Exército MekeMeke, o podcast en galego que abraiou nos Ondas

O programa de humor con chiscadela a Shin Chan foi finalista nos premios estatais

O equipo do programa MekeMeke no Carballo Interplay.   | // AIGI BOGA

O equipo do programa MekeMeke no Carballo Interplay. | // AIGI BOGA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Andou preto pero non puido ser, inda así foi un fito. Falamos de como o podcast en galego Exército MekeMeke case logra un premio Ondas na categoría do mellor en lingua cooficial. A proposta galaica chegou a ser finalista nesta última edición e o seu capitán aos mandos non pode estar máis feliz polo equipo pero tamén pola lingua. Era a primeira vez que un podcast en galego chegaba a estar nominado nos prestixiosos galardóns.

“Foi un fito histórico. Os Ondas son os premios máis grandes que teñen que ver coa radio e os podcast. Que nós esteamos nunha nominación entre 70 propostas e que cheguemos a finalistas é unha chulada. Competiamos con excelentísimos profesionais que teñen ademais unha axuda moi potente como é o caso de Catalunya Radio ou outras produtoras públicas que gastan millóns de euros ao ano en facer eses programas. Nós non temos nin para gasolina”, explica o locutor principal e ideólogo do programa, o politólogo Carlos Vieito.

O Exército Mekemeke no Carballo Interplay. Foto de Aigi Boga

O Exército Mekemeke no Carballo Interplay. Foto de Aigi Boga / Aigi Boga

A proposta de Mekemeke é un David contra Goliat que ten acubillo na Radio Municipal do Concello de Ames. “Por sorte, eu son veciño de Ames e o concello abriu un proxecto de radio cidadá. Eu inscribinme para ver se nos deixaban gravar. Accedemos sen problemas e imos facer agora catro aniños facendo o programa”, detalla o presentador.

A emisión ofrécese por diferentes plataformas como o Spotify e o YouTube, onde teñen as tres tempadas colgadas. “Este ano comezaremos a cuarta entrega”, engade.

Para falar da historia desta iniciativa, primeiro hai que pararse a preguntar que é MekeMeke e por que teñen un “exército”. “O programa é de entrevistas pero a min non me parecía unha idea moi atractiva o de poñerme a falar ante o micro só ou con convidados. Falei cos meus amigos Xavier Dios e Miguel Gómez para que me acompañaran coa idea de falar de cousas das que falariamos nós se quedaramos a tomar algo. Accederon e na segunda tempada uniuse Lidia Veiga, a actriz; ademais do actor que dobraba a Songoku Antón Rubal. Facemos un programa semanal durante media hora. O de Mekemeke é que o programa nace para crear referentes, expresións culturais galegas propias no mundo dixital sen tirar de expresións de fóra. Utilizamos o humor pero queremos crear conciencia social arredor da lingua. O exército MekeMeke eran os malos dos ultraheroes que estaban na serie de Shin Chan”.

O equipo do Exército Mekemeke, ao completo, finalistas dos Premios Ondas

O equipo do Exército Mekemeke, ao completo, finalistas dos Premios Ondas / M.K.

A imaxe corporativa é o monstro das galletas do neno xaponés. De aí que na mesa de traballo do programa cando graban teñan estes doces así como un porco bravo na horna da Xaba Xeración (Xeración Xabarín Club) da que forman parte. “Na mesa, sempre hai cousas que te identifican con esa época”, agrega.

O seu fin é que os programas enlacen coa actualidade, que a xente estea falando dese tema. Ata o de agora, “o que máis impacto tivo foi cando quedaban uns días para votar ás Eleccións Galegas veu Ana Pontón ao programa. Tivo unha repercusión enorme”, sinala Carlos Vieito.

Sinala que a diversión está por riba de todo. “Temos moita presión enriba pero queremos disfrutar co que facemos. Se non ocorre, é mellor deixalo”, aclara para dicir: “Os nosos programas son esencia pura. Sáennos do corazón”.

Suscríbete para seguir leyendo