de Siria. Alí adopta liturxias moi diferentes entre sí. Aquelas igrexas competen e desputan por dogmas milenarios entre os que só os peritos a teólogos poden apreciar diferencias. Uns xúntanse en confisións étnicas e outros integran comunidades cristiáns que se presentan como universais. As linguas ceremoniais poden ser a caldea ou aramea (a que falaba e na que predicaba Cristo), a árabe culta, a armenia, a siríaca venerábel. Aí os están os maronitas, os nestorianos, os melchitas. Hai faucións destas xíneas que se someteron á obediencia romana ou á regra ortodoxa, algunhas sen renunciar aos propios ritos. Mesmo albiscamos, alentados por Occidente, centros católicos romanos (e xesuíticos) e máis comunidades luteranas. Todo o cristiano de Siria brindou este Natal polos presidentes el-Assad e Putin por que os salvaron de ser exterminados polos almorábides armados e pagos polo Imperio. Os cristiáns de Siria están hoxe particularmente agradecidos ao Partido Baas ou Ba´th, cuxo nome, traducido ao galego, é Partido do Rexurdimento, por varias e importantes cousas. Non é a menor a de o Baas ser aconfisional e defensor da libertade de cultos. Por parte, o Baas, sendo panarabista, non pretende que o Islam forme parte esencial e constitutiva da nación árabe. Segundo o Baas, a nación árabe debe fundamentar o seu Rexurdimento no laicismo e na separación entre o Estado e as confisións relixiosas.

Non brindarían nin en Natal nin con bebidas alcoólicas os integrantes de varias sectas muslimes que en Siria conviven, a non ser aqueles dos seus membros que sexan tan afeccionados ao viño coma algúns poetas andalusíes da Idade Media. Aínda que a maioranza islámica estea en Siria apoiando o partido Baas. Tamén semellan acharse ben cómodas co goberno baasista as minorías nacionais formadas por armenios, arameos, asirios, turcómanos, kurdos. O baasismo respecta a presenza de minorías nacionais mentres que o fundamentalismo mahometano tende a reprimilas sen dó. En canto a Turquía, hai moitos anos que as minorías nacionais do Oriente Próximo temen o que parece ser un suprematismo étnico e cultural herdado do Imperio Ottomano.

Coa axuda de Rusia, o exército de Siria obtivo unha vitoria militar, e o Estado unha vitoria política, de repercusión mundial. Esta vitoria non só librou da aniquilación as igrexas cristiás e as minorías nacionais senón que tamén fixo evidente que xa non se pode conquistar un país enteiro e desposuílo das súas riquezas naturais e da súa libertade como ocorrera en Iraq e en Libia. Non é viábel xa enforcar presidentes baasistas e partir en anacos corpos de presidentes nacionalistas árabes, como foron os casos de Sadam Hussein e de Gadaffi. Tamén foi visto que acabou o tempo das "primaveras árabes" e dos "terroristas bos", que tamén encontraron en Siria a fin da súa historia. A vitoria gubernamental siria, completada con axuda rusa, deixou establecido que un mundo multilateral é o que se abre diante nosa. A globalización e o goberno mundial do capitalismo neoliberal foron detidos en Siria. E alí, eu vexo os cristiáns máis contentes ca unhas Páscoas.

CAIXA POSTAL

Xenealóxica

  • Neste apartado recibimos algunhas críticas merecidas. Nelas acúsannos de imprecisión e errores nas mencións que facemos da ascendencia circense do Padre Silva. Pido perdón. A xenealoxía non é precisamente o meu dominio. E as miñas únicas fontes, a repecto dos antepasados do Padre Silva, son as memorias familiares que me foron relatadas. Sobre esta base non documental atrévome a construir, sempre temeroso de resultar erróneo, os antecedentes familiares de Xesús César Silva Méndez, coñecido como P. Silva. Este era fillo de Xosé Silva Xil e de María Méndez Feixóo, nativa de Vilanova dos Infantes. María nacera no matrimoño de Vilanova formado por Manuel Cucufate Méndez Santalices e Blasinda Feixóo Méndez. Blasinda procedía do fogar formado, ao pé da muralla de Vilanova, por Manuel Feixóo Feixóo (o Tío Ceguiño) e Manuela Méndez López. Desta unión matrimonial naceu tamén Secundino Feixóo Méndez, fundador do Circo Feijóo. Polo tanto, o Padre Silva resulta, dacordo co que eu recibín da tradición familiar, sobriño neto de Secundino Feixóo Méndez. O mesmo ca min. Depois, e até os nosos días, os descendentes de Secundino Feixóo, o fundador, emparentaron fora de Galicia con varias e coñecidas familias circenses. Pero nese simpático labirinto nin sequera pretendo entrar por eu carecer do xenio de García Márquez e moito menos desoutro, unido á erudicción, de Boccaccio en Genealogiae deorum gentilium, en XV libros portentosos. A miña intención non foi outra que a de contar os rudimentos do circo en Galicia e a de reclamar un Circo Nacional propio, con referencia ao soviético e ao quebequés "du Soleil". Nestas notas restaurei a forma orixinal dos apelidos castelanizados sempre que me portiñesen a min propio.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats