Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O poder da non verdade

Valente e inquietante

O poder da non verdade

Despois de lermos con pracer a última entrega da multipremiada Inma López Silva, O libro da filla, quedamos rendidos ante a imaxe infinita dos espellos enfrontados da verdade e a mentira.

Baseado en feitos reais, este thriller político, intimista, pero sobre todo sentimental e social quere afondar principalmente nas diferentes formas que adquiren as relacións intrafamiliares e como estas se reflicten na sociedade.Helena, unha reputada xornalista e locutora de mediana idade, desilusionada co seu traballo e a súa vida, decide investigar o caso de Fernando, un home que leva preso doce anos e que se nega a admitir a culpabilidade da violación dunha das súas fillas.

Desde o punto de vista estrutural a novela divídese en catro libros e un epílogo. No primeiro percorremos a vida e o punto de vista de Helena. Desde a súa propia voz a protagonista principal debulla a trama central con entrevistas aos personaxes do caso. Asemade, vai tecendo unha especie de paralelismo entre a vida desa familia esnaquizada e a dela propia. No segundo dos libros asistimos á mesma historia da familia mais desde o outro lado do espello, desde a vivencia de Amanda, a filla, que desde a súa decisión de situarse fóra da sociedade establecida, ten que escribir un artigo para o xornal no que traballa a súa nai, que non dá sinais de vida, e acaba facendo case o libro da súa vida, quizais O libro da filla?

A autora amósanos a realidade sen reparos, e así a crueza presente desde as primeiras páxinas vai in crescendo a medida que transcorren os capítulos e dun modo especial no segundo libro onde Amanda desvela intimidades de difícil aceptación social como os abusos no ámbito familiar. Como lectores non somos quen de empatizar cunhas personaxes que sempre nos descobren o seu lado máis escuro e incómodo. Toda a obra é un exercicio de reflexión sobre a maneira en que xulgamos e nos xulgan.É un espectáculo da ética da verdade sobre a mentira, das relacións familiares desde o anticonvencionalismo, mais tamén de como isto se extrapola á sociedade, da aceptación colectiva da mentira, das fake news, da relación entre liberdade e incomodidade, dos ERES (o xornal onde traballa Helena acóllese a un), da especulación forestal, da corrupción política... Na obra, o feminismo, entendido como defensa da muller e como busca do cuarto propio, funciona como o axente que move as personaxes, de aí que Amanda se coloque á marxe da sociedade establecida, ou que nun momento dado Helena desapareza.

Remata Inma López Silva cun precioso e inesperado epílogo esta novela con maiúsculas, valente e inquietante, que lle quita o cobertor á cama desta sociedade que navega no mar da ética, da verdade e da mentira.

LÓPEZ SILVA, Inma, O libro da filla, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 19, 85 ?

Compartir el artículo

stats