Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Eu son Ashurbanipal"

Lembranza do derradeiro gran rei asirio

Ashurbanipal dando morte ao león (Museo Británico, Londres).

Moitas veces non somos capaces de situar nas coordenadas precisas de tempo e de espazo os feitos históricos alleos ao Imperio Romano. A razón é ben sinxela: aparentemente, non forman parte da nosa tradición. Sen embargo, dalgunhas civilizacións formadas no noso Oriente próximo temos un coñecemento, nin que sexa indirecto, grazas á súa presenza na Biblia.

Este sería o caso de Ashurbanipal, o derradeiro gran rei de Asiria, que gobernou entre 669-631 aC, é dicir trinta e oito anos. O seu imperio -daquela o maior do mundo- tiña o seu centro en Nínive (no actual Iraq) e chegaba ata Chipre e parte de Exipto polo oeste, e Persia polo leste. Un momento histórico no cal as cidades estado de Grecia aínda non colleran a forza que permitiu que a súa cultura chegase ata nós. A figura deste rei asirio e do seu legado cultural vai ser obxecto da exposición Eu son Ashurbanipal no Museo Británico de Londres (ata o 29 de febreiro de 2019).

Ashurbanipal non estaba chamado a reinar. O seu pai, Assarhaddon, despois que morresen dous dos seus fillos, entre eles o herdeiro, nomeou para este cargo a Ashurbanipal e ao seu irmán Shamash-shum-ukin, maior ca el, herdeiro de Babilonia. Como o primeiro non estaba nas previsións de gobernar, recibira unha formación intelectual pero non militar, e foi a partir da súa designación como herdeiro que a aprendeu. Unha condición insólita esta dun rei culto.

Unha das tarefas que realizou foi a de espía por conta do seu pai, circunstancia que lle facilitou coñecer moi ben o seu imperio. Tamén foi adestrado na monta de carros, en disparar frechas e en matar leóns, o deporte real asirio. Unha vez coroado rei, Ashurbanipal ordenou plasmar tales habelencias en diversos releves para decorar o seu palacio: unha representación artística que salientaría a súa capacidade para cazar ou ser desapiadado cos seus inimigos. Con guerras ou con tácticas diplomáticas conseguiu unificar o imperio, incluso a costa do seu irmán, o rei de Babilonia.

Pero asemade foi o artífice da decoración do seu palacio, especialmente polos s xardíns (tal vez serían os que foron chamados "colgantes de Babilonia") de Nínive, cidade que xa fora engrandecida polo seu avó Senaquerib. E tamén da que tal vez sexa a primeira gran biblioteca da historia: millares de libros escritos en placas de arxila, moitos deles orixinais babilónicos copiados en lingua asiria, entre os cales, a lenda de Ghilgamesh, a máis antiga das epopeas conservadas. Unha biblioteca que tiña as súas obras catalogadas e cuxos fondos medraban por orde real: diversos emisarios procuraban cantas obras pagasen a pena e copiábanas en asirio.

Perdida Nínive uns anos despois da morte de Ashurbanipal, boa parte daquela biblioteca ficou oculta polas paredes derrubadas. Non foi ata 1849 cando 30.000 placas, unha parte da enorme cantidade que custodiara, foi descuberta e transferida ao museo londiniense. Hoxe, estes fondos xunto cos releves, son a base da exposición que comentamos.

Como bo epígono, a desaparición deste rei pasou a ser lendaria. E se ben temos moitas evidencias arqueolóxicas da súa vida, apenas quedan indicios de como morreu. A derradeira vez que aparece citado foi no ano 631 aC e se ben algunhas fontes din que gobernou catro anos máis, os expertos consideran 630 aC como o ano máis probable da súa fin. Este misterio, xuntado á case inmediata desaparición de Asiria como entidade política e cultural (612 aC), fixeron de Ashurbanipal o suxeito da lenda da caída de Nínive e da súa voluntaria desaparición coas súas riquezas e concubinas, como reflectiu Delacroix no cadro Morte de Sardanápalo(1827).

Unha dimensión, a deste monarca excepcional, que coñecemos polas inscricións referidas a el e escritas en primeira persoa: desde escenas de caza a chamarse "o rei do mundo". Uns fondos, estes conservados polo Museo Británico e agora expostos, que collen novo valor despois da salvaxe destrución do museo de Nínive por fanáticos xihadistas hai dous anos.

Compartir el artículo

stats