Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arqueoloxía e aventura

Unha atractiva escrita

Arqueoloxía e aventura

A intriga é un factor fundamental desta novela de An Alfaya (Vigo, 1964) A ánfora exipcia, que, pensada para preadolescentes, nos presenta a Roque, o protagonista desta historia, que vai pasar uns días ao pazo do conde de Leirachá. Uns días que el coidaba aburridos pechado nun vello pazo, pero que o levarán a unha auténtica investigación xunto a Xacobo e Laura na procura do responsable da desaparición dun escaravello rinoceronte e unha ánfora exipcia.

A historia bebe dos grandes da novela policíaca e de misterio, e así, nun estilo clásico, a autora ambienta os acontecementos nun pazo no que se atopan dez persoas no momento en que se produce o roubo. Todos son sospeitosos, uns máis que outros pero Roque o principal. A curiosidade propia da mocidade fará que os rapaces vaian penetrando nos movementos de todos os presentes no pazo e debullando os seus motivos para facer desaparecer un posible descubrimento arqueolóxico sen precedentes.

Tal e como o terían feito Agatha Christie ou Edgard Allan Poe, An Alfaya formula un caso que aparece aquí de maneira fortuíta para uns improvisados investigadores que, pola súa idade, problemas e inquedanzas axiña empatizan cos lectores. Desta maneira, coa presentación do caso e a escolla dos detectives só resta a solución, á que se chega logo de seguir os pasos marcados polo método científico, a observación, a análise e a dedución. Todo aderezado co achegamento aos trazos psicolóxicos dos implicados, espazos lúgubres e sinistros e as inevitables pequenas doses de violencia.

A estrutura da narración, a presentación lineal dos acontecementos e a viveza do texto axilizan unha lectura que atrapa a quen le, que se achega á técnica cinematográfica, mesmo con alusións a Colombo, e consegue momentos catárticos en situacións clave.

O tema, os personaxes principais e a escrita, dinámica e cos detalles precisos, fan atractiva a novela o para o público a quen se dirixe, rapazada a partir de dez anos a quen non lle resulta difícil mergullarse nunha obra destas características.

ALFAYA, An, A ánfora exipcia (Ils. Ramón Trigo), Ed. Tambre, Vigo, 2017, PVP. 8, 65 ?

Compartir el artículo

stats