Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha triloxía para animar a ler

A escritora Elena Gallego participa no Proxecto Dragal da Consellería de Educación que ten como base a súa triloxía literaria

A escritora responde ás preguntas dos alumnos sobre a súa obra.

A escritora Elena Gallego visitou un total de once centros escolares de toda a comunidade para animar aos alumnos a ler, crear e investigar en galego. Estes encontros forman parte do proxecto de dinamización lingüística Dragal, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os encontros coa escritora son unha das novidades con que conta o Proxecto Dragal este ano, pero non a única. Entre os meses de marzo e maio os centros de secundaria participantes recibirán a visita dun contacontos profesional que lle poñerá o ramo á actividade "detective de lendas", coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os estudantes realizan e comparten os seus traballos, renóvase este curso incorporando novas funcionalidades que o fan máis atractivo, áxil e eficaz.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, acompañou a autora na súa visita ao IES Puga Ramón da Coruña, o que lle permitiu coñecer de primeira man o desenvolvemento do Proxecto Dragal no dito centro educativo. García Gómez asistiu á charla da escritora, conversou co alumnado e visitou o instituto, que, durante o primeiro trimestre, foi ambientado polos estudantes con motivos relacionados coa triloxía de Elena Gallego.

Na súa intervención, o secretario xeral animou o alumnado a participar con entusiasmo nas tarefas do Proxecto Dragal e a "continuar usando a lingua galega para ler, para comunicarse en internet, para falar..." máis alá dos muros do instituto.

Encontros en colexios

Da man do Proxecto Dragal, a escritora Elena Gallego visitou e o IES de Valga, o IES A Pobra do Caramiñal, o IES Alfoz-Valadouro, o IES de Becerreá, o CPI Virxe da Cela de Monfero, o IES Castro Alobre, o IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, o CPI da Cañiza, o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e o IES Taboada Chivite de Verín. O percorrido pecharase coa participación da escritora nunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros educativos que participan no Proxecto Dragal.

Durante as visitas, a escritora é presentada no instituto polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, percorre o centro para apreciar o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado no primeiro trimestre e mantén un encontro cos estudantes no curso do cal comparte co alumnado as razóns que a levaron a abordar na triloxía Dragal a temática dos dragóns e analiza elementos da cultura galega en que esta está presente. Refírese tamén a autora ao labor de documentación previo á escrita das novelas en que se basea o proxecto.

<img alt="" src="https://mas.farodevigo.es/editor_cajas/estaticos/subidas/imagenes/Suscriptor/Estela/acaniza.jpg" style="width: 654px; height: 378px;" /><span style="font-size:11px;">A autora da triloxía "Dragal", Elena Gallego, nunha aula dentro do Proxecto Dragal.</span>

Proxecto Dragal

O Proxecto Dragal é unha iniciativa multimedia de dinamización lingüística con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad, que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinares en galego.

Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO das catro provincias e 55 docentes participan no Proxecto Dragal.

Compartir el artículo

stats