Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha mostra en Sirvent

Das Improvisacións de Elena Fernández Prada

A galería SVT Espazo de arte-Sirvent presenta no seu local da Gran Vía viguesa, baixo o título de I mprovisación, unha exposición individual da pintora Elena Fernández Prada (León, 1971).

Os distintos traballos expostos supoñen unha importante viraxe nas angueiras da artista, abandonando as estratexias esencialmente apropiaconistas que frecuentou cando a súa obra se interesaba pola recreación e reutilización de aspectos da imaxe da cultura de masas e da historia da arte. Nesta liña, Elena Fernández Parada chegou a desenvolver un traballo que tiña como alicerces unha incisiva ollada sobre a nosa sociedade, en aspectos aparentemente banais e cotiáns que ela nos facía ver a través do espello do consumo educativo, divulgativo e de lecer trivial, sen renunciar tamén a unha lectura e un tratamento humorístico. Un mundo, xa que logo, marcadamente acumulativo e metafórico, en que o desacougo era suavizado por un sentido lúdico.

Nesta ocasión a artista deixa de lado a figuración, ofrécenos unha obra ben afastada destes presupostos, centrando o seu esforzo nunha particular utilización da cor e da abstración que serven como fermento creativo e tamén comoo punto de chegada.

A mostra I mprovisación descobre unha creadora que pon en primeiro plano o cromático. Obras moduladas e intuitivas, as súas pinturas parten de xogos de cor e depuracións de liñas para alcanzaren a decantación simplificadora da xeometría. A obra de Elena Fernández Prada, traballando con loneta ou tecidos deixa agromar moito da utopía redentora do movemento moderno que hoxe xa é tradición.

Na súa pintura, os ecos de Anni e Josef Albers e Sonia e Robert Delaunay son complementados con influencias formais da tradición da vangarda neoplástica. Mesmo podemos dicir que a pintora traduciu o despoxamento plástico deste tipo de pintura a unha linguaxe, en certo sentido, superadora do puro territorio do marco estruturado, en que dominan as harmonías espaciais e a vibración rítmica. É unha plástica pautada polos contrapuntos cromáticos, da que xorden sinalizacións de escrita musical e un cinetismo modulado. Pintora "abstracta" por depuración, concilia no seu labor moito do que foi a tensión dialéctica do nostálxico e do utópico na arte do século XX.

Na súa arte percíbese unha vontade que vai da delectación cromática até certo manierismo. As formas aglutínanse en encadeamentos repetitivos de crecente intensidade rítmica que sendo ecos -improvisacións-, pasan do ámbito da representación circunstancial e da memoria a un sentido máis pleno que toma forma nunha linguaxe universalista.

Con estas referencias, podemos observar como a artista elabora frecuentemente estruturas en faixas horizontais e verticais, que funcionan como auténticos valados, valados de luz e cor, construídos en plenitude de ritmos e tensións espaciais, mais que non queren ser, nin polo tanto funcionan como límites, senón como limiares a través dos que podemos percibir unha abertura de base rítmica, como xanelas que se abren para outro tipo de percepcións e realidades, que nos dirixen cara outro tipo de olladas, que nos convidan a enxergamos novos mundos, pero que decontado nos levan cara a unha visión do pormenor, pois a actitude da artista axiña nos transporta ao seu mundo alleo á xesticulación.

Título: Improvisación.

Artista: Elena Fernández Prada.Comisario: Ángel Cerviño. Local: SVT Espazo de Arte-Sirvent, Gran Vía, 129, Vigo. Do 13 de febreiro ao 27 de marzo de 2020.

Tecendo cores

  • No conxunto da súa obra a pintora vai tecendo nos seus cadros unha especie de vía experimental que parte do intuitivo e chega ao construtivo. Existe como unha lóxica dunha invención que se vai progresivamente definindo. Algúns trazos característicos van no sentido desa lóxica, por exemplo, a procura constante do plano como marco referencial para a definición do cadro. Tamén a tensión entre a profundidade e mais a superficie, entre o primeiro plano e o plano de fondo, que tende a desaparecer en beneficio da bidimensionalidade da imaxe. A simplificación progresiva das formas e a composición encadrada en ritmos; a bidimensionalidade da tea é, entón, procurada a través de liñas en contacto e da cor, que condicionan as formas, que aproximan ou afastan segundo o tratamento cromático, creando atmosferas sen perspectiva convencional, conformando unha construción definida e singular. Se callar, unha das chaves do seu traballo é ese carácter ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva ao triunfo do cromatismo e á modulada sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, finalmente, o que nos propón a artista son distintas maneiras de percibir, mesmo no sentido máis literal, percibir desde variadas modulacións, ese tecer cores, que non só evoca unha materialidade de parte dos traballos senón tamén unha forma de afrontar o feito pictórico, desde a modulación e a improvisación, ao que fai oportuna referencia o título da mostra.

Compartir el artículo

stats