Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Da pronuncia correcta

Visiten as feiras, as romaxes, os curros, as saídas das fábricas, as lonxas do peixe, as falas das tripulacións. Aí está o modelo do galego oral

Unha das edicións da súa obra "Manual de pronunciación española".

E cousa coñecida que as linguas se encontran en continuo movemento. O cambio lingüístico afecta ao léxico, á gramática, á pronuncia. Nas linguas con cultura estandarizada danse movementos de cambio nos estratos máis populares e informais que chocan con resistencias normativas ao cambio nos estratos sociais dominantes, na escola e nas prescripcións oficiais.

O caso do castelán, normativizado e ortografado desde o xéculo XVIII, debe ser tido moi en conta nos seus cambios de pronuncia, porque estes afectarán á pronuncia do galego se non estamos prestos a corrixir esa influencia. O castelán, que a Escola de Filoloxía Española chama sempre "español", dispón dun código de pronuncia correcta xeralmente admitido e apoiado pola RAG.

Estamos a falar da obra seguinte: T. Navarro Tomás, Manual de pronunciación española, Madrid, 1932. Foi reeditado moitas veces e durante moitos anos constituiu a única descripción do que o propio Navarro Tomás chamaba "pronunciación correcta española". Escribe así o autor na introducción ao Manual.

"Señálase como norma general de buena pronunciación la que se usa generalmente en Castilla en la conversación de las personas ilustradas, por ser la que más se aproxima a la escritura; su uso, sin embargo, no se reduce a esa sola región, sino que, recomendada por las personas doctas, difundida por las escuelas y cultivada artísticamente en la escena, en la tribuna y en la cátedra, se extiende más o menos por las demás regiones de lengua española. Siendo fundamentalmente castellana, la pronunciación correcta rechaza todo vulgarismo provinciano y toda forma local madrileña, burgalesa, toledana, etc. (€). Esta pronunciación, pues, castellana sin vulgarismos, y culta sin afectación estudiada especialmente en el ambiente universitario madrileño, es la que en el presente libro se pretende describir. Llamámosla correcta sin otro objeto que el de distinguirla de la pronunciación vulgar".

Ao ser o galego una lingua sentida como subalterna, o perigo permanente do uso do galego correcto nos medios de comunicación, na escena, no discurso público, é que o modelo sexa o que Navarro Tomás chama "la pronunciación correcta española". Vexamos algúns exemplos especialmente lacerantes.

O galego ten sete vocais, sen embargo existen locutores, actores e falantes públicos do noso idioma que só usan cinco porque imitan o "español correcto". E inconcebíbel a extensión que está tendo a pronuncia, á española, da conxunción copulativa e. O aberrante é que os que pronuncian i en lugar de e non son os políticos españolistas senón a mayoría das personalidades públicas do nacionalismo galego (Beiras pronuncia ben: e). O carácter alveolar do n castelán nunca pode ser trasladado ao discurso galego, cousa que fan con frecuencia algúns xornalista de radio e televisión.

Até aquí algunhas amósegas da influencia da "pronunciación correcta española" na pronuncia galega, que debemos erradicar, combaténdoas críticamente e sen dó. Pero temos que ter en conta que a "pronuncia española correcta" de Navarro Tomás sofreu modificacións e cambios porque, como diciamos ao comén, as linguas están sempre en movemento. Vexamos un caso.

A pronuncia do g fricativo español coñecía unha variante uvular de caracter dialectal e propio de Aragón, Navarra e asociado tamén aos vascoespañois. Como aquí non disponemos de caracteres fonéticos, nin dos antigos de Navarro Tomás nin dos universais, improvisaremos -gg- para reproducir artesanalmente esta variante fonética. E ben, a que era pronuncia vulgar e dialectal principalmente navarroaragonesa converteuse en forma de bo tono e, mesmo, en signo de distinción intelectual en España. Así ouvirán vostedes en prensa e radio españolas "lueggo", "larggo", "aggua". Eu teño a impresión de que a enorme cantidade de padres, irmáns, monxas e freiras de orixe navarroaragonés e vasca que enchían os colexios privados (os padres Solchagga, as irmáns Beggoña€) influiron tanto sobre os seus alumnos de familia franquista en toda España que estes, ao chegaren ao poder na Transición, impuxeron tal gaggeo ou garggarismo de forma absoluta.

O problema non é este, porque a pronuncia do español pode ir polos vieiros que colectivamente el escolla. O problema, e lamentábel, é que os que fan uso público do galego adopten tal pronuncia dialectal navarroaragonesa que, no noso idioma, constitúe un incruste feo e innecesario. O que nos leva a reivindicar, unha vez máis, o uso público da gheada, que si que é nosa. Tan nosa coma dos falantes do neerlandés.

Podiamos prolongar esta nota crítica de principio de ano pedíndolle aos que usan públicamente o noso idioma que traten de perfeccionar os tonemas e as curvas de entonación interrogativa, especialmente, axustándoas á forma de falar do común das xentes nas diversas comarcas de Galicia. Visiten, por favor, as feiras, as romaxes, os curros, as saídas das fábricas, as lonxas do peixe, as falas das tripulacións. Aí está o modelo do galego oral, poñan a orella.

CAIXA POSTAL

  • "Mándoche este libriño-homenaxe a Julio Cerón con colaboracións de ex militantes do Felipe, en recordó dunha organización que axudou a loitar contra o Estado franquista. Moitas apertas e bon 2015.Xoán AnlloMadridO libro é: El frente de Liberación Popular (1955-1970) visto desde dentro, decembro, 2014.O FLP tivo unha enorme relevancia na Resistencia antifranquista. Este libriño, escrito por antigos militantes da organización, constitúe unha achega moi viva á historia da organización.O que nos leva a pensar que sería una boa idea escribir a historia específica do FLP en Galicia. Vexamos: se existía organización galega do FLP por que non chegou a montarse a organización- frente correspondente, tendo en conta que en Cataluña era o FOC con Isidre Molas e outros, e en Euskadi, ESBA con J.R. Recalde á frente? Tamén sería interesante estudar o paso da organización Galicia Socialista -ao parecer relacionada con FLP- á UPG. Alí estaban Camilo Nogueira, e o grupo de Citroën (Casal, Lima,€), así como Manuel San Severiano e outras valiosas personalidades políticas.Do mesmo xeito, poderíase facer unha historia da actuación patriótica de membros ilustres do FLP, como José Ángel Valente e Xoán Anllo, na asociación galega de emigrantes A Nosa Galiza, de Xenebra.En todo caso, ben vido este libriño sobre o Felipe, que foi a primeira organización antifranquista que se abriu camiño entre o carrillismo e un PSOE sempre na órbita atlantista ou sexa da CIA. Como algún de vostedes lembrará, o FLP exercía moita influencia en Cuadernos de Ruedo Ibérico, a grande revista antifranquista na que Galicia estivo moi presente. E ben, os deseñadores deste libro tiveron o acerto de evocar, na súa tipografía e deseño, o estilo das publicacións de Cuadernos. Beizón.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats