Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria da gripe do 18

100 anos do quinto xinete da Apocalipse

Aspecto dun hospital francés (Lyon) no transcurso do andazo de gripe (1918).

O século XIX europeo aínda coñeceu diversas epidemias, especialmente de cólera. As máis delas, chegadas ao continente por vía marítima, o que provocaba as chamadas corentenas para reter os barcos procedentes de zonas sospeitosas. Xa entrados no século XX, na primavera de 1918, cando a guerra mundial estaba a piques de rematar, apareceu en Europa a primeira onda do que despois foi coñecido como "gripe española". No outono chegou a segunda, a máis virulenta, e aínda houbo unha terceira na primavera de 1919, máis leve que a anterior pero máis forte que a primeira. O resultado -segundo as diferentes fontes- estaría entre os corenta e os cen millóns de mortos, deles uns trinta na China.

A orixe podería estar en Estados Unidos e viaxaría a Europa coas tropas expedicionarias daquel país que viñeron participar na guerra europea en 1917. As condicións de concentración humana dos campamentos e os traslados de tropas axudarían, probablemente, á súa expansión. Os países belixerantes non deron información da existencia daquel andazo para non desmoralizar os propios nin satisfacer os alleos, se ben a realidade era que aquela doenza mataba a ambos lados das trincheiras.

Chegada á Península Ibérica na primavera de 1918 -tal vez co regreso de traballadores de tempada españois e portugueses-, os avisos, ordes e recomendacións das autoridades fixeron que España, en xuño, fose o primeiro país que informase publicamente da gripe, noticias que pasaron a Europa. De aí a denominación case inmediata de "gripe española" ou, ironicamente, "dama española". Pero en Senegal foi chamada "brasileira"; no Brasil, "alemá"; en Polonia, "bolchevique"; e en Dinamarca, "do sur".

Aquel andazo -provocado polo desenrolo dun eritema cianótico heliótropo- tiña un síndrome clínico de entre tres e cindo días e unha mortalidade, entre as persoas infectadas, dun 95%. Os síntomas eran aumento rápido da febre, tremores, dor de cabeza e muscular; os mortos presentaban coloración azul en labios, orellas, cara e dedos por cianose, provocada pola falta de osíxeno; as autopsias deixaban evidentes danos nas vísceras.

O sorprendente era que non afectaba ás poboacións en teoría máis vulnerables -nenos, anciáns- senón pacientes xoves. Tal circunstancia provocou un descenso da pirámide demográfica tanto pola limitación de reprodución futura como de reposición dos falecidos.

O virus non foi identificado ata 1933. En 2001 reconstruíuse por primeira vez e en 2003 recuperáronse restos dunha muller inuit afectada e enterrada no permafrost de Alaska.

A Galiza apenas chegou a primeira onda (que afectou ao centro da península) pero si que o fixeron a segunda e mais a terceira. A segunda onda propagouse -segundo un estudo de Beatriz Echeverri- polos eixos Irún-Madrid e Barcelona-Almería, agravada porque cando a gripe apareceu nos cuarteis, os soldados foron licenciados, o que contribuíu á súa expansión.

As noticias chegadas de Madrid e de Barcelona causaron a previsible alarma nas cidades galegas. En Vigo comezaron as primeiras medidas profilácticas que de pouco serviron cando chegou a segunda onda en setembro, que estoupou en outubro. Calcúlase que na cidade olívica -con 50.000 habitantes daquela- houbo 600 defuncións, entre elas a do marqués de Valladares, Fernando Quiñones de León.

En Ourense -circunstancia común a outras cidades galegas- as infraestruturas sanitarias eran precarias e, por iso, a atención dos afectados polo andazo foi limitada. La Región publicaba a diario as baixas, coas causas da morte. Prohibiuse o acceso aos cemiterios o día dos Defuntos. En Compostela había uns corenta enterramentos diarios. O prestixioso médico compostelán Miguel Gil Casares elaborou unha fórmula maxistral a base de creosota, brea de faia, alcol e xarope de azucre. Foi empregada no País Vasco pero non sabemos se en Galiza.

Compartir el artículo

stats