Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arantza Portabales: "A soidade e a falta de comunicación están máis patentes que nunca"

Un mollo de voces que deixan mensaxes nun contestador. Historias de moitas almas que imos construíndo a medida que escoitamos o que se deixa nun aparello frío que, con todo, está cheo de vida...Eis a trama de Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia), unha novela coa que Arantza Portabales, nada en Donostia e filla de emigrantes de Marín, vén de impactar na nova narrativa galega.

Arantza Portabales, en Santiago. FOTO: xoán álvarez

-En Deixe a súa mensaxe despois do sinal conta Vde. a historia de catro mulleres e o que devén orixinal o texto, é que leva a cabo tal labor mediante aquilo que elas lle contan a un contestador automático. Como lle xurdiu a idea de narralo así?

-Ao comezo do 2016, escribín un relato dunha muller que fala co seu contestador sobre o seu home, que vén de abandonala. Xorde así o primeiro capítulo da novela, porque descubrín a potencia desa voz narrativa. Decateime da liberdade que me supoñía, como autora, deixar falar os meus personaxes sen filtros, sen medo. Ao instante imaxinei estas catro mulleres falando cos homes da súa vida. Podo dicir que, neste caso, o xeito en que ía contar á historia condicionouno todo.

-O do contestador automático é, pois, unha metáfora da sociedade ou un recurso literario?

-O contestador evidencia o paradoxo que estamos a vivir neste intre na sociedade. Nunca tan comunicados estivemos e, pola contra, a soidade e a falta de comunicación están máis patentes que nunca. A xente chama ás radios de madrugada para contar o que nunca se atreveu a contar, fala a través das redes con descoñecidos e establece vínculos virtuais a través de grupos de Whatsapp. Interpoñer unha máquina parece que nos facilita a interrelación. As mulleres desta novela escúdanse no contestador. E, dende logo, no podemos obviar que, cada vez máis, estamos agochados trala pantalla dun móbil.

-Sen desentrañar demasiado, gustaríame que me describira como son cada unha destas mulleres. Comecemos por Marina.

-É unha avogada matrimonialista que vive o paradoxo de non asumir que o seu matrimonio rematou, mentres que na súa vida diaria se dedica a tramitar divorcios. A través do contestador, Marina afronta as súas decisións. É un personaxe que ten que reconstruírse, aprender a vivir sen o amor da súa vida. Aprende a asumir as consecuencias das súas decisións e a pagar o prezo de vivir a súa vida como quere vivila, por ser consecuente cos seus ideais.

-Sara?

-Sara é unha pobre nena rica que non é capaz de afrontar a presión da súa voda, da súa vida, e tras un fracasado intento de suicidio fala co seu psicólogo a través do contestador. Para min, Sara é o espírito desta novela. É o personaxe no que máis claramente se observa o valor terapéutico da palabra e da comunicación. É un personaxe terriblemente fráxil. Está soa e asustada, á procura de si mesma. O contestador axúdaa a afrontar todos os seus medos.

-Carmela?

-O personaxe máis entrañable e o que máis me custou, pola distancia xeracional que hai entre Carmela e eu. Carmela sabe que vai morrer e emprega o contestador para despedirse do seu fillo. Pero ao mesmo tempo, o contestador permítelle facer unha análise exhaustiva do que foi a súa vida. E asemade que repasa esa materia que todos temos pendente, a de morrer con dignidade, eríxese coma a gran figura materna das demais protagonistas da novela.

-E Viviana?

-Viviana é unha prostituta que vive en Madrid, mentres a súa familia pensa que traballa en Ikea. O personaxe de Viviana foi moi doloroso de construír. É unha muller que sofre abuso sexual, pero que sofre aínda máis o silencio que segue a ese abuso. Ese silencio está presente na sociedade. Do abuso non se pode falar. E se se fala é para ofrecer unha imaxe de muller estigmatizada. A mensaxe que a sociedade parece berrarlle a Viviana é clara: se abusan de ti, xa non poderás ser feliz.

-A quen delas se asemella máis a Arantza Portabales que creou estas personaxes?

-Sen dubidalo, e marcando as diferencias existenciais entre ambas, a Marina. A voz de Marina parécese moito á miña. Tanto por idade como por formación, estou moi próxima a ela. Se ben é certo que a miña vida e a dela non se parecen en nada, non podo obviar o feito de que entendo perfectamente os seus procesos mentais. Admiro a súa valentía e sobre todo gústame o consecuente que é coas súas decisións. Eu son terriblemente testana, supoño que por iso me identifico tanto con ela.

-A novela está construída con base en relatos curtos, un xénero que Vde. domina moi ben. Resumir, ser concisa, ir directa ao grao?.suponlle un esforzo engadido ou forma parte do seu estilo de escribir, de entender a literatura como creadora?

-Ao contrario. É deste xeito como me sinto máis cómoda. Nacín como escritora, facendo microliteratura. Non son unha autora que se recree en grandes descricións. Gústame dicir que non son máis que unha contadora de historias. Prefiro transmitir emocións que describir obxectos e paixases. Se te decatas, os personaxes apenas están definidos dende o punto de vista físico, pero dende o punto de vista psicolóxico, todos acabamos coñecendo ata o máis mínimo detalle destas mulleres.

-Coida que conseguiu xa iso, tan difícil, que é ter un estilo propio, unha maneira persoal de contar?

-Supoño que si. No mundo do microrrelato, do que veño, escoitei moitas veces iso de: este relato é "moi Portabales". Gústame falar por boca dos meus personaxes. Gústanme as historias con discurso mental interno. E sobre todo son unha escritora de historias cotiás. Iso fai que o lector se identifique moito coa miña obra.

-De qué autores/as e de que libros confesa ter máis influencias?

-Non sei se teño influencias ou non. Son lectora compulsiva. De nova era moi de novela de misterio. Pero duns anos para acó, son máis de relato curto: Carver ( que é, sen dúbida, o meu escritor favorito), Alice Munro, Flanery O´Connor... En microrrelato quedo con Ana María Shua, e de microrrelatistas españois con Mar Horno. En literatura galega, quedo con Manolo Rivas, e dentro do xénero de novela negra, con Diego Ameixeiras. E síntome moi identificada coa prosa de Inma López Silva.

-O amor ou,mellor dito, a procura do amor e a soidade son dous dos temas deste novela. O amor é a terapia máis axeitada para curar os males da soidade (da soidade non desexada, claro)?

-Eu diría que o amor non é tanto o tema da novela, coma o son a soidade e a incomunicación. E nese contexto aparecen a procura do amor, o medo á morte, a inseguridade... A verdadeira terapia coido que non é o amor. A verdadeira terapia fana os personaxes a través da palabra e da comunicación. Mensaxe a mensaxe, os personaxes son cada vez máis libres e, polo tanto, máis felices.

-Cales son os seus próximos proxectos literarios?

-Veño de rematar unha novela negra. Desexaba fuxir da intensidade emocional que supuxo escribir unha novela como Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Dei o salto xa á novela longa, pero sen perder a esencia da miña escrita, que segue a caracterizarse pola súa concisión e sinxeleza.

Compartir el artículo

stats