Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ponte do Capitán Nemo

Pierre Aronnax, suxeito narrador de Vint mille lieves sous les mers. Debuxo de Riou gravado por Hildibrand, 1870.

Vaiamos ao interior de Vingt mille lieues sous les mers, novela publicada en París por Jules Verne (Jules Hetzel, París, 1870) con traducción galega de Mercedes Pacheco Vázquez e Llerena Perozo Porteiro. (Ir Indo, Vigo, 2007). No capítulo VIII, "La baie de Vigo", o suxeito que narra móvese moi nervoso polos corredores do Nautilus. El, Pierre Aronnax, périto en misterios das profundidades mariñas, e hóspede forzado do capitán Nemo, entra no salón de respecto da nave submariña.

Aronnax ve, pendurados das paredes, diversos retratos. Recoñece nas augafortes as figuras de Kusciousko, heroi da independencia de Poloña; de Botzaris, "Leónides da Grecia moderna"; de O´Connell, "defensor da independencia de Irlanda"; de Washington, "fundador dos EEUU"; de Manin, patriota italiano; de Lincoln, "caido baixo as balas dun escravista"; a máis daquel "mártir da liberación da raza preta" que foi John Brown.

O capitán Nemo reúnese co profesor Aronnax. Sentan ambos nun diván. Nemo informa ao seu invitado especial de que o Nautilus descansa no fondo da ría de Vigo. O lector actual sabe que, exactamente, o submariño repousa sobre os fondos lamacentos da Enseada que preside na superficie o perfil inconfundíbel da Illa de San Simón.

Nemo fixéralle a Aronnax un relato breve e preciso da batalla naval de Rande, segundo a versión dos feitos que predominaba na cultural histórica da segunda metade do século XIX. Na narración de Nemo dábase por certo, absolutamente, que o almirante Château-Renault mandara barrenar (sobarder) os propios galións, alén de incendiar a totalidade da frota francoespañola antes de lle ceder aos ingleses os tesouros da Indias que transportaba o convoi.

Nun intre clave da novela, préndense as luces do Nautilus e a través da vidraza, Aronnax asiste ao espectáculo dunha pillaxe colosal e descoñecida na historia e na literatura. Mira como das crebas afundidas en Rande saen barrís e caixotes estripados. Deles despréndense pezas de ouro e prata, "cachoeiras de piastras e de alfaias". Mira como os buzos do capitán Nemo, "carregados con tan precioso botín", voltaban ao Nautilus e depositaban nel os sacos, e como ían repetir esta inesgotábel pesca de ouro e de prata". Daquela, Aronnax, lembra.

Lembra Aronnax que, durante a viaxe do Nautilus polo Mediterranea, Nemo consignara, mediante un bote, unha caixa de lingotes de ouro destinados á illa de Creta. Isto ocorría durante o tempo no que aquella illa, nas revoltas panhelénicas, se sublevara contra o imperio turco. De tal modo, e relacionando todo o que viu e ouviu no Nautilus, o profesor Aronnax chegou á conclusión de que Nemo, aquel individuo de apariencia misantrópica e egoísta, era en realidade un protector xeneroso das razas e dos pobos e nacións asoballados de todo o mundo. Decatouse o profesor suplente do Museo de Historia Natural de París, de que as riquezas acumuladas por Hernán Cortés ("Ferdinand Cortez", na novela) aos indios de México e as que lle foran detraídas aos de Perú, estaban a subvencionar as causas liberadoras dos pobos subalternos do mundo.

As buxías eléctricas alúmanse no Nautilus que repousa so as augas de San Simón e a calma enseada convértese, nunhas cantas páxinas de Vingt mille lieus de Verne, na fonte de finanzación internacionalista de todos os movementos de liberación do Planeta. Os recursos que a monarquía española lles roubara os pobos da América redistribúense na enseada de San Simón. Nunha novela ulterior, L´Ille Mystérieuse, resultan revelados os derradeiros segredos da actividade revolucionaria do capitán Nemo. Actividade que Jules Verne quixo fechar, e fíxoo gloriosamente nun romance de intriga perfecto e de xeito definitivo. Se á Ninpha Galega de Feixóo Montenegro lle dose dado mirar dentro das audas foldadas de San Simón como o capitán Nemo predaba as riquezas da Frota para fomentar a revolta mundial ao mellor o seu ánimo se recompoñía e perdía a tristura con que ela cantou a desfeita de Rande.

A Eduardo Rolland e aos verneanos galegos actuais sempre lles gustaron unhas palabras que Nemo lle dirixe ao doutor Aronnax: "Et bien, monsieur Aronnax, nous sommes dans cette baie de Vigo, et il ne tient qu´à vous d´en pénétrer les mystères" ("E ben, señor Aronnax, estamos na ría de Vigo cuxos misterios a vostede lle corresponde penentrar").

Congratulámonos de que a memoria de Verne viva hoxe na cidade de Vigo e nas poboacións da súa ría. Esperamos conseguir que, un día, a actual ponte de Rande se convirta, con merecemento, en Ponte do Capitán Nemo. Aquel día a Ninpha Galega aplaudirá entre as crebas do galións afundidos; e voltará chorar. Pro esta vez de ledicia.

CAIXA POSTAL

Psalmos e Cancioneiros

  • Señor Méndez, nun dos seus artigos recentes do Fondo dos Espellos e referíndose a "Cantiga de San Simión", sinala nela a influencia do Salmo 87-88. Hai posibelmente outros casos nos Cancioneiros Galegoportugueses. Podería facilitarme referencias bibliográficas que traten no asunto? Pedo disculpa polo meu fraco galego".Manuela da Silva e ReçaBRAGAPor orde cronolóxica, o primeiro en detectar unha pegada bíblica na nosa poesía medieval foi Filgueira Valverde en A paisaxe no Cancioneiro da Vaticana, Lar, A Coruña, 1927. Ligou alí Pero Meogo o tema do cervo e da fonte tal como aparece no Psalterio. Relación simbólica-bíblica entre o cervo e o amante foi identificada por Luciana Stegagno-Picchio nun artigo sobre Vidal, Judeu de Elvas, en A lição do texto, I, Idade Média, Edições 70, Lisboa, 1970. Mención imprecisa sobre outra ocasión de influencia bíblica véxase nun artigo de Ernesto Guerra da Cal en Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, Galaxia, Vigo, 1958. En canto á presenza do Psalmo que vostede cita na enunciación da "Cántiga de San Simión", podo decerlle que eu tratei algo diso no Simposion Ondas do Mar de Vigo, Universidade de Birmingham, 1998. Pódese consultar a miña conferencia, revisada co título de "Meendinho connosco", en A Trabe de Ouro, núm. 34, Compostela, 1998.Estas inxeccións bíblicas no corpo da nosa poesía medieval non deben servir como adubo dunha resurección da vella tese litúrxica das orixes da nosa lírica. E menos poden presumir unha relevancia na nosa cultura medieval da literatura hebraica xenuína e da autoridade rabínica na sociedade civil. A Biblia latina en xeral, e a poesía dos Psalmos en particular, estaban presentes na Idade Media en toda a liturxia cristiá; non só na misa senón en todas as cerimonias reltivas ao ciclo da vida humana. Non resulta extraño, pois, que o pobo memorizase frases bíblicas e que a poesía popular e culta populista románica as incorporase como propias e tradicionais.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats