Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fin do Homo Sovieticus

Na xeira de Stalinlandia

Un dos paradoxos -tal vez o máis evidente- dos réximes comunistas é que, lonxe de representaren un modelo efectivo de xustiza igualitaria, constituíron -e aínda constitúen: China, Cuba, Corea do Norte- a máxima expresión do nacionalismo. Por iso, o Estado esixe uns súbditos obedientes e deshumanizados en nome do colectivo de clase.

Obviamente, cada sistema asume -nin que sexa por inercia- a idiosincrasia da súa poboación e, así, non atopamos os mesmos resultados na Cuba alegre e desenfadada, tropical e mestiza, ca naquela Rusia-URSS glacial, de extensas estepas e de habitantes historicamente gregarios (por seguir antes aos tsares ou aos popes, despois ao PCUS ou hoxe a un presidente macho alfa).

Partícipes, en tanto que europeos, da cultura rusa, podemos coñecer o réxime soviético, nacido en 1917 e, moi especialmente, desde a conformación stalinista en 1924 deica a súa caída en 1991. Unha vez negadas as experiencias de vangarda que acompañaron o triunfo dos soviets, o chamado realismo socialista pasou a ser a única estética admitida: coa asunción patriótica da guerra contra a Alemaña nazi, ese realismo pasou a ser nacional. E nesa concepción -que negaba á poboación calquera risco individualista- apareceu, xeración tras xeración, un xeito de ser persoal que veu ser definida como homo sovieticus. Hai uns anos, a bielorrusa Svetlana Alexievich, Premio Nobel de Literatura (2015), publicou un volume de pequenos relatos sobre a vida cotiá na URSS, traducido en castelán como El fin del 'Homo sovieticus'.

Agora, o italiano Gian Piero Piretto, profesor de cultura rusa na universidade de Milán, vén de publicar Quando c'era l'URSS ( 'Cando a URSS existía'), subtitulado como "70 anos de cultura soviética". Cunha importante presenza de ilustracións da vida cotiá soviética (revistas, publicidade, obras de arte), Piretto analiza os obxectos e as circunstancias que, supostamente, tiñan que realizar aquel axioma stalinista de que a poboación fose feliz. Desde o paternalismo de Iósif Stalin, os diversos pobos da URSS tiñan a obriga -case que teleolóxica- de seren felices en paralelo á mudanza que foi pasando daqueles adxectivos "revolucionario" e "bolxevique" dos tempos de Lenin a un neutro "soviético", de maneira paralela a como se pasaba ao novo "byt", á nova cotidianidade.

Unha estética omnipresente en fábricas, escolas, locais sociais, que facían daquela Stalinlandia fantasiosa a versión totalitaria da felicidade fácil da Disneylandia norteamericana. Desde aquel modelo de "coros e danzas" de exaltación da vida campesiña ata a suposta alegría dos obreiros tras xornadas extenuantes e salarios de miseria, todo constituía un "kitsch totalitario" que en palabras de Piretti, ben poderíamos considerar un "entroido stalinista".

Todo, sempre, baixo o dominio do terror político que facía demo hoxe de quen onte era anxo: o Partido era o depositario da intelixencia e do saber, e ir contra el e os seus comisarios era facelo contra a patria soviética. Unha represión capaz de negar a modernidade artística e de canonizar persoeiros do pasado, como Puxkin. Ou cambios estéticos condicionados polo devir histórico, como o comezo da invasión da URSS por tropas do III Reich: mudaron as formas de emitir por radio e mais a retórica de Stalin; o réxime soviético, na súa "repatriación", pasou a ollar o pasado, incluída a Igrexa ortodoxa.

Coa vitoria en 1945, Stalin foi cada vez menos home -di Piretto- e máis figura sacralizada como consecuencia das súas paranoias. Pero coa súa morte -e maila a desestalinización impulsada por Kruschev- non mudou a existencia dese homo sovieticus. Pero cumpría abrir a URSS ao mundo e, asemade, era imposible poñer fronteiras á cultura chegada de Occidente (especialmente a música) mediante os sistemas máis inverosímiles. Por primeira vez -e da man de membros do Konsomol, as mocidades comunistas- aparecía o concepto de opinión pública.

Compartir el artículo

stats