Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A primeira obra teatral impresa en Galicia e outras novas do Século das Luces

A primeira obra teatral impresa en Galicia e outras novas do Século das Luces

No século XVIII houbo florecemento intelectual en Galicia do que foron axentes propietarios, eclesiásticos, baixa fidalguía, burgueses togados e funcionarios públicos. A literatura galega, sequer apenas a poesía, incrementouse ao par dos estudos científicos sobre a natureza, a Historia e a lingua do País (verba, esta derradeira, moi propia do século no que naceu a Idade Moderna). Cada vez os actuais estudosos acatan menos o rubro "Séculos Escuros".

José Yxart escribía na introducción ás Cartas familiares do P. Isla (BCE, Barcelona, 1882), dirixidas á poeta galega setecentista María Francisca de Isla, estas palabras que evocaban o tempo dos primeiros Borbóns de Madrid: "? los manuscritos corrían de mano en mano, de tertulia en tertulia, de corro en corro y se celebraban por sabrosos cuanto más salpimentados de agudezas y ofensas a la susceptibilidad ajena?". Coexistiu con estes escritos festivos ou satíricos de transmisión manuscrita unha literatura alta ou científica que se dinfundía do mesmo modo. Case a totalidade da producción do P. Sarmiento e a maioría da de Cornide circulou no seu tempo en forma de manuscrito, e en boa parte aínda segue sen ser imprentada.

As semanas pasadas sacamos do Fondo dos nosos Espellos a figura de Joseph Cornide e nos interesamos porque a que foi casa súa deixe de estar ocupada pola familia Franco e pase ao dominio público. Decidimos non deixar hoxe o XVIII e tratar de tres textos literarios en galego, recentemente descubertos pola ciencia e a investigación.

Só un deles foi levado á imprensa e dous correron o mundo como manuscritos. Todos terminaron no esquencemento e hoxe áchanse en procedencia de reanimación. Comentarei estas obras con brevidade.

| 1.Entremés gallego que compuso Salvador Francisco de Roel, natural de La Coruña?, Santiago, c. 1708. Nada sabemos do autor cuxo nome figura na portada e este breve opúsculo foi descoberto recentemente por Julio González Montañés, investigador e historiador do teatro. É unha peza teatral menor que se representou na Coruña para celebrar o nacemento daquel infante Luís, fillo de Filipe V, que había de aparecer montado a cabalo no enterro do seu pai nun paso do Coloquio do P. Sarmiento. As personae son homes e mulleres casados e locuaces que se xuntan por celebraren o nacemento real. Comen, beben e fuman moito. E falan, de xeito vivísimo, nun galego rico e espellante. Trátase "del primer texto autónomo conservado impreso en gallego" e mais de "la primera obra teatral impresa en Galicia", como o descubridor, García Montañés escribe na súa páxina web. Hoxe pódese consultar en internet o folleto e achar o orixinal coñecido na Biblioteca Nacional de Madrid nun volumen compartido con outras publicacións so o título de Jardín de varias y hermosas flores?".

| 2. O romance da urca de Santo Antón. De autor anónimo, foi descoberto por Ramón Mariño Paz e Damián Suárez Vázquez no Arquivo Histórico Nacional de Madrid nun volumen facticio do tipo do que acolle o antes citado Entremás. Editouse con estudos dos autores ditos e de Margarita Sánchez Yáñez (Fundación Barrié/ILG, Coruña, 2012). É un romance galego que trata centralmente dunha misa e sermón que se celebrou en Ferrol en agradecemento á Virxe das Dores pola feliz arribada dunha urca de guerra despois de azarosa travesía. E todo foi unha argallada do piloto e do capelán do buque para lle zugar o diñeiro á infeliz dotación militar. Nesta peza, asistimos, por primeira e se cadra única vez nas letras nosas, a unha tormenta literaria a bordo dun navío de guerra. Resulta divertida a sátira anticlerical e dirixida tamén contra un oficial da armada española. O romance, ponlle sempre a Ferrol o artigo determinado. Porparte, un dos protagonistas é un suxeito de voce aguda ou afrautada e de apelido Franco. Os feitos e personaxes están tomados dun acontemento real. En canto ao navío, urca o seu nome, e se cadra tamén o modelo, é de orixe holandesa e pasou ao galego e ao castelán a través do francés (hourque, ulke). Máis unha nota dialectolóxica: a escrita do Romance da Urca de Santo Antón parece amosar claramente que en Ferrol se fala o galego con gheada no século XVIII. Mariño e Suárez datan o Romance en 1777.

| 3. Cincuenta dácimas contra don Diego Zernadas. Este é un manuscrito anónimo coma o anterior, que foi descoberto na Fundación Penzol de Vigo por Xosé A. Fernández Salgado, quen o publicou precedido dun estudo e con notas moi valiosas (Laiovento, Compostela, 2017). Diego Antonio Zernadas (ou Cernadas) e Castro, abade de Fruíme, que ligaba cálidas relacións con María Francisca de Isla e con Cornide, e con outros contemporáneos, tiña certamente inimigos. Un deles endereitoulle anonimamente unhas décimas nas que o acusaba de se quedar con doazóns para velas destinadas ao santuario das Dores, en Fruíme. Segundo o autor malicioso, o crego ilicitamente lucrábase coa complicidade do sancristán. Lémbrese que a Virxe das Dores é a mesma advocación ca a usada polos pícaros da urca ferrolá para facerse cunha pía recadación económica. As estrofes contra o Abade de Fruíme revelan un autor dotado de habilidade satírica no manexo do verso conceptuoso e "salpimentado" (Yxart) de enseño que esixe o cultivo feliz da décima en función escarniña. Salgado sitúa o texto entre 1745 e 1777.

No Fondo dos Espellos somos do dictame (así soía escribir o P. Sarmiento) de que quedan aínda moitas obras literarias en lingua galega do século XVIII por descobrir en arquivos e bibliotecas de Galicia, e non só de Galicia.

CAIXA POSTAL

Toponimia

  • Obra de Carlos Méndez Miguez, recibimos no Fondo dos Espellos, Toponimia de Pontedeva, Toxos Outos, Noia, 2018. Xa que Galicia, xunto co Norte de Portugal, a Terro Eo-Navia, o Bierzo Occidental e os concellos galegos da Zamora é un dos espazos do mundo con unidade linguisticocultural que posúen un maior número de nomes de lugar concentrados todo o que se traballe en favor da preservación de tal fartura pareceranos pouco. Na toponimia conviven a beleza eufónica e a súa utilidade para coñecer, desde a prehistoria a acó, as vicisitudes polas que pasou Galicia. Diversos estratos e adstratos prehistóricos (indoeuropeos e non indeuropeos), e históricos (latino, xermánico) dannos información preciosa sobre o noso pasado. Carlos Méndez Miguez incorporouse aos estudos do ramo da Toponimia de Ramirás, obra que iniciaba un proxecto ambicioso de análise onomástico da Terra de Celanova, que logo continuou con Toponimia de Gomesende e as que agora se suma esta Toponimia de Pontedeva que saúdamos no Fondo dos Espellos con ledicia. O método do autor, nos tres libros é comprensivo. No só recolle os nomes de lugares habitados e deshabitados, así como os das augas, senón que fai historia e arqueoloxía. Vai aos arquivos e documentos para dar conta do pasado. Pontedeva é un pequeño municipio da Terra de Celanova no que só conviven dúas entidades parroquiais ou freguesías. A lente de Méndez Miguez escoldriña até os derradeiros corrunchos toponímicos e ensaia, aportando diversas interpretacións, se elas existen, hipóteses ou chega a sertidumes etimolóxicas. Por razóns estéticas e sentimentais, de todos os topónimos estudados polo autor eu prefiro dous. Un, menor, As Panoias, e outro, o principal, Pontedeou ou Ponte Deva, que é como penso eu que deberamos escribir os nomes de lugar compostos pola liña dos portugueses. En fin, as Panoias interésame pola súa singularidade, xa que no Nomenclátor oficial de Galicia é nome único, en canto Machado dá conta documental e xeográfica de Panoias varias en Portugal. Lembramos que Nicandro Ares, nunha das súas eruditas intervencións, situaba o nacemento de San Martiño de Dume, non na Pannonia húngara, senón nunha Panoias galaicas do actual Portugal.Por que non habería de vir ao mundo o Dumiense nas Panoias de Pontedeva? Logo, fascina Deva, nome que levan varios ríos de Galicia e da Península Ibérica. A lingüística indoeuropea ensínanos que Deva é o mesmo ca Deusa. Que Deusa? Navia ou Návea, que tamén moito se repite na Gallaecia? Pro vexo que estou caíndo na divagación. Culpa Carlos Méndez MiguezTodos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats