Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A casa de Grey Gardens

De soños e de frustracións

Unha escena do musical, representado en Broadway (Nova York).

En 1972 Caroline Lee Bouvier, irmá de Jacqueline Bouvier Kennedy, contacta con Albert e David Maysles (lembremos o Gimme Shelter sobre a xira norteamericana dos Rolling Stones) para realizar un documental sobre a súa familia, con ascendencia francesa. Así chegan os dous cineastas á casa de Edith Ewing Bouvier Beale e Edith Bouvier Beale, que viñan sendo tía e curmá da dita Caroline. Nai e filla vivían nunha das zonas máis exclusivas de Long Island, no East Hampton, pero nunhas condicións deplorables, toda vez que os recursos económicos, noutrora abundantes, decrecerán de forma dramática. Aquel documental xamais se realizaría, por motivos varios, mais no seu lugar os irmáns Maysles, fascinados pola vida da nai, Big Edie, e da filla, Little Edie, presentan en 1975 a reportaxe titulada Grey Gardens, nome da propiedade.

Nese magnífico documento presentan a vida desas mulleres cunha mirada apenas intrusiva e moi obxectiva, que tanto fai lembrar a factografía soviética dos anos trinta, ao punto de que se teña por unha obra canónica do cinema norteamericano. En 2006 os dous irmáns xunto con Ian Markiewic presentaron unha nova achega, The Beales of Grey Gardens, no que utilizan metraxe non usada ou desbotada na primeira. En 2017 presentouse outro filme, That Summer, con dirección de Göran Olsson, no que se fala do verán de 1972, cando Caroline Lee comenta con Peter Beard esa idea súa de recuperar no celuloide a súa infancia nos Hamptons e naquela mansión.

A historia de dúas mulleres da alta sociedade de Nova York, arruinadas e vivindo na máis absoluta indixencia, pero cunha enteireza encomiable, foi obxecto de recreacións en teatro e cine. Así, en febreiro de 2006, no teatro Playwright Horizons, sito na rúa 42 de Nova York, ten lugar a estrea do musical Grey Gardens, con dirección de Michael Greiff e un equipo artístico notable. En 2007 preséntase unha película con idéntico título e dirección de Michael Sucsy, na que Drew Barrymore e Jessica Lange encarnan as dúas mulleres, realizando un traballo excelente ambas as dúas.

As súas historias son sorprendentes, por todo canto nos din da condición humana, das reviravoltas da fortuna, das relacións interpersoais, pero tamén de soños e frustracións que se van debullando co andar dos anos. O interese pola súa peripecia aumenta aínda máis ao sabermos da súa relación con Jackie Bouvier, e coa poderosa familia Kennedy, fose real ou verdade a medias, ou da paixón artística da Nai, cantante moi notable. Similar interese teñen as persoas que aparecen naquel primeiro documental, pois agochan vidas cheas de misterios. Así ocorre con Jerry Torre, Lois Wright ou Norman Vincent Peale, autor este do manual The Power of Positive Thinking (1952), seguramente o primeiro libro de auto axuda publicado.

Na contemplación do conxunto fascina especialmente a figura de Edie Bouvier, que nalgún momento nos fai recordar a presenza poderosa de Anne Sexton, poeta imprescindible e promotora con Sylvia Plath da poética confesional. En todas as intervencións de Edie atopamos esa deriva confesional, que por veces arrepía. Non deixa de ser curioso que unha vez morta súa nai, Edie, que na súa mocidade traballara como modelo en Nova York e tiña aspiracións no mundo da poesía e do espectáculo, decidise probar fortuna, xa con sesenta anos, no mundo do cabaré. Unha das facetas máis fascinantes de Anne Sexton vai ser, xustamente, a súa experiencia, mediados os sesenta do pasado século, en espectáculos escénicos nos que combinaba a música do grupo Her Kind, creado por ela, co recitado de poemas seus, como ocorre do titulado "Woman With Girdle", cuns resultados incontestables. As súas voces son semellantes e a fascinación que provocan idéntica, sendo a súa peripecia vital igualmente tráxica. Mulleres que provocan pola súa fondura humana, tamén na maneira de enfrontaren a súa dor, con máscaras dunha feitura requintada que transmiten moita sabedoría. Vidas todas que engaiolan, por todo canto mostran ou ensinan.

As Bouvier falan galego

  • O documental dos Maysles estivo no Play Doc de Tui en 2013, e foi aí onde Manuel Román, ao mellor heterónimo de Francisco Manuel Peleteiro Román, descobre esa historia fascinante coa que enfía estoutra que agora nos chega traducida ao galego por Antela Cid, e publicada por Edicións Propias. Segundo se explica na adral do texto, este está creado a partir de conversas reais, moitas delas incluídas nas diversas fontes documentais comentadas, e peneiradas con primor. A partir desas fontes o autor recrea cunha notable fondura ese mundo cheo de desexos incumpridos e de frustracións notables para revelar a faciana máis humana de dúas mulleres xunguidas nunha simbiose tan enfermiza como reparadora, impotentes ante un sino funesto diante do que só cabe afirmar liberdade e dignidade, única opción vital. Esta versión galega consta de cinco cadros que refiren momentos cruciais na historia das Bouvier, pero tamén da casa que acolle esa marea de persoas, presentes e ausentes, que alí conforman unha coreografía poderosa. Unha casa cabo da praia por onde andaron Andy Warhol, Mick Jagger ou Bianca Pérez-Mora Macías, cando Nova York era unha festa e os Hamptons destino de ricos e famosos, na xeografía que deu pé á magnífica fabulación que presenta Francis Scott Fitzgerald en O gran Gatsby, o mesmo mundo que habitarán Edith máis Edie. Un texto para ler de vagar, sen présa, e para deixar que sigan o seu curso as moitas digresións que provoca. Un texto magnífico, moi ben ideado e tramado, que non gañou ningún premio (curioso!), pero que podería dar un espectáculo supremo. Agardamos por el. Mentres, podemos ler esta xoia.

Compartir el artículo

stats