Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Manuel García Mañá - Escritor e ex comisario de policía

"Constato que case sempre a realidade supera a ficción"

Xubilado xa da súa profesión de comisario de policía, Luís Manuel García Mañá retoma, con máis tempo e tranquilidade, a súa traxectoria literaria con Non fales o que non debes (Xerais): unha "novela de intriga na que a aparencia ten pouco que ver coa realidade"

Luís Manuel García Mañá estes días, en Barbadás. foto: brais lorenzo

-Non fales o que non debes

-Si, nesta novela hai unha narración dupla. Por unha banda, a da vítima e, por outra, a que conta un xornalista teimudo e aproveitado, que anda na procura das causas dos feitos que acontecen na novela. Desta maneira, trato de contar como as persoas mostran unha aparencia pero, na vida real, son outra cousa.

-E, a todo isto, a vítima é un xuíz. Tamén me gustaría que me contase por que elixiu unha persoa cun cargo tan significativo.

-É que eu entendo que aquí o xuíz non é unha vítima, senón un narrador de excepción, porque aparece nalgún momento da novela como unha persoa que resulta enganada, e lembra, dende que se produce o seu pasamento, que durante a súa traxectoria viviu nun erro constante: que foi enganado por unha muller, por uns amigos, por moita xente.... Pero xa digo: el non é a verdadeira vítima, senón alguén que narra os feitos dende o outro lado, dende o outro mundo, vaia, un mundo inmaterial onde o tempo non conta, onde non hai situacións de anguria, pero que aínda así precisa saber o que ocorre na realidade.

-Na novela non sae moi ben parado certo tipo de xornalismo, sobre todo neses informativos que contan detalles da investigación que deberían permanecer en secreto e que son filtrados. Esta é unha crítica aos xornalistas ou un aviso de que un non pode fiarse nin dos seus propios compañeiros?

-O xornalista que aparece na novela é un personaxe moi especial. Como dixen antes, é un periodista teimudo, pero ao mesmo tempo é un aproveitado. Pero con iso non quero facer unha crítica do xornalismo, senón dun tipo concreto de persoa.

-No relato, nada é o que parece. Pasa o mesmo nas investigacións reais?

-Pois si, e moitas veces. En ocasións ocorre que as cousas empezan dunha maneira e rematan doutra. A vida é iso: un conxunto de aparencias e de persoas que disimulan o que realmente son, de tal xeito que cando tes xa todos os fíos e todos os elementos, e cando encaixas todas as pezas, o resultado da investigación é radicalmente distinto do que ti prevías.

-Domingo Villar di que el escribe novela negra porque cre que este xénero é o máis axeitado para reflectir e describir a sociedade real na que vivimos. Comparte a súa opinión?

-Coincido completamente con el. Non fai falla máis que abrir o xornal para decatarse de que esta sociedade ten moitas eivas e padece moitos problemas: políticos corruptos, profesionais que non cumpren co seu labor como deberían...A parte negativa ou, se queres, a parte negra do ser humano abrolla con facilidade na vida real. Por iso o narrador debe ser fiel a iso e, de cando en vez, describir personaxes que non son un exemplo de nada, pero que son reais. Os tribunais están constantemente están procesando, enxuizando e sentenciando delitos que semellan incribles.

-Será porque a realidade supera a ficción...

-Pois eu diría que case sempre.O ser humano é capaz de facer cousas tremendas, tanto en positivo como en negativo: un heroe ou un grande criminal. Ao longo da miña etapa como policía, durante corenta e seis anos, eu fun testemuña diso.

-A Vde. góstalle o xénero negro debido á súa xa antiga profesión ou xa lía novelas policiais antes de decidirse a ser policía?

-En realidade, máis que o xénero negro, a min o que máis me gusta é o ensaio histórico. A Historia apaixóname, pero tamén é certo que ten capítulos negros. Estamos fartos de ver guerras, mortes, calamidades no devir do proceso histórico. A min unha cousa levoume a outra, por iso teño xa publicado tantos libros nos que reflicto esa parte escura da sociedade e das persoas. De todos os xeitos, penso que o que hai que facer é quedarse coa parte boa do ser humán, que é a que ten a maioría da xente.

-Cal é o seu segredo para enganchar o lector.para que quen as empece non sexa xa quen de deixar o libro ata que chega ao final?

-A intriga; é decir, deixar o lector con sabor de máis, con algo pendente, cun fío do que hai que tirar, como cando tomas algo que che gusta moito e tes ganas de repetir o que, no caso da novela, se traduce no desexo de saber a resolución final do que acontece. De feito, a libros como Non fales o que non debes, como a outros anteriores, prefiro que os califiquen como novelas de intriga, e non novelas de xénero negro, porque esa expresión dame arrepío, remite ao medo, á morte. A intriga pode estar en calquera lugar e en calquera momento da vida das persoas e non necesariamente ten que ver co crime, polo menos na nosa cultura occidental.

-Teñen algo que ver as investigacións dos crimes na realidade co que lemos nos libros ou miramos nas películas e series de televisión?

-Cáseque todo está inspirado na realidade, o que pasa é que a realidade vai máis aló e, ademais, non adoita ser tan rápida. Nas investigacións reais, para que suceda unha cousa teñen que pasar outras moitas; os casos van madurecendo pouco a pouco. Hoxe estamos afeitos a que ocorran cousas e se saiba o resultado axiña, pero no desenvolvemento dunha pescuda policial ás veces teñen que pasar meses ou anos para que se vaian descubrindo os segredos que fican agochados. Polo tanto, nas series de televisión e nas películas, a inspiración é auténtica, pero a cronoloxía é moi diferente do que acontece na realidade. Aínda que houbo casos nos que eu mesmo me asombrei do axiña que se resolveron.

-Nalgunha das súas novelas policiais (acaso nesta?) inspirouse nun caso real para escribir a novela?

-Eu procuro que o que foi a miña vida profesional non se traduza para alén dalgúns aspectos do modus operandi, pero nunca en persoas ou casos concretos. Podo asegurar que ningunha das persoas que eu investiguei aparece nas miñas novelas. Ademais, coido que non é preciso para crear un personaxe.

Compartir el artículo

stats