Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galicia non se vende

Loitando polo espazo

Galicia non se vende

A barbarie capitalista maniféstase en Galicia de diversos xeitos: na conversión do monte galego nun inmenso eucaliptal e nos lumes forestais, na megaminería (lousa no Courel, cobre en Touro?) e nas canteiras, nos parques eólicos, nas minicentrais e nas grandes centrais hidroeléctricas do pasado, nas grandes plantas de residuos, nos parques de tecnoloxía alimentaria do litoral galego, nas mareas negras (Prestige, Aegean Sea, Polycommander?), na destrución de edificios históricos das nosas vilas e cidades, no feísmo arquitectónico e na especulación urbanística, nas grandes infraestruturas que non levan a ningures?, que dende hai décadas veñen atentando contra o noso territorio e as nosas vidas. Neste sentido, a división internacional do traballo e a loita de clases, que se manifestan espacialmente, fixo que ao longo dos últimos decenios Galicia se transformase nun territorio caótico ou, por empregar a expresión que propón o profesor Xosé Constenla Vega, colapsado, un concepto tomado da ecoloxía, ao que se chega "no momento no que emerxe un proceso no que un sistema pasa dun estado inicial (máis complexo) a outro final (menos complexo)".

Neste sentido, o colapso xorde cando comeza funcionar un novo sistema sen ter substituído plenamente ao anterior, o que constitúe unha descrición do que ocorreu en Galicia nos últimos decenios: o espolio dos recursos naturais (enerxéticos, forestais?) e da banca e as caixas galegas en aras do gran capital transnacional, que se apoiou en políticas locais que aceptan a destrución do territorio e da cultura como condición do progreso. Neste sentido, pódese dicir que Galicia chegou ao colapso como consecuencia da súa posición marxinal no sistema mundo.

En termos históricos ou temporais, o colapso semella irreversible e insustentable?, pero é posible mudar a situación? É posible intervir de xeito que se poña fin ao espolio e a destrución superando a actual situación de colapso? De acordo coa proposta de Xosé Constenla Vega o colapso territorial pode ser asumido como unha oportunidade -e con esa intención escribiu o seu ensaio O colapso territorial de Galiza, que obtivo o premio Ramón Piñeiro de Ensaio na edición de 2017-,sempre que entendamos que a loita polos nosos dereitos (políticos, económicos, sociais, culturais ou medioambientas) é unha loita polo espazo, unha loita pola transformación dun espazo desestruturado, caótico e colapsado; neste sentido, só conquistando a democracia participativa e o control e a xestión democrática dos recursos e das actividades económicas e desenvolvendo formas de defensa e protección contra as gadoupas do capital, isto é construíndo dende abaixo outro mundo necesario, será posible superar o actual colapso.

CONSTENLA VEGA, X., O colapso territorial en Galiza, Ed. Xunta de Galicia/Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats