Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Shin Chan de noso

A dobraxe en galego en crise. Nos bos tempos, os mellores dobradores podían gañar moitos cartos

A dobraxe en galego atópase en perigo de desaparecer. As voces na nosa lingua de Dallas, de Shin Chan ou de Doraemon poderían quedar só nun recordo sen continuidade futura. A rebaixa do investimento da TVG nesta actividade, que pasou de 4,5 millóns de euros no 2008 a 1,8 millóns no 2015, abaneou os cimentos do sector. Nos anos 90 chegou a haber en Galicia, que foi a segunda comunidade no Estado en número de horas dobradas, unha ducia de estudios especializados. Mais as cousas mudaron e agora só queda a metade destas empresas. Mais non son os recortes na TVG, da que a dobraxe mantén un elevado grao de dependencia, o único problema.

Advertíao o actor Luís Iglesia nun artigo dispoñible en internet, titulado 'O modelo galego na dobraxe'. "Na construción do oficio da dobraxe escolleuse mal o solar, (situación dos estudios de sonorización), non se reparou na calidade dos alicerces, (proceso de selección de actores e actrices), elixiuse un modelo que non respondía ás características do país, (modelo de dobraxe en castelán), non se supervisou o traballo dos contratistas, (control lingüístico) e a especulación (máximo beneficio, menor calidade), engarabitou polas paredes, abriu fendas (problemas laborais) e cando fixo falta apontoar os muros petouse á porta de quen nos quixese valer (Academia, ILG, Mesa?)", escribía entón.

O emprego no sector quedou establecido en convocatorias que se prolongaban ata trece horas diarias. Nos bos tempos os mellores dobradores podían gañar moito diñeiro. Pero despois viñeron as cousas tortas e boa parte dos profesionais comezaron a aceptar traballar a prezos situados por debaixo dos fixados no convenio galego. Tampouco a distribución do traballo entre as empresas do sector por parte da TVG foi regulada ata o 2011-2012, coa convocatoria dun concurso público. Cinco estudios repartían ata entón o orzamento da televisión pública para dobraxe.

A propia TVG recoñece, nun documento que lle remitiu ao Consello da Cultura, que antes do primeiro procedemento aberto a contratación víñase facendo "dun xeito máis discrecional e menos sometida a condicións obxectivas". O mercado abriuse tamén nese momento a dúas empresas máis, que foron homologadas como provedoras. Mais o primeiro concurso xerou tamén múltiples recursos. O primeiro prego de condicións foi anulado. En virtude do segundo, á multinacional SDI correspóndelle, na actualidade, o 35% do orzamento.

Alén da cuestión laboral, a normalización da lingua é o grande argumento en defensa da dobraxe. A RAG considerou, nun documento difundido no 2010, que "o esta?ndar de uso pu?blico da lingua galega estable?cese mediante o concurso de diversos axentes que contribu?en ao seu prestixio e valoracio?n social. Neste sentido, o labor dos equipos de dobraxe en galego e? fundamental para a consolidacio?n dun esta?ndar correcto. Entendemos que o actual nivel alcanzado polos nosos dobradores e? altamente satisfactorio e esta? a operar sobre os receptores coma un modelo de referencia positivo".

A TVG argumenta, nas súas repostas ao sector, -o tema foi tratado varias veces no Parlamento-, que, alén dos recortes orzamentarios, a audiencia dos filmes dobrados é moi reducida en comparación coa produción propia. Mais Apradoga considera que o problema é de programación, non de contradición entre series galegas e produción foránea. Este colectivo realizou no 2014 un estudo comparativo da programación da TVG coa de La 1, Antena 3, Cuatro, Telecinco, La Sexta, TV3 e TPA e descubriu que "a TVG é a única canle que non programa espazos dobrados en prime-time" ademais de ser "a que menos programa produto dobrado en horario de fin de semana con tan só 4,8 horas, a maioría das cales son ademais, emisións de madrugada".

A autocrítica do sector

  • Mais os dobradores tamén fan autocrítica. A actriz de dobraxe Maika Aguado salientou no seu Traballo de Fin de Grao, realizado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, que "puidemos constatar a desunión histo?rica que afecta os profesionais da rama artística da dobraxe por conflitos -de diferente natureza- xerados no pasado e que soamente achegan fraxilidade a un colectivo cada vez máis desprovisto de cobertura social: prestacións, actualización de convenios, etc".O efecto da dobraxe sobre a aprendizaxe de linguas estranxeiras é outro dos debates clásicos, como a mudanza tecnolóxica que favorece o visionado de filmes por internet en versión orixinal. Mais ningunha televisión xeralista en castelán parece estar preocupada por este último feito. Desta sorte de cuestións ocúpase Maika Aguado no seu traballo. En Francia, Alemaña, Italia, Austria, Suíza, República Checa... tamén se dobran os filmes e series, sinala. Noutros países, como Portugal, Reino Unido e Irlanda, sen embargo, só se dobra a programación infantil. Mais, segundo as sondaxes realizadas periodicamente pola Comisión Europea, -os Eurobarómetros-, en Alemaña o 56% da poboación afirma saber inglés, en Austria o 73% e en Portugal apenas chega ao 27%.

Compartir el artículo

stats