Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ses: "Máis que unha indignada, o que eu son é unha disidente"

"Os valos por tonzar son infinitos. É imprescindible unha revolución cultura que convirta a masa en pobo"

A cantante e compositora nunha imaxe promocional

-Tronzar os valos

-Os valos por tronzar son, evidentemente, infinitos no eido social, pero esa detonación ten que comezar polo derribo individual da desidia; das consecuencias dunha educación na deshumanización que xera unha sociedade autómata e frívola e que fai do pobo masa maleable. Coido que é imprescindible unha revolución cultural que convirta a masa en pobo.

-Este disco continúa a liña marcada no seu álbum anterior, Co xenio destrozado

-Efectivamente. É obvio que a aprendizaxe adquirida até este momento, dótame de máis capacidades para plasmar o que quero plasmar, e que isto sexa máis auténtico e persoal. Mais, realmente, este disco é un conxunto de cancións, como os outros editados até o momento. Que sexa "máis Ses" é, simplemente, a consecuencia lóxica dunha creación persoal, real e honesta.

-E cales serían os sinais de identidad dese estilo?

-A identidade da miña música é a mesma que a miña. A dunha muller galega, nacida no ocaso do século XX, cun consumo de contidos lóxico na sociedade da información, con múltiples influencias moi heteroxéneas, pero sen renegar do que eu son, de onde veño e da música na que me criei, que é a música tradicional galega. Son unha cantareira que canta o que lle apetece.

-Cantar en galego é para Vde. algo innegociable?

-Non é innegociable, é lóxico. Eu son galega, e os galegos falamos galego.

-Que é o que máis desexa comunicar coas letras das súas cancións: sentimentos ou historias?

-Ambos. Falo dos sentimentos que me provocan as diferentes historias que vivo, como calquera ser humano. Falo do que penso, do que sufro, do que amo ou, simplemente, do que me apetece. Non quero comunicar nada, a miña vontade non é deseñar un discurso para vender. Creo na arte como expresión de sentimentos e limítome a escrebir de xeito visceral e aceptar as miñas composicións, sexan mellores ou peores, porque non me avergoño nin do meu lirismo máis elevado nin do meu descaro. Son unha persoa normal, con múltiples rexistros, dos que desfruto en cada momento e encántame a versatilidade humana, a diversión e a actitude crítica. Todos somos moitos, e as "moitas" que eu son vense na miña obra. Iso é o que ensino, pero sen estratexias.

-As cancións deste disco móvense entre varios estilos musicais e entre distintos estados de ánimo. Isto pode ser doado de interpretar á hora de gravar pero, e nos concertos? Como pasar dun tema rocke a esgalla a unha balada intimista, só acompañada de guitarra?e que a interpretación siga soando a "auténtico" e mais a "sinceridade"?

-Normalmente, eu introduzo cada tema cunha pequena explicación, para poñer o público en contexto. Para min, non é complexo sentir cada tema, posto que todos son verdade até o momento. Cando comezo a cantar, non podo evitar sentir o que sentía cando o tema foi composto. Por iso me teño emocionado nalgún concerto. Para alguén tan visceral coma min, o complexo é non sucumbir ao sentimento que emana do que estou interpretando.

-Séntese Vde. pertencer a aqueles cantautores que, en tempos de utopías, querían cambiar o mundo coas súas cancións ou o seu vén ser outra cousa?

-Primeiramente, non creo que aquilo fosen utopías. No ano 1959, trescentas persoas triunfaron contra tres mil, nunha guerra de guerrillas que parecía imposible, devolvéndolle ao pobo cubano a potestade e os seus dereitos. Eu creo, non desde a fe, senón desde a razón, que o revertimento desde sistema xenocida é posible. E é desde o ámbito cultural desde o que se pode educar no cuestionamento e na actitude crítica necesarias para conseguir unha poboación consciente e ilustrada, capaz de avaliar e decidir cales deben ser as características dunha sociedade xusta e igualitaria a construír. E creo que podemos construíla.

-Que opinión ten de movementos como o 15-M, a partir dos cales estáse a xerar un certo cambio na política nos países occidentais?

-Non me gustan en absoluto os movementos de masas que se autodenominan "indignadas". A indignación, por definición, é un estado de pasividade. Eu non son unha indignada. Pola contra, a indignación e a carraxe son os sentimentos que me fan autoafirmarme como disidente dun sistema contra o que hai que reaccionar. Eu son unha desertora, unha disidente dun sistema asasino, unha resistente cultural que esixe a acción necesaria para facer posible unha revolución cultural, social e político-económica.

-Se a poesía é un arma cargada de futuro, que vén ser a música?

Na música non instrumental, cantamos textos. Máis ou menos poéticos, pero cunha compoñente imprescindible de lirismo. Non creo, como Gloria Fuertes, nos poetas que non din nada. Do mesmo xeito, afirmo que os compositores que non din nada, carecen de interese e, en certa maneira, de talento artístico. A arte é expresión de sentimentos, de situacións, de ideas. Se todo iso é futuro, a música é tamén unha arma cargada de futuro, quen non a cargue deste xeito, probablemente non sexa, para min, artista. Pero sen esquecer que os discursos non teñen que ser elaborados nin rimbombantes. Desde a música popular até o estilo máis barroco, quen é artista porta un lirismo que contén pasado, presente e futuro.

Compartir el artículo

stats