Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pura Arte Pop

Museo da Bienal de Vila Nova de Cerveira

Un momento da mostra.

Desde 2005, no Museo da Bienal de Vila Nova de Cerveira están representados a maioría dos grandes creadores contemporáneos, tanto portugueses como internacionais. E ademais de ser o palco principal onde se realiza o coñecido certame artístico (a Bienal), onde se expoñen as súas obras e onde se garda o seu legado, conforma un dinámico espazo museístico cunha programación anual multidisciplinar que atrae numeroso público. A máis recente é a mostra Pure Pop Art que ata o 19 de outubro promove unha aproximación a un dos movementos máis importantes da historia da arte.

A Fundação Bienal de Arte de Cerveira ( FBAC), en colaboración coa Fundación Cum Laude, organiza esta mostra que está a ter unha grata acollida polos visitantes. En Pure Pop Art está representada a obra gráfica dalgúns dos artífices máis representativos e icónicos do movemento xurdido na década dos 50 en Londres e que alcanzou a súa madurez en Nova York nos anos 60. Joana Vasconcelos é a autora convidada polo director artístico da FBAC, Cabral Pinto, a integrar esta mostra. Súmase así a nomes coñecidos do público como Andy Warhol, Steve Kaufman, Keith Haring, Robert Indiana, Roy Lichtenstein, Pietro Psaier, Mel Ramos e Robert Rauschenberg. "Trata-se de uma coleção privada de arte gráfica da empresa MBA Grupo Incorporado que é apresentada pela primeira vez em Portugal, sendo para nós uma honra expor no Museu Bienal de Cerveira estes grandes nomes intemporais da Pop Art e esta que é uma das artistas mais conceituadas do país, a Joana Vasconcelos", dicía o presidente da FBAC, Fernando Nogueira, o día da inauguración.

A exposición convida os visitantes a embarcaren nunha amena viaxe a unha época que, a pesar do tempo transcorrido, continúa moi presente nos días de hoxe. Segundo a comisaria da exposición, a galega Ángeles Rodríguez Baliño, "presentar esta colección de pop art en Vila Nova de Cerveira é un desafío e unha responsabilidade. Unila a unha obra de Joana Vasconcelos é certificar que este movemento intemporal está máis vivo que nunca". O pop art foi un movemento que uniu a arte á produción en masa, a popularidade coa vangarda e desenvolveu un novo concepto artístico ao relacionarse intimamente coa sociedade de consumo.

As serigrafías, os carteis e as instalacións representan iconas populares da época que o público recoñece axiña. A partir de máis de 120 obras, a mostra presenta "un toque nostálxico á memoria de Marilyn e James Dean, cunha profunda admiración ao traballo de Warhol, a curiosidade da figura de Pietro Psaier e a responsabilidade social de Steve Kaufman, a exuberancia de Keith Haring, o excelente traballo de Mel Ramos, a innovación de Rauchsenberg e unha pequena mención a Robert Indiana", engade a comisaria.

A exposición conta ademais con dous vídeos cedidos polo museo nacional de arte moderna do Reino Unido, a Tate Gallery londiniense. Xa na entrada, un coche pintado fóra do común dá a benvida a unha exposición que une arte e popularidade e a súa proxección cara á sociedade de consumo. A viaxe supón un percorrido desde a década dos 50 deica o presente. "A peza central é Joana Vasconcelos. Arredor dela non podería ir ninguén que non fose Andy Warhol e o resto dos artistas membros da exposición", dicía Rodríguez Baliño durante a inauguración. Pola súa banda, Fernando Nogueira, alcalde de Vila Nova de Cerveira, expresaba que "o pop art forma parte do contexto artístico universal, e como tal, Vila Nova de Cerveira non podía pasar á beira desta corrente, sendo como é a Vila das Artes".

O Petit Gâteau no mellor museo

  • En Pure Pop Art pódese ver o Petit Gâteau (2011) de Vasconcelos, pero tamén a icona de Marilyn Monroe ou as famosas latas de sopa de Warhol . Trátase dunha das obras que integra a serie "Delícias". Nesta saga as creacións preséntanse como enormes e coloridos xeados de cono, anacos de tarta ou biscoitos construídos a través da acumulación e repetición de diferentes aliñamentos de formas de plásticos - mazás, peras, mouras, arandos?-, usados para xogar na area. O xigantismo e colorido captan de inmediato a atención do público, sen deixar de adiviñar o baleiro consecuente entre os volumes. Un xogo sedutor que podería resumirse en buscar ou compensar a ausencia a través da exuberancia da aparencia. A obra exhíbese, ademais, no centro que este ano se levou o premio ao mellor museo portugués. "Uma distinção que reconhece e premeia ou enorme trabalho realizado pela Fundação Bienal de Arte de Cerveira em prol dá cultura e dás artes". Isto é o que dicía o presidente da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, ao coñecer a atribución do Prémio de Melhor Museu do Ano ao Museu Bienal de Cerveira. En cada edición, a Associação Portuguesa de Museologia recoñece a axentes e institucións cuxo traballo se distingue neste ámbito, tanto pola creatividade, como pola visibilidade e proxección de cada unha das entidades.

Compartir el artículo

stats