Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Á saúde da viña

Casa do Curro e Museo do Alvarinho de Monção

Copas de viño.

Monção é territorio coñecido por numerosos motivos, á parte de ser un dos concellos fronteirizos máis visitados. Entre eles, pola calidade indiscutible do seu néctar, o albariño, que conta con museo propio, e da súa boa mesa, con pratos tan reseñables como o cordeiro ou a lamprea. Ergueita sobre un outeiro e rodeada de patrimonio natural e monumental, a localidade convida ao paseo tranquilo polas súas termas, polo seu burgo e os seus miradoiros sobre o río Miño. A historia prolóngase por cada unha das súas parroquias, gardiás de costumes ancestrais. E se hai un punto de parada obrigada no municipio, está na Casa do Curro, en pleno centro urbano, toda unha icona cultural.

Trátase dun exemplar de casa soarenga cuxa construción se remonta ao século XVII e cuxo nome está relacionado co Terreiro do Curro, actual Praça Deu-la- Deu Martins. O inmoble parece que se bautizou coa actividade que outrora se realizaba na praza, "o curro", onde se reunía o gando cabalar. Transformada a partir dos anos 70 do pasado século para ser un dinámico centro con exposicións e actividades, desde 2015 acolle o Museu do Alvarinho, que proporciona unha viaxe a través do mundo do famoso néctar, desde a súa orixe e evolución ás empresas produtoras. Ademais da propia actividade museística, o centro organiza catas comentadas, degustacións ou encontros promocionais.

Nada máis entrar sorprende unha gran lámpada feita con botellas do afrutado albariño, diferentes e brillantes. Na entrada tamén destaca a grande escalinata que une os tres pisos e que serve de eixo condutor da viaxe ao mundo da nobre caste chamada albariño. Na planta baixa un vídeo explica por que esta variedade ten especial vínculo con esta xeografía miñota e cales son as zonas de cultivo.

Fotografías, textos e obxectos axudan a desvelar os segredos do famoso caldo. Contemplando a sala " Nos Trilhos da Memória" pódese saber que no século XVII os viños de Monção partían para o mercado inglés, moi apreciados xa entón, chegando a rivalizar con outros afamados mostos como os viños de Burdeos. Nesta morada do viño que é a Casa do Curro -pensada de forma interactiva- coñécense tamén algúns dos moitos aromas que se poden encontrar no dourado líquido, de mel a pexego, piña ou plátano.

O Museo do Alvarinho tamén dá a coñecer o potencial etnográfico, saberes e tradicións antigas como protagonistas do desenvolvemento dun territorio. Porque o ciclo do viño encerra desde o clima ao chan ao coidado e cultivo da vide. O proceso vaise descubrindo a través de vellas pezas que mostran historia e cultura en forma de cabaça que servía de sulfatadora, estruxadoras manuais ou alambiques, entre outros obxectos.

Todo o discurso expositivo invita a un interesante percorrido polo pasado e pola cultura popular e a coñecer todos os aspectos vitivinícolas da subrexión de Monção e Melgaço, dous concellos que contan con máis de dous mil produtores. A nobre caste, o nobre viño ten unha casa museo na súa honra desde hai catro anos. O obxectivo desde a súa inauguración pasa pola promoción e divulgación do alvarinho, pero tamén pola proxección da rexión e do patrimonio natural, histórico, arqueolóxico e cultural do concello e do seu potencial turístico. Na planta baixa da Casa do Curro está localizada a Loja Interativa do Turismo que permite acceder a todos os puntos de interese do concello, incluído o propio inmoble.

A situación desta casa soarenga, no corazón urbano, é un bo inicio para coñecer outros lugares de interese de Monção, como a igrexa matriz, románica do século XIII, a Casa do Arco, onde viviu o poeta monçanense João Verde, autor dos versos de "A Galiza mai`lo Minho" nos que describe o " namoro" entre as persoas da raia e a dificultade do " casamento" naquel entón.

No centro histórico

  • O Museu do Alvarinho está situado no centro histórico de Monção, un espazo cun inxente patrimonio monumental. Ademais da figura lendaria de Deu-la- Deu Martins, heroína local que protexeu o pobo, entre as ruelas de pedra levántanse o edificio do Concello, o Arquivo municipal ou a igrexa dos Capuchos, onde conviven no interior o barroco, o rococó e o neoclásico. Tamén pode verse a Casa Museu de Monção, dependente da Universidade do Minho. O interior do inmoble reflicte o modo de vida dunha familia da alta burguesía na primeira metade do século XX. Ademais ten un espazo de exposicións e conferencias. A igrexa da Misericordia é un templo de transición do manierismo ao barroco, con modificacións nos séculos XVIII e XIX, polo que ofrece distintos estilos. Do centro monçanense parte un acceso peonil á ecopista do Minho que desde o Parque da Lodeira continúa ata Valença seguindo o trazado da antiga liña férrea. Galardoada como unha das mellores vías verdes de Europa en 2009, presenta diversos motivos de interese ao longo do traxecto, tanto construtivos como naturais e paisaxísticos. A partir do centro histórico tamén se chega ao parque termal, un espazo cunha extensa área verde onde se localiza o balneario, cuxas augas xa eran coñecidas polos romanos.

Compartir el artículo

stats