Efectivos dos Bombeiros de Vigo mobilizáronse este xoves a causa dun incendio acontecido no interior da cociña dunha vivenda da cidade olívica, onde se produciron danos materiais, se ben ningunha persoa resultou ferida. Fontes dos bombeiros informaron de que sobre as 3.45 horas deste xoves se recibiu o aviso deste lume, acontecido, por causas que por agora se descoñecen, nun domicilio situado no número 8 da rúa Gregorio Espino.

O incendio, que afectou a zonas como o extractor e demais mobiliario da cociña, quedando a estanza danada pola calor e o fume, foi sufocado cun extintor e cunha pequena cantidade de auga. En canto aos habitantes da vivenda, os bombeiros indicaron que "estaban a durmir" cando se produciu o incendio e que non sufriron danos.

Lume en Verín

Por outra banda, ás 2.49 horas o 112 foi alertado por outro incendio nun piso situado nun inmoble de catro plantas situado no número 56 da Avenida das Sousas no municipio ourensano de Verín, no que tampouco houbo feridos. Foi unha muller a que alertou de que había moito fume nas escaleiras do inmoble. A alertante atopábase, segundo indicou o servizo de emerxencias, "moi nerviosa" porque estaba soa con dous nenos pequenos.

O 112 mobilizou á Policía Local e os Bombeiros de Verín, que confirmaron que ardeu unha sala de estar dunha vivenda situada na primeira planta e quedou extinguido o lume, cuxas causas se descoñecen, sobre as 3.00 horas.