Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seducindo a imaxinación

O valor do contraste

Seducindo a imaxinación

Xa vai o Premio Raíña Lupa, outorgado pola Deputación Provincial da Coruña, na súa décimo primeira edición e é nesta altura cando llo conceden a Marilar Aleixandre, primeira muller en lograr tal galardón da literatura infantil e xuvenil coa obra A filla do Minotauro, unha novela de aventuras que dá conta das andanzas dunha organización clandestina creada para salvar obras de arte que presenta unha reinterpretación da mitoloxía grega moi actual na que se entremesturan a sensibilidade para co patrimonio cultural e otra que ten que ver cos sentimentos e a amizade como elementos de cohesión fraternal entre o pasado e o presente.

Unha taberna, a do Minotauro, enmarca o comezo da historia. Aquí coñecemos tamén a Miranda, rapaza de quince anos protagonista; a Melina, súa nai; o cego Polieufemio contando historias; o profesor Archimedeo e a Antelmo que estudaba matemáticas e física porque algún día quería ingresar no Instituto Técnico Arquímedes de Módica para ser xeómetra, agrimensor.

Logo a historia vainos levando dun lado a outro da illa de Sicilia entre avenidas e ruelas, entre pasado e presente, entre realidade e crenzas, trazando en cada momento as liñas que definen parte dunha historia, que explican determinados comportamentos e/ou que afondan na defensa dunha herdanza de noso que conviría manter para poder transmitírllela a xeracións futuras, de modo que poida ser integrada no seu entorno, na súa natureza e na súa identidade.

Papel importante desempeña, como vén sendo habitual nas obras de Aleixandre, a muller. Neste caso e da man de Miranda e, por extensión, da súa nai -agora e no seu tempo-, asistimos a unha sorte de encantamento que enfeitiza os seus pasos e que amosa unha afouteza que lle vén quizais de berce e que a fai merecente dos eloxios que recibe.

Únense neste sentido o feminismo e a mocidade, unha perspectiva que non se percibía nalgúns momentos da historia que relata, pero que abofé que existía, e unha nova conciencia, a da xente moza, capaces de reinterpretar situacións e actuacións mellor quizais ca os adultos ao estar desprovistos de prexuízos e rancios estereotipos.

O coñecemento que a escritora deita sobre os personaxes, os lugares e os acontecementos reais e ficticios teñen no detalle un poderoso aliado que lle permite ao lector establecer relacións interdisciplinares entre a filosofía e a historia, a bioloxía e a socioloxía e dende aquí comprender o complexo entramado dun pasado, produto da imaxinación, que se nos revela como necesario e preciso.

Por outra parte, a capacidade inherente de recrear que ten a historia maniféstase en A filla do Minotauro como unha forma de sedución da imaxinación moi interesante, ao verse permeada polo presente, ao existir un diálogo constante entre pasado e presente, que refresca o 'antes' e anuncia o 'despois'. Velaí o valor do contraste que pode axudar a diagnosticar e analizar unha realidade para acadar unha explicación e comprensión do mito a través do presente.

Atractiva resulta tamén a descrición que a autora fai do que presenta. Dende as citas que encetan cada capítulo xa sexan da Odisea de Homero, da Biblioteca mitolóxica de Apolodoro, de O contador de area de Arquímedes ou das Metamorfoses de Ovidio ata as referencias históricas con base real son motivo e produto dunha actividade interpretativa, minuciosa, coidadosa e detallada que procura complexos niveis de significación dunha expresión cultural que torna moi atractivo o libro, digno merecente do Premio citado e que apunta directamente á intelixencia do lector.

ALEIXANDRE, Marilar, A filla do minotauro, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats