Entrevista | Andrea Fernández Protagonista do filme “As Neves”

“O cinema sofistica a adolescencia cun retrato esaxerado”

“Ir ao casting de ‘As Neves’ foi a tontería do día”, sinala a súa protagonista

O filme chega ás salas españolas hoxe

A actriz Andrea Fernández, no centro, protagoniza "As Neves".

A actriz Andrea Fernández, no centro, protagoniza "As Neves". / Cosmica

Mar Mato

Mar Mato

Ata que punto somos conscientes da responsabilidade dos nosos actos? A película “As Neves”, da directora viguesa Sonia Méndez e seleccionada para o Festival de Málaga, pousa esta e outras cuestións ao longo dunha metraxe que se converteu no primeiro filme galego e en lingua galega en amosar unha historia na gran pantalla dende a óptica de adolescentes.

A narración lévanos a un pobo, As Neves (que realmente é Fonsagrada ou a súa zona), na que uns mozoulos saen de festa pola noite no Entroido. Algo se atravesa entre eles, os seus móbiles e as folerpas que comezan a inzalo todo.

Á mañá seguinte, unha das rapazas está desaparecida. Mentres a audiencia xoga a adiviñar quen pode ser culpable e que lle aconteceu, a historia dunha rapaza, dun rapaz e dos seus amigos se abre para plantexarnos preguntas sobre os cambios xeracionais, o mal emprego dos móbiles e a suposta responsabilidade de ser maior. Unha das protagonistas é a estudante, Andrea Fernández, que debuta como actriz tras presentarse ao casting para acompañar a unha amiga. Hoxe vernes, ás 17.45 horas, comparece co elenco e a directora no Cinema Yelmo Vialia de Vigo nun pase e coloquio.

"As Neves" parte dunha festa e dunha desaparición.

"As Neves" parte dunha festa e dunha desaparición. / Cosmica

–Esta é a súa primeira película, como foi a toma de decisión de participar no casting?

–Eu teño unha amiga, que se chama Valentina, á que lle gusta moito o cinema. Díxome de presentarmos. Eu aínda tiña 17 anos; agora, 19. Eu decidín ir para acompañala pero ela ao final non foi o día de casting e ao final... mira.Nunca me presentara a outro casting nin nada relacionado co cinema.

–Nin fora a clases de teatro?

–A nada! Foi a tontería do día.Primeiro, fixéronme unha entrevista persoal. Foi moi fácil porque como eu nunca pensara en actuar ía sen expectativas, sen nervios.

–Como viviu eses pasos e que lle comentaban na casa ou as amigas?

–Toda a xente estaba tranquila porque nin elas, nin meus pais nin eu esperabamos que eu chegara a nada máis que a anécdota de ir a un casting. Cando ao final, cando me deron a gran noticia de que me collían, quedaron todos e eu tolos.

Escena de "As Neves".

Escena de "As Neves". / Cosmica

–A práctica totalidade do elenco era adolescente, dispoñían de psicóloga como na serie “Skam”?

–Non. Nós tiñamos unha coach para axudarnos no proceso de actuación pero despois non tiñamos psicólogo na rodaxe. Había un ambiente de calma propenso a falar e propoñer de todo.Iámonos axudando entre todos. A directora axudounos moito. A coach tamén nos axudou para quitar a vergonza.

–Á xente de máis de 30 chámalle a atención como reaccionan os personaxes ante a desaparición da amiga pola frialdade. Pensa que reflexa así a xente da súa idade?

–É que, ao final, as nosas reaccións ninguén nolas mandou facer. Ninguén nolas mandou facer así, nós iamos coa nosa proposta e nos daban liberdade nese sentido. Ao estar a desaparición envolta pola aparición dun vídeo e do suceso, nós buscamos unhas emocións máis comprimidas cara adentro. Non pensamos en que pode morrer senón que aínda está viva.

–Vista a película, pensan que reflicte ben a súa xeración?

–En primeiro lugar, trátase con moito respecto porque non todas as películas se fan dende a mirada do adolescente senón da dos adultos. Moitas veces, sofistícannos moito e “As Neves” trátao de maneira natural. Non ofrece un retrato esaxerado como se adoita facer noutras películas.

–Estuda Filoloxía Galega porque quere ser profesora?

–Non, quero ser actriz pero non está de máis saber ben a lingua.

–Ou sexa que a raíz de facer a película quere dedicarse a actuar.

–Si, eu quero intentalo o máximo que poida e quero seguir formándome. Tiven clases de teatro ata hai pouco pero aparqueinas porque se xuntaron cos exames da carreira, a estrea... pero vounas retomar.

–Que sentiu no Festival de Málaga?

–Co desplegue que había de alfombras, coches e luces parecía outro mundo. Eu non sabía nin onde estaba. Foi incrible. Foi un agasallo vivir esa experiencia.

"As Neves" en a estrea este vernes 10 de maio.

"As Neves" en a estrea este vernes 10 de maio. / Cosmica

–Que máis lle gusta de actuar?

–Ti intentas defender un personaxe coas túas maneiras. Poder poñerlle cara e corpo a unha historia paréceme incrible. Eu non tiña idea de como se facían as películas e participar nunha foi incrible.

–Quedou contenta co resultado?

–Para min, a película quedou chulísima. En canto ao meu traballo, son autocrítica, faríao de diferente forma agora pero quedei contenta co que fixemos todos.

–Que opina de prohibir os móbiles á rapazada?

–Paréceme que é querer poñerlle portas ao mar. Vivimos nun mundo de tecnoloxía, en lugar de quitalos hai que ensinar a usalos. Tense fixación coa rapazada pero na idade adulta tamén teñen problemas para xestionar o seu uso.

Suscríbete para seguir leyendo