Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na hora do Big Data

Bioloxía e Revolución

O homo sapiens extínguese, e os políticos pensando nos bisbardos. Postos a desaparecer, poderiamos facelo heroicamente. Retirar da programación biolóxica o xen da necidade, por exemplo, para librar desta deriva insoportábel da nosa natureza os seres emerxentes da nova selección artificial. Sería un final autenticamente fermoso, despois de tantos estragos feitos nestes últimos cen mil anos. A posibilidade de controlar esta ruinosa tendencia á parvada daría sentido épico a nosa desaparición, porque pode que exista algún mandato biolóxico desta apegada disposición que parece non ter fondo. Sendo así, a derradeira acción compensaría converternos no que Yuval Noah Harari describe como a consecuencia do encontro da Biotecnoloxía, a Nanotecnoloxía, Robótica e o Big Data. As entidades resultantes, estarán moito máis loxe de nós do que estamos nós dos grandes primates. Por iso, o instante final do derradeiro Homo Sapiens, executando o programa que elimine a prevalencia da sandez, esa que inspira especialmente aos nosos políticos e políticas a maior parte do tempo, sería un final dignificante.

Estamos irremediabelmente distraídos neste cortexo de ególatras ruidosos que somos, mentres os algoritmos espían a nosa intimidade e condicionan a nosa conduta. Así rematamos a compra da "boneca feminista liberal" en amazon ao tempo que, casualmente, xorde na rede social a "feminista apolítica" en oferta ou vimos aceptar unha amizade ofrecida por outro algoritmo. No medio destes controladores esterilizados da nosa vida, a Biotecnoloxía anuncia que os nosos desendientes serán como deuses creadores de corpos, cerebros e mentes.

Harari fala, con argumentos contundentes, sobre como evolucionarán os algoritmos, entrando nos nosos corpos dende o recoñecemento facial a todas as actividades biolóxicas para asexarl as nosas pequenas e miserábeis vidas e dar resposta inmediata ás necesidades. A cousa está en marcha, os programas saben máis de nós que nós mesmos e máis do que ningunha outra persoa poderá nunca saber. O que queda do noso Deus monoteísta está nunha nova morte, pero esta é a morte máis matada de todas: a anterior acabou co relato, mais esta acabará coa Bioloxía.

E Harari advirte aínda de que en poucos anos seremos outra cousa fóra do que hoxe entendemos por humanos. O pensador di que as posibilidades son diversas xa que a capacidade de organizarnos e tomar decisións sobre as nosas crenzas é o que nos diferencia dos grandes primates. Por iso chegamos aquí, pola nosa ccualidade de facer cousas en grandes grupos organizados, sostidos por crenzas comúns. O problema é que parece que nestes ámbitos do saber, non hai un rumbo común trazado. Os precedentes non son bos, só hai que botar unha ollada a tantas cousas importantes sobre as que ninguén nos pediu opinión: internet, transxénicos, móbiles enerxías, armas

A próxima revolución é biolóxica e xa comezou. O homo sapiens chegou ao final do camiño O desenvolvemento do noso actual cerebro, regulado pola selección orgánica está esgotado. Harari puntualiza que ao longo da nosa evolución mantivemos a mesma morfoloxía e fisioloxía e as revolucións e manipulacións foron no exterior do corpo. Pero nesta oportunidade, o cambio está dentro do corpo. A Enxeñería Xenética abre a posibilidade de todo tipo de transformacións no ADN. Trasladaranse calidades doutras especies á nosa? Ábrese a posibilidade de que a vida e a morte cambien de estado e a transcendencia desta será unha cuestión de acceso económica a estas producións de corpos metade biolóxicos e metade artificiais? As partes biónicas dos corpos serán controladas incluso a distancia? Teremos un ollo na casa e outro no traballo? Será este o paso que nos permita saír do planeta Terra? Que pasará cos miles de persoas que a tecnoloxía está a punto de deixar sen traballo?

A nosa capacidade para avanzar sempre estivo depositada na calidade para construír relatos e crer neles. Dicía Ramón y Cajal, "?somos os escultores do noso cerebro?" Haberá que ter coidado co que pensamos porque, se o cremos, de certo que marcará o noso futuro; despois de todo, somos testemuña do cumprimento de moitas crenzas cumpridas que nalgún momento só eran ciencia ficción.

Compartir el artículo

stats