Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Etnoxénese galega e Reino Suevo. 1. Proemio

A exposición que a Deputación de Ourense e outros organizaron so o título "In Tempore Sueborum" foi moi concorrida e celebrada

Rexional de Mikulové, Chekia

Debemos felicitar ás entidades promotoras e ó seu comisario, doutor J. López Quiroga, por esta obra ben feita. Laiámonos, iso si, de que a mostra non poidese ser instalada no antigo pazo episcopal e actual museo arqueolóxico por haber uns dazasete anos que este se encontra lamentabelmente fechado. Algo apegado ás pedras, currunchos e reutilizacións seculares do pazo episcopal fala da presenza nebuloso e mítica do rei suevo Chiarrarrico en Ourense.

O termo etnoxénese (formación e nacemento dunha comunidade ou dun pobo), sobre todo a partir da reactivación que del fixo Reinhard Weinskus en 1961, referiuse ás dinámicas identitarias dos pobos bárbaros en movemento de ocupación das provincias occidentais do Imperio Romano. Os pobos case todos xermánicos, confluían en amalgamas tribais e asentábanse de forma estábel na Gallia, na Gallaecia, na Hispania, mesmo na Britannia e de forma transitoria noutros lugares. Os pobos xermánicos, algúns de condición peculiar coma os Alanos, serviron de instrumento para os plans de Deus, na idea dalgúns tardorromanos providencialistas. Na realidade, foron axentes liquidadores, igual que os tiranos ou usurpadores romanos do imperio. A medida que abandonaban a Germania e se movían por Occidente, ían constituíndose en novas identidades que, nalgún caso, coma o dos Suevos de Gallaecia e os Francos da Gallia, se territorializaron e deron paso a novas etnoxéneses coas elites romanas indíxenas ao tempo que se fragmentaba o latín vulgar.

Podemos imaxinar que os Suevos, tal vez os das tribos cuadas, a través dos seus cantadores, produciron un Hermerikslied, ou como se dixese na súa lingua. Ou sexa un "Cantar" ou "Chanson" de Hermerico en honor do guía que fundou o Reino de Gallaecia. O cantar que glorificaría aquel rei que sacou de territorios da marxe esquerda do Danubio, ou sexa da Germania, o seu pobo, mulleres, homes, anciáns, guerreiros, sacerdotes, tesouro, gado, acémolas, impedimenta, armamento e o levou en dirección de Poente á Fin do Mundo. O relato describiría o paso da horda sueva da orela dereita á esquerda do Rhin, aproveitando que estaba conxelado, a noite final do ano 406, como contan as fontes históricas. E como despois de bandearse pola Gallia, os Suevos acordaron en asemblea pasar a Britannia, propósito do cal os fería desistir Hermerico. Así pois, a nación en marcha dos Suevos baixou ao Sul, a través das gándaras, poulas e illós do que hoxe é Gasconha, para se deter nos Pireneos. Un martes de setembro do 409, segundo Hidacio de Chaves, os Suevos pasaron as portelas pirenaicas e entraron en Hispania a canda Vándalos e Alanos. Isto contaríao moito ben o Hermerikslied. Para despois relatar o reparto de Hispania, xogándose Suevos, Vándalos e Alanos o territorio. Se cadra servíndose para as sortes do oso verdugo dun carneiro. Aos Suevos tocoulles no 411 a Gallaecia, de forma especial a asturicense, a lucense e a bracarense. E a tal Terra de Promisión conduciu o rei Hermerico o seu pobo, para trocaren as espadas polos arados e ficaren para sempre aquí. No Hermerikslied habería estorias de treizón, vinganzas, odio, lealtade e nos acontecementos non deixarían de intervir os deuses do panteón xermánico. E moito sangue humano derramado.

Non chegou a nós Hermerikslied ningún, e só coñecemos os feitos mediante fontes históricas entre as cales sobrancean os escritos de Hidacio de Chaves e de Paulo Orosio, ambos contemporáneos dos acontecementos que relatan. Pero hoxe podería escribirse unha "Canción de Hermerico" á altura do noso tempo e á altura do tempo heroico. O seu autor ou autora actual tería que conxugar en si a inspiración poética con coñecementos de xermanística que lle permitisen unha familiaridade co Beuwulf, coas sagas escandinavas, co Nibelungenlied, coa Chanson de Roland, co Cantar do Mío Cid, así como co discurso narrativo do modernismo inglés (Pound) e do novecentismo francés sen se alonxar demasiado de Saint-John Perse e de Patrice de Tour du Pin. O autor ou autora de tal Canción de Hermerico estaría en posesión, sobre todo, dos recursos da lingua poética galega numerosa esixida por Darío Xohán Cabana.

Na Historia, os Suevos de Hermerico converteron a Provincia Gallaecia no Reino de Gallaecia en 411, pois. A totalidade dos historiadores cadran conformes en que o Reino fundado en Gallaecia por Hermerico é o primeiro en se constituír no contexto da crise e fin do Imperio Romano de Occidente. Outros pobos xermánicos fundaron reinos estabeis, coma o noso dos Suevos: na Gallia os Francos e, os Visigodos, no Meodía da mesma Gallia e na Hispania non galaica. O Reino Suevo de Gallaecia durou do ano 411 ao 585, en que foi anexionado polos Visigodos. Cremos que este Reino Suevo acelerou un proceso de etnoxénese que foi decisivo para que cristalizasen a lingua, a cultura, as formas de poboamento e mesmo de propiedade que constitúen as características nacionais da Galicia na que hoxe vivimos. Dalgunhas destas cousas iremos tratando no Fondo dos Espellos.

CAIXA POSTAL

"Aloianos"

  • Presentamos en Tui, máis exactamente no centro cultural da freguesía de Randufe, o libro Aloianos, do que é autor Alberto Romero Rodríguez (Romer). Duascentas persoas asistiron ao acto de presentación de Aloianos, que constituíu unha xuntanza de irmandade cultural en redor dun símbolo de cohesión social e grupal cal é o Monte Aloia. No libro colaborou o Grupo O Maúxo, a quen lle debemos entre outras cousas a invención (no sentido de descoberta) da Galicia subterránea. Mercé ao Maúxo nós sentímonos convocados polas espeluncas, polas concavidades, como xa escribía Rodríguez do Padrón. Romer, noutro libro, xa se nos revelara coma o grande valedor dos muíños de auga do río Tripes, afluente pola dereita que desauga no Miño en Tui. Romer é artista, escritor, etnógrafo e no libro Aloianos, así coma noutra obra súa, fainos subir ao monte de San Xián, nome que non deu borrado o prehistórico de Aloia, a descifrar unha parte dos seus segredos. Outros enigmas do Aloia quedan aínda, ou quedarían por sempre sen descifrar. Hai unha néboa misteriosa que vai dos cotos do Galiñeiro aos do Aloia. Unha néboa que pode mesmo fecharse moito e facer que nos perdamos no monte. Se así lles ocorrer a Vostedes, non teñan medo. Aquilo está cheo de axudantes inmateriais benéficos que nos acudirán, a condición de que lle prestemos atención á memoria máis remota e a máis recente deste monte que poido ser realmente o Medulio. En Randufe falouse da orixe xermánica certa no nome da freguesía. Houbo, antes do ano 711, alí un propietario da terra de nome Randulfus. En lingua xermánica, seguramente na que cantaba na boca dos Suevos, rand- significa "curro, borde" e wulf é "lobo". Randwulf sería, pois, "O Lobo que ronda a Muralla". Seguramente a grande muralla que circunda o Monte Aloia.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats