Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Monte Torroso

No Monte Torroso, a 340 m de altura, e situado na divisoria entre A Guarda e O Rosal, foron localizados os restos dun castelo medieval, formando parte dunha cimeira que exerce de divisoria dunha cordal montañosa. Trátase dunha serie de "aterrazamentos delimitados por muros de considerable grosor" (Filgueiras Rey e Rodríguez Fernández; 1995) que alcanzan unha lonxitude total de 300 m no seu eixe Norte-Sur, dimensións que se recortan no eixe Leste-Oeste aos 140 m.

O conxunto aparece defendido por unha muralla que rodea o cumio de forma descontinua, visible en todo o seu perímetro, especialmente nas abas situadas ao Oeste. Os arqueólogos engaden que "esta zona de difícil acceso está desmantelada case na súa totalidade polos canteiros locais, que aproveitaron a pedra xa labrada do lugar, polo que no xacemento apenas se conservan pedras de construción ou outros restos". E é que o Monte Torroso, que ten aos seus pés a vila guardesa, domina estratexicamente toda a desembocadura do Miño, unha circunstancia nada irrelevante nun tempo convulso no que os condados de Galicia e Portugal -máis tarde reinos- daban inicio a un período histórico cheo de friccións.

A maiores, dentro deste xacemento e na súa contorna existen varios petróglifos de filiación medieval (reticulados, cruces de termo...) que foron publicados por Martínez Tamuxe en 1982, o que podería reforzar a hipótese que sitúa no Monte Torroso os vestixios do castelo de Tarás.

Compartir el artículo

stats