Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

De anacoretas marítimos

Sartego da Laxe do Crego, en Ons.

Tratamos, tempo atrás, de santos varóns, e porventura tamén femias, que en Galicia se retiraron a illas de debrocas costeiras para faceren vida penitente. Imos agora insistir nesa materia histórica tendo sempre en conta que as orixes do cristianismo galego son máis ben misteriosas.

Conta a lenda áurea que un San Clemenzo, Papa, foi morto por Traxano. O emperador mandou fondear o santo no Mar Negro, cunha áncora de ferro atada no pescozo. Unha colla de anxos construiulle a Clemenzo no fondo mariño un mausoleo de mármore moi belo. Cada tal tempo, retíranse as augas e a xente de ben admira o sepulcro e pídelle a Clemenzo mercedes. Pois ben, eiquí na Illa de Ons existe un sartego apropomórfico que as marés solagan e descobren.

Diu con el Álvaro das Casas e fíxolle Xurxo Lorenzo debuxo arqueolóxico preciso. Pon Das Casas, en Nós: "Percibín un sartego antropoide de perto de dous metros de longo a uns cincuenta metros da costa polo Leste e a uns douscentos do desembarcadeiro; e nun lugar que din Laxe do Crego (€) A tradición di que a terra adiantaba aínda ben máis da laxe, e que neste lugar había un fermoso mosteiro que se esborrallou cando "os franceses". Así Álvaro das Casas ouviu o conto nos anos 30 do século XX. Non demasiado lonxe da Laxe do Crego, na freguesía marinense de Ardán, áchase a Illa do Santo, con restos dunha ermida. Na Idade Media foi chamada, esta illa e ermida, San Clemenço do Mar, e cantada polo trobador Nuno de Treez. Serán a Laxe do Crego e a Illa do Santo restos dun culto, practicado por eremitas, ao San Clemenzo que Traxano mandou afogar en Crimea segundo narra a estoria piedosa?

Se imos á Historia Natural de Plinio (23-79 d. X.) vemos alí enxurradas de datos relativos a Gallaecia. Ao tratar de illas di Plinio que son dúas as que merecen ser citadas: "Corticata et Aunios", que todo o mundo entende que deben ser Cortegada e Ons. Deixando agora a un lado a orixe dos topónimos Oia (tal vez de Auninia), encontramos hoxe, e ben arredadas da maior illa atlántica, dúas freguesías que levan o nome de Ons. Santa María de Ons en Brión e San Simón de Ons, coñecida esta tamén como Cacheiras. Non se sabe como Aunios ou Ons poido viaxar do mar maior ás veigas verdecentes da Terra de Compostela. En todo caso, sinala Xosé María Lema que a iconografía de San Simón de Ons presenta tal santo no cimo dunha columna a facer penitencia igualiño a Simón Estilita I e Simón Estilita II. Sen esquencernos que o posíbel anacoreta que deu nome á illa de Meendinho foi tamén un San Simión destas características. As coincidencias fantásticas entre Oriente e Gallaecia no noso cristianismo primitivo son permanentes e sempre marchan a carón da heterodoxia. Risco tan católico, pensaba así.

Nos séculos III, IV, V, homes santos e entolecidos e mulleres non menos (coma a famosa Thais, inmortalizada por Hrosvitha) dedicáronse en Exipto e noutros lugares de Oriente a facer penitencias terroríficas e individuais en lugares ermos ou desertos. Este movemento foi domeado pola autoridade eclesiástica e conducido ao monacato colectivo e disciplinado. San Froitoso ou Fructuoso de Montelios ou de Braga, antiguo asceta solitario, foi quen puxo a eremitaxe galega en orde e concerto e estableceu as bases do universo cenobítico de Galicia.

En Galicia hubo santos/as isolados nos montes do Bierzo, nas Ribas do Miño e do Sil, en Rocas, noutros lugares, que vivían coma os seus conxéneres de Siria ou da Tebaida de Exipto. Mesmo Rosendo quixo evalocalos sentimentalmente cando fundou Celanova ao pé do Monte Leboreiro.

A singularidade dos anacoretas galegos reside en que eles tamén procuraronas soedades ascéticas nos rochedos mariños. Practicaron o ermitaxe en illas daquela inhóspitas, coma a de San Simón, a do Santo de Ardán, as Cíes, Tambo, a Coelleira do Vicedo, nas ribeiras da Mourisca de Beluso, no San Mamede do Mar que cantou Johan de Cangas. Algúns destes sitios evoluiron a romaerias populares centradas nun santo, e brillan hoxe nos Cancioneiros. Outros transformáronse en cenobios e terminaron por integrarse nos grandes mosteiros medievais -e tal foi o caso de Cíes, por caso. A San Mamede do Mar, concello de Bueu, podemos aínda hoxe acudir en romaría tendo a praia de Bon aos nosos pés. Hoxe o pobo reférese a ese santo como Sanamedio: aí o está á espera de nós.

Entre o século V e o XIX, o mar encheu e devalou tantas veces que o pensalo alouléanos. Moitas veces a maré cubriu e descubriu a Laxe do Crego da Illa de Ons. Neste longo tempo, a Tebaida galega desapareceu e deu paso aos mosteiros. Estes non pararon de engordar en riqueza e en poderío político. No transcurso de quince séculos o monacato galego medrou sen límite. Chegado a un punto crítico, a burguesía liberou as rendas e exclaustrou aos fredes e monxes que tiñan como antiquísimos ascendentes os ermitáns das covas e illas desamparadas de Galicia. Mendizábal e o doutor Madoz expropiaron e secularizaron para sempre, en Galicia e en España, aquil monopolio insufríbel.

Desexamos vivamente que as autoridades do Parque Nacional das Illas Atlánticas inclúan no seu discurso didáctico a memoria dos eremitas galegos que nelas viviron e apodreceron.

Dedicamos este sinxela memoria, extraída do Fondo dos Nosos Espellos, aos que integran a Asociación Cultural Piñeiróns e editan a revista Aunios. Co pensamento posto en Álvaro das Casas e nos mocedades Ultreia que a bordo do pailebote manuelantoniano Joaquín Pérez fixeron unha xeira de estudos e lecer a Illa de Ons o ano 1932. E alí foi descoberta a Laxe do Crego que une Ons con Crimea.

CAIXA POSTAL

Institutos paralelos

  • Escríbenlle ao Fondo dos Espellos, de consún, Margarida e Paulos. Así, simplemente, asinan desde Tui e Noia, onde eles din vivir en alternancia. Chaman a nosa atención e piden opinión sobre os Institutos, coido chamados Locais, que creou a II República naquela cidade miñota e na vila gloriosa da mitica Noela. Canxa co que tratamos no presente Fondo dos Espellos. De memoria, direilles a Margarida e Paulos que nas dúas poboacións foron creados tais institutos so o signo do progreso, do galeguismo e da educación e instrucción activas. En Tui, Ferro Couselo, Salvador Parga Pondal, Prieto Coussent, foron profesores que sacaron o alumnado da aula á vida e á historia. Fixeron os rapaces prospeccións arqueolóxicas en Cabeza de Francos e frecuentaron o Aloia. Traballaron, xunto con mestres pedreiros, nun monumento público a Sócrates e noutro a Valle-Inclán. Ambas estatuas foron denigradas: unha feita desaparecer, pola Falange Local, chegado o intre do holocausto republicano en Tui. No caso de Noia, o director, Álvaro das Casas, era un puro "torbellino de Noruega", que decía o poeta castelán. El, ao tempo, independentista e imaxinativo, regaloulle a Galicia as mocedades Ultreia, que saían á rúa cun xersei branco co triskele colado e moi visibel. A idea de Casas, pensada e executada no Instituto Local de Noia e lonxe da disciplina do Partido Galeguista, era a de formar unha sorte de escutismo nacionalista fora da disciplina do PG, co cal nunca tivo el mesmo acordo. Os Ultreia facían xeiras protexidas por infinidade de personalidades civís e republicanas, e aínda empresas como Mondariz ou Massó.A aventura dos Ultreias que Margarida e Paulo resustan na nosa reminiscencia é aquela na que armaron un pailebote e foron todos a Ons. Naquela feita, a Illa de Ons foi descoberta polas ciencias históricas e falou despois dun silencio milenario. A aparición e mención da Laxe do Crego, que deseñou Xurxo Lorenzo, constitúe hoxe o incentivo que nos leva a escribir sobre a Tebaida Galega, aínda que xa o fixeramos nunha ocasión pasada. A fin de Álvaro das Casas foi terribel, e moi comprensíbel no contexto no que se inscribiu a súa humanidade contraditoria. Exiliado do franquismo, Álvaro das Casas ancorou no salazarismo e na dereita fascistoide. Moitos dos seus compañeiros de xeración apiadáronse del no intre no que souberon que viñera da América a Galicia e que morrera ao baixar do avión en Barcelona. Non coñezo ben a biografía de Álvaro das Casas. Lembrarei sempre un seu irmau, dono da Librería Casas do Espolón da Praza Maior de Ourense, coñecido como o mellor profisional do ramo en Galicia. E ao outro irmao, Augusto María Casas, funcionario en Cataluña, que se mantuvo até a morte como escritor galego monolingüe a solidario cos que se reunían para a libertade de Galicia e das persoas do mundo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats