Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte para o móbil

Creando para un novo soporte

Unha das propostas de A la deriva, de Juan López.

Se accedemos desde o noso móbil á páxina web do Centre d'art La Panera de Lleida, www.lapanera.cat, podemos -de primeiras e como pasa con calquera outro centro de arte con páxina web- descargarnos a app desa institución no referido teléfono móbil e atinxir, daquela, dun xeito rápido a información xeral do centro ou coñecer as exposicións actualmente en cartaz (nalgúns centros mesmo se poden ver fichas e reproducións das obras que conforman as súas coleccións). Mais na Panera hai aínda un apartado creado especificamente para ser visto só no noso iPhone e que, ademais, se constitúe nunha singular rareza expositiva, única entre os centros artísticos peninsulares. Trátase de Art Mòbil: unha colección de obras encargadas por ese centro de arte aos artistas para seren desfrutadas apenas no soporte iPhone. Art móbil conta xa con seis entregas de cadanseu artista, nomes que previamente espuxeran nas salas da Panera.

A primeira das obrar encargada para esa colección móbil foi a de Ignacio Uriarte, artista residente en Cataluña e cuxa querenza polo mundo das oficinas ou os recursos administrativos é ben coñecida, o que o facía de antemán ben acaído a esta nova liña coleccionadora. Ao fin e ao cabo, que sería hoxe da administración sen as comunicacións móbiles? Pois ben, Uriarte propón en Ethernal Laberinth, de 2012, xustamente un labirinto infinito debuxado en Microsoft Excel, onde pode perderse o noso dedo e mais a nosa mente...

Cartel anunciador de Art Móbil no Centre d´art La Panera (Lleida).

Seica na exposición A la derriba que Juan López celebrou na Panera, algúns muros do centro abríanse para deixar ver o mundo exterior (por veces tan distinto da atmosfera hiperprotexida e elitista da arte contemporánea), así que o seu traballo aquí, Glassgate (2012), tamén racha virtualemente coa pantalla do noso móbil para ver precisamente o que hai detrás dese mesmo móbil que nos afasta cada vez máis do que temos arredor, converténdonos a todos en cegos e mudos do que ocorre fóra do noso teléfono.

Marina Núñez, artista e profesora da facultade de Belas Artes de Pontevedra, cuxa obra en torno á identidade vén, desde hai anos, desenvolvéndose no soporte tecnolóxico, convídanos en Worlds inside (2012) a usar unha foto do noso arquivo ou, no seu defecto, unha imaxe nova feita co móbil, para que logo, ao pasar sobre ela o dedo, vaiamos vendo como se eslúe nun pó de estrelas, ou burbullas, ou átomos, ou planetas, ou microorganismos...

Abigaiz Lazcoz opta, da súa parte, polo debuxo infantil e unhas plantillas de peiteados ao xeito xeométrico, ou de nube, ou de gorro, etc. que permiten retrotraernos á infancia e mais a aqueles cadernos onde debíamos completar os debuxos ou encher de cores as formas.

Jordi V. Pou, en Observed (2013), fala xustamente sobre esa vixilancia fotográfica á que nos vemos sometidos todos e todas por mor dos móbiles, porque todos nos autofotografamos de xeito narcisista pero tamén todos nos fotografan e rexistran: mesmo cando non somos conscientes diso ou non queremos ser fotografados. A cámara do móbil, pois, a modo de ollo dun gran irmán xusticeiro que todo o controla. Un click de ida e volta nun marasmo de clicks e miradas asoballadoras.

Finalmente, o recoñecido artista Miquel Mont, en Lliscant colors (2014), avoga por crear unha peza no ronsel do que nos ten afeitos a ver na súa obra plástica: bandas sintéticas de cor que nos íllan dos ruídos do mundo para acollernos nunha metafísica silente. Fronte a todos eses estímulos visuais e sonoros que o propio aparello móbil nos está a ofrecer decote, Mont parece avogar aquí por unha especie de ioga mental, cun om eterno de bandas horizontais de cor a ser pasadas polo noso dedo como quen pasa en trance as contas dun rosario.

Diferentes coleccións

Compartir el artículo

stats