Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria de "Amarcord"

No centenario de Federico Fellini

Federico Fellini (1920-1993) durante a rodaxe de Roma (1972).

Dicía Corrado "Junior" Soprano, mentres vía por televisión a escena primeira de La dolce vita -o Cristo levado por un helicóptero-, que non entendía a película malia estar subtitulada en inglés. A reflexión do vello mafioso de Nova Jersey poderíamos facela extensiva ao común da xente: as películas de Federico Fellini estaban nas antípodas do cine comercial pero sen elas non podemos entender a historia desta disciplina nas décadas que seguiron á Segunda Guerra Mundial.

Hoxe conmemoramos cen anos do nacemento de Fellini en Rimini, na zona adriática da Emilia Romaña, un lugar que resultaría determinante para a visión que tivo da vida italiana do seu tempo malia ser romano de adopción. Como veremos, Roma e Rimini foron o crisol de moitas das súas obras, tres das cales gañaron o Oscar á mellor película estranxeira, unha fita que ningún outro director obtivo.

Despois duns inicios como deseñador e guionista de radio, apenas caído o fascismo colaborou con Roberto Rosellini en diversas películas, comezando pola que foi matriz do neorrealismo, Roma città aperta. Tamén escribiu guións para P. Germi e L. Comencini e A. Lattuada, con quen comezou a dirixir. A súa primeira película en solitario foi Lo sciecco bianco, con Alberto Sordi, unha comedia satírica en ton burlesco. Foi daquela cando coñeceu a Nino Rota, que sería para sempre o autor das bandas sonoras dos seus filmes.

Naqueles comezos, o neorrealismo non só respondía a unha situación de dificultades económicas propias da posguerra senón á dunha Italia cambiante coa reindustrialiuzación e as migracións desde o sur cara ao norte. Uns fenómenos que podían seren interpretados en clave dramática (como fixeron L. Visconti en Rocco e suoi fratelli ou V. De Sica en Ladri de biciclette) ou en clave paródica, como Fellini fixo con I vitelloni (1953), onde uns mozos de Rimini, alleos aínda aos cambios que o seu país estaba a observar, exercen unha vida de auténticos lacazáns.

Sen saír da estética do neorrealismo pero situando a acción nas marxes da vida, con La strada (1954) Fellini gañou o seu primeiro Oscar. A acción sucede nun circo, onde as relacións laborais e persoais soen ir xuntas e cunhas leis de seu. Sen esquecer que o tema principal da banda sonora foi a primeira en provocar evocacións fellinianas.

Recuncou Oscar con Le notti di Cabiria (1957), con Giulietta Masina de protagonista no papel dunha prostituta que na procura do amor, encadea fracaso tras fracaso cos homes que coñece e que se aproveitan dela. Non podemos esquecer a banda sonora de Nino Rota, esta vez centrada nos ambientes de noite e de cabarets.

E chegamos á película que "Jun" Soprano non entendía, La dolce vita (1960). Obra carente de estrutura narrativa, está composta por secuencias que recollen as actividades da noite romana, centrada na mítica Via Veneto (hoxe ben lonxe do que foi). Ten o fío condutor nun xornalista de sociedade, Marcello Rubini (Marcello Mastroianni). Unha vida de frivolidade e prensa sensacionalista (o papel de Paparazzo, un cazaimaxes para o mellor ofertante, deixará á posteridade a palabra paparazzi) que anunciaba a futura maneira de entender o mundo do espectáculo e da vida social.

Fellini volveu a unha película de estrutura convencional con Otto e mezzo (1963), con M. Mastroianni, A. Aimée e C. Cardinale. Trátase dunha das obras máis celebradas de Fellini e nela reflexionou sobre a crise creativa. Foi a terceira película de Fellini que obtivo o premio Oscar.

Saltamos Giulietta degli spiriti (1965) e Satiricon (1968), para chegar ás obras de memoria de Fellini, Roma (1972) e Amarcord (1973). A primeira é unha lembranza da súa chegada a Roma e do novo mundo que calquera emigrante atopaba, incluído o delirante desfile de moda cardenalicia; a segunda, recolle as vivencias infantís de Fellini no seu Rimini natal, incluída a experiencia da famosa estanqueira, cunha das mellores bandas sonoras de N. Rota.

Fellini foi capaz, coma poucos, de enriquecer o imaxinario colectivo cotián con aportacións aparentemente oníricas pero que, en realidade, están aí, ocultas á ollada da maioría.

Cinema de delirio

  • Se o neorrealismo reflectía la vida cotiá dos sectores sociais máis castigados polo desenvolvemento económico (entre nós, lembremos Surcos, de J. A. Nieves Conde, película de matriz falanxista, ou en clave contraria, as primeiras de Luís G. Berlanga), en paralelo medraba o poder dos que vivían do traballo alleo. E nese cambio, a realidade do evidente deu paso á realidade do oculto, fose presente ou pasada. E nese contraste Fellini puxo a súa ollada e fíxoo de maneira hiperbólica en ocasións. E unha das dianas da súa sátira foi a Igrexa católica, hiperbólica ela mesma nos seus comportamentos romanos. Velaí o destino da imaxe de Xesús transportada en helicóptero ata o desfile de hábitos relixiosos. Unha hipérbole digna do barroco, hipertrófica, como a dos peitos da estanqueira. Pero tamén esoutra hipertrofia da realidade que son os prostíbulos (desde os cutres ata os luxosos) xeradores de pecados que despois son perdoados pola confesión. Espazos marxinais pero de evasión necesaria, como foi e é o circo, -tan querido por Fellini- e sen esquecermos aínda esoutras fantasías (e tamén algunhas realidades) sexuais, de vestiario e de alimentación das deca1920-1993 como o gran director italiano retratou en Satiricon e en Casanova (1976), cunha lexión de cardeais incluída.

Compartir el artículo

stats