Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alcores de Donalvar

A primeira novela de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno con Xesús Alonso Montero e Xavier Senín. // cortesía de editorial galaxia

Xa se ten contado cen veces, citando textos da propia autora, que foi no bienio 1965-1967 cando María Victoria Moreno se foi comprometer coa galeguidade. Foron os anos nos que exerceu como profesora no Instituto Masculino de Lugo, no que eu era catedrático desde 1960, e onde Amable Veiga sentaba os alicerces da Fonoloxía galega.Desde 1970, con todas as consecuencias, asume a opción de cultivadora e reivindicadora do idioma galego, actividade que desenvolverá, con talento e éxito, ata os días finais dunha axistencia ateigada de infortunios. Mais entre 1967-1970 aínda rsulta ser unha escritora alófona; devén autófona en 1973 con Mar adiante.

En 1969 María Victoria escribe e envía Alcores de Donalvar ó Premio Café Gijón, do que foi finalista. Ignoro os criterios do Xurado, mais sospeito que na época non era doado atopar xuíces que acollesen algúns capítulos desta novela non allea á denuncia social. Eu posúo o mecanoscrito orixinal dedicado a min e a Emilia [Pimentel Iglesias], a miña muller.

Trátase, aínda, dun libro inédito, afirmación que esixe algunhas observacións. Existe, si, unha edición galega co título Onde o aire non era brisa (Xerais, 2009, tradución de Xavier Senín), pero que non reproduce, na súa totalidade, Alcores de Donalvar. Como nos explica Pedro Ferriol, o segundo marido de María Victoria, no prólogo de Xerais, estamos diante do texto de 1969 con "algunhas pequenas modificacións". Así pois, por pequenas que sexan, a Ecdótica obríganos a afirmar que Alcores de Donalvar -tal como consta no meu mecanoscrito- é unha novela inédita. Engadamos que o texto, xa titulado Donde el aire no era brisa, foi premiado na décima edición do Premio de Novela Corta Manuel Díaz Luis do concello de Monleón (Salamanca) no ano 2005. Xa moi quebrantadiña de saúde, María Victoria foi recoller o galardón, que agradeceu moito pero que non lle impediu aclarar que ela non lle puña "os cornos á literatura galega" e que aquel relato fora escrito corenta anos antes. (Eu teño para min que a decisión de concursar foi unha teima de Pedro Ferriol, interesado -o que o honra- en que María Victoria contase, na nómina dos narradores españois, cun relato escrito na súa lingua orixinaria). Tamén conta Ferriol que naquela ocasión aclarou: "Botei a miña sorte cos pobres da terra e comecei a escribir nesa lingua".

Alcores de Donalvar é a historia de Elena, unha moza que chega a aquela localidade para exercer o seu primeiro destino profesional, o de mestra. Elena, para algúns críticos, é trasunto de dona Sara Márquez, que foi mestra en localidades segovianas da fasquía socioeconómica e mental de Alcores de Donalvar (topónimo inventado). A semellanza finaliza aquí: dona Sara, tamén xefa local de Falanxe, non se arrepoñía ás cacicadas e ós favores para os ricos, pois bastante tiña -se, aló no fondo, disentía nalgo- con labrarlles un porvir algo xeitoso a catro fillos, orfos de pai. De quen é trasunto Elena é da "insurrecta" María Victoria, como se lle chama no título dunha recente biografía. Porque Alcores de Donalvar é, no esencial, unha novela social, xénero moi presente na España da época, malia os moitos atrancos oficiais.

Que é unha novela social próbao ben un capítulo da parte final. Mentres conversan Elena e Santiago (un rapaz moi humilde que fora alumno seu), cinco ou seis segadores galegos cantan unha vella copla do seu país: "Si vas a San Benitiño / non vaias ó de Paredes...". Oída a cantiga, Elena fai esta observación: "que aquellos hombres venían en busca de pan y les pagaban tristemente con algo que, por humilde, nadie apreciaba". O rapaz comunícalle á mestra que "Los gallegos son malos" porque querían "echar a perder el trigo". En efecto, os segadores, fartos de recibiren salarios moi baixos, querían queimar o cerel e fuxiren a Galicia. A mestra, moi preocupada, convence o rapaz que disuada ós segadores e el promete que lles fará saber que aquilo era"un pecado muy grande". Ela, adulta e máis sagaz, aconséllale que ese non é o camiño e que o método dialéctico ten que ser outro: "... convencerles de que eres igual que ellos, de que riegas con tu sudor tierras que no son tuyas". O rapaz, no seu idealismo, replica que eles "son gallegos y yo no", pero Elena, que quizais nunca lera o Manifesto de Marx e Engels, intuitiva, acláralle: "En una situación como esta la fraternidad nace de haber tenido la misma suerte o haber uncido bajo el mismo yugo. No de la tierra en que se nace".

Elena continúa por vieiros case intolerables na época: se os amos non se aveñen a razóns, queda un recurso: "La huelga". Os segadores, que non tiñan a complexidade de Elena, queimaron os campos. En calquera caso, este capítulo -extenso, rico, ben construido-, de ser premiada a novela, non pasaría a alfándega da Censura en 1969.

Así escribía unha moza nova, xa en 1969 comprometida socialmente cos segadores de fouce reivindicativa. Despois desta data, comprometeuse moi a fondo, e para sempre, coa lingua daqueles segadores, coa lingua dos que na Galicia de 1970 padecían a historia.

Compartir el artículo

stats