Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O evolucionismo do século XIX

Historia da ciencia (VIII)

Gregor Mendel (1822-1884).

Tralo triunfo das primeiras revolucións burguesas a finais do século XVIII, que viñeron constatar que son os pobos quen fan a Historia, xermola un pensamento inspirado na crenza do progreso humano e afastado das crenzas relixiosas. Neste contexto, ao longo do século XIX xurdiu o evolucionismo, unha corrente teórica que inspirou as novas ciencias da Terra e da vida.

Do catastrofismo ao uniformismo: Ao longo do século XVIII os naturalistas de distintos países lograran acumular unha gran cantidade de información paleontolóxica e estratigráfica, polo que se facía necesario interpretala e darlle un sentido: a esta tarefa dedicáronse Georges Cuvier (1769-1832) e Charles Lyell (1797-1875). Cuvier, logo de estudar a fauna fósil da rexión de París e a sucesión estratigráfica do val do Sena, chegou a conclusión de que a sucesión dos tempos xeolóxicos se debía a eventos catastróficos e repentinos que provocaban a extinción de todas as especies que habitaban o planeta, que logo volvía ser repoboado cunha nova Creación, de feito, sostiña que o último evento catastrófico observado correspondía ao Diluvio universal bíblico (de aí o nome de fósiles antidiluvianos, que se lles deu por aquela época. A esta teoría, que recibe o nome de catastrofismo, opúxose Lyell, autor dos Principios de xeoloxía (1830-1833), coa que funda a xeoloxía moderna; nesta obra defende que a historia xeolóxica da Terra é a consecuencia da acción das mesmas forzas físicas que rexen actualmente os fenómenos xeolóxicos (erosión, terremotos, asolagamentos?), que actuaron ao longo da historia creando un equilibrio dinámico de creación e destrución gradual.

Da Creación á evolución:Nos primeiros anos do século XIX a información paleontolóxica acumulada nos anos anteriores, que lle permitira a Buffon soster que entre os diferentes vertebrados existía un plan natural, levou aos seus sucesores intelectuais a defender diferentes teorías explicativas: o catastrofista Cuvier sostiña que todas as especies eran inmutables e creadas; fronte a esa tese fixicista, Erasmus Darwin, Robert Grant ou Étienne Geoffroy Saint-Hilaire defenderon teses transformistas baseándose na existencia dun plan estrutural anatómico común ás diferentes especies, polo que sostiñan que todas procedían dun antepasado común.

Neste contexto, Jean Baptiste Lamarck (1744-1829) propuxo, en Philosophie Zoologique (1809), una teoría da transmutación das especies que sostiña a existencia dunha 'forza vital' que impulsaba ás especies máis sinxelas, creadas espontaneamente, a adquirir unha maior complexidade, grazas a un mecanismo adaptativo segundo o cal a función crea o órgano e a necesidade a función, asegurando que os caracteres adquiridos eran hereditarios.

Fronte a esta teoría, Charles Darwin (1809-1882), quen participou nunha viaxe arredor do mundo a bordo do Beagle (1831-1836), sostivo n' A orixe das especies (1859), que a evolución era un feito natural, defendeu a orixe común de todos os seres vivos e o gradualismo e explicou a diversificación das especies mediante un mecanismo de selección de entre as numerosas variacións que se producen en cada xeración, garantindo dese xeito a supervivencia daqueles individuos mellor adaptados ao medio, ao que lle deu o nome de selección natural. Non obstante, o mecanismo que Darwin propuxo para explicar a herdanza: a panxénese, unha hipótese que sostiña que todo o organismo participaba, mediante as xémulas, na transmisión hereditaria dos caracteres. Fronte a esta hipótese errónea, Gregor Mendel (1822-1884), expuxo en 1865 as súas leis da herdanza xenética, que non se incorporarían á teoría darwinista até os anos centrais do século XX, cando se elaborou a teoría sintética da evolución.

A antigüidade da Terra

  • No ano 1841 o paleontólogo e xeólogo británico John Phillips establece un sistema de tres idades para explicar a evolución xeolóxica da Terra: Paleozoico, período xeolóxico no que predominaban os peixes e anfibios; Mesozoico, período baixo a primacía dos réptiles; e, Cenozoico, o último período xeolóxico no que as especies predominantes sobre a superficie do planeta son os mamíferos. O problema, nese momento, estaba en determinar o tempo necesario para que se producise esa evolución xeolóxica. A tese da Igrexa era clara: o bispo Ussher datara a orixe do mundo no ano 4004 a.C.; fronte a esa tese, Buffon no século XVIII aventurárase a proclamar que a Terra tiña que ter 50.000 anos. Non obstante, no ano 1862 lord Kelvin, baseándose na condución térmica e o arrefriamento da Terra sostén que a idade máxima de 100 millóns. Porén, Perry sostén, a partir dun mellor coñecemento da estrutura xeolóxica da Terra e da codia terrestre, sostén que a antigüidade da Terra tiña que estar entre os 2.000 e os 3.000 millóns de anos. No ano 1907, a partir da radioactividade das rochas, Baltwood sostén que a Terra ten un máximo de 1.300 millóns de anos; aínda que posteriormente, con esa mesma técnica de datación, Patterson retrasa a datación das primeiras rochas da Terra a hai 4.555 millóns de anos.

Compartir el artículo

stats