Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De xenealoxías femininas

Onde habita a vida

De xenealoxías femininas

Logo de darse a coñecer coa novela infantil O misterio de Portomarín (2016), Antía Yáñez leva un ano cheo de premios. Primeiro foi Senlleiras, a obra gañadora do Premio Illa Nova de Novela da Editorial Galaxia, da que nos ocuparemos nestas liñas, e logo veu a quenda do álbum A reconquista, aínda inédito e dirixido á rapazada, co que a autora burelá conseguiu exaequo o I Premio Fina Casalderrey pola Igualdade convocado pola editorial Baía. Haberá entón que ver se Yáñez continúa con esta traxectoria imparable facendo boa literatura, que ao final é o que importa.

Senlleiras mestura dúas historias ocorridas en diferentes tempos. En primeiro plano, Alda, unha coñecida blogger de moda, que aparece asasinada na bañeira da súa casa pouco despois de publicar unha foto en Instagram na que se pode ver unha misteriosa man no seu ombreiro. Será a súa amiga Navia a que tentará desenlear o guedello da súa existencia, o que a levará a coñecer aspectos da vida de Alda que descoñecía. En segundo plano, a autora convídanos a unha viaxe aos comezos do século XX, na que coñeceremos a Alana, unha moza que vai traballar como criada, acompañando a súa nai, a un caserón de Cecebre, onde axiña destaca por espilida e intelixente, ademais de ser unha apaixoada lectora. Eis a súa vida de nova, porque a súa existencia adulta estará marcada pola dor e polos cambios do destino que non se saben como deter.

No medio, varias voces narrativas permiten que cada quen vaia construíndo e reconstruíndo a súa propia novela, a que se tece con retallos de patchwork, tanto en tempos históricos diversos como con protagonistas diferentes, e a que amosa que a lectura pode non baixar a súa calidade pero conter un compromiso ético fundamental. Mestura de diferentes subxéneros literarios, novela negra e detectivesca por unha banda, texto de iniciación por outra, con chiscadelas de novela histórica, libro de denuncia evidente dos malos tratos, se houbese que lle apoñer unha etiqueta, eu apostaría pola de "texto feminista". Non só pola súa denuncia da violencia de xénero nas súas diversas formas, ou da consideración das mulleres como cidadás de segunda en moitísimos ámbitos, senón sobre todo porque as personaxes adultas e mozas que aquí aparecen acaban por acadar as súas metas a pesar da discriminación que viven tan só polo feito de seren mulleres. Ademais, se os textos feministas axudan a recuperar, a reconstruír e a recrear a memoria das súas conxéneres, esta novela tamén o consegue: ao situarnos fronte a unha xenealoxía feminina que excede os caracteres inventados e chega aos reais, ao facernos reflexionar se os novos abusos non son tamén os vellos con outras máscaras, e ao ofrecernos a posibilidade de coñecer unhas protagonistas enormemente vivas, que senten, que se trabucan, que se aventuran. Porque en Senlleiras habita a vida con todas as súas contradicións: a dor do que se cala, a incomodidade do que non se coñecía, a outra cara da persoa que non soubéramos ver, a sorpresa inesperada que non se agarda e que chega para cambialo todo. Por se todo isto fose pouco, na obra tamén habita a literatura con maiúsculas, porque a autora permítenos unha viaxe aos sucesos, as obras e os fitos que marcaron a vida literaria da Coruña de comezos do S. XX: dende as pegadas de Pardo Bazón ou Herrera Garrido ata as actividades das Irmandades da Fala. Polo medio, aínda lles convido a que xoguen a identificar homenaxes ocultos a obras e autores e autoras das nosas letras, deses que nos fan sorrir baixiño, cómplices. Senlleiras é, pois, unha novela interesante dunha autora que acaba de encetar o seu propio camiño.

YÁÑEZ, Antía, Senlleias, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 19, 70 ?

Compartir el artículo

stats