Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Por non nos querer ben

Con sorprendente desenlace

Por non nos querer ben

O mal querer (Baía Edicións, 2020) é o título da terceira novela en galego da boirense Natalia Carou, que mereceu o Premio Vilar Ponte de Novela 2019 do Concello de Viveiro. Nesta nova entrega a escritora dá un paso máis no seu proceso creador ao presentarnos unha novela que, como as dúas anteriores, está pensada para o público xuvenil pero desta volta tamén podería ser considerada, pola súa dureza e o xeito de desenvolver a temática, unha novela de adultos.

"(...) pelexo, langrán, anormal, maldita sexa a hora en que viñeches a este mundo..." xa desde a liña tres damos de fronte co leitmovit da novela, a violencia, presente en todas as formas en que a podemos coñecer: física, verbal, machista, homófoba, infantil, escolar... que lle confiren ao texto unha dureza extrema e fan que como lectores e lectoras vaiamos á procura dalgunha secuencia amable que nos libere, aínda que sexa durante un par de liñas, desa opresión que nos causa asistir a tanta agresividade.

Cibrán, o personaxe principal fillo dunha familia respectable, é detido e acusado de intentar matar outro rapaz da mesma idade. Eles xunto a Amanda e Kevin vannos amosar as hostilidades coas que se teñen que enfrontar día a día aínda en situacións de grande acomodo económico. Mozos e mozas que cargan con historias terriblemente duras tras as pantallas dos seus Galaxy Fold.Iria, a psicóloga do detido, tamén oculta unha vivencia dura que a tortura case que a diario. A medida que a trama se vai desenvolvendo podemos observar como as dúas realidades dos protagonistas principais se chegan mesmo a entrelazar de xeito que todo o texto é unha denuncia dos que sofren e berran "ollade o que pasa por non nos querer ben".

E malia tanta violencia e agresividade a autora consegue que empaticemos ata co adolescente máis problemático que poidamos imaxinar. Porque detrás dunha historia cargada de violencia desde a infancia se pode agachar alguén que está marcado pola sociedade debido á falta absoluta de amor e comprensión.Pero no mundo adulto as cousas non son diferentes, e aquí entra o resto de personaxes: traballadoras acosadas, anciás que se venden por segredos, homes e mulleres que amosan vidas baleiras tras espellos de vaidade. Deste xeito, na novela nada é o que parece: relacións familiares falseadas, amizades que chegan a cambalearse ante unha realidade crúa, reaccións de suma violencia que son consecuencia de feitos e realidades ocultas, ata chegar a un final que resulta sorprendente polo xeito que ten de se complicar a trama en cada capítulo que transcorre.

Este mundo adverso e o decorrer dos acontecementos farán que non sexamos quen de nos despegar das páxinas desta novela que ata o último momento vai intentar atopar a luz no túnel escuro.

CAROU FIGUEIRA, Natalia: O mal querer. Baía Edicións, A Coruña, 2020, PVP. 12, 35 ?

Compartir el artículo

stats