Nun venres festivo, é difícil que non haxa unha pantalla de televisión en Galicia que non esté botando o Xabarín Club. Na infancia de moitos nacidos nos oitenta e noventa, o día sen colexio era sinónimo de películas de ´Asterix e Obélix´ e capítulos de ´Doraemon´, ´Dragon Ball Z´ (máis coñecido por todos como Son Gokü) ou o ´Ninja Hattori´.

Pero igual de lembradas eran as cancións que, dende a primeira emisión en abril de 1994, formaron á ´Xeración Xabarín´. O rock do porco bravo introduiu aos máis pequenos a grupos como Herdeiros da Crus, Os Diplomáticos de Montealto ou Aerolíneas Federales. O programa foi quen de facer que rapaces de toda Galicia, nas cidades e no rural, berraran a coro nos patios de colexio as mesmas cancións que oíran o día anterior na tele. Hoxe precisamente, un 18 de abril, este mítico espazo infantil da TVG cumpre os 27 anos, e recollemos as dez cancións máis lembradas:

Herdeiros da Crus. ´Pero que ghallo é!´

Herdeiros da Crus. ´Pero que ghallo é!´

Herdeiros da Crus tivo no Xabarín a súa mellor plataforma, e aproveitouno ben con himnos da nosa infancia como ´Que ghalo é´ ou ´Íscalle lura´. O bravú presentábase na canle pública con este ´ghalo´, que no "ghaliñeiro fasía el un ghran papelaso". Unha oda ao rei do poleiro neste rock sen capar.

Aerolíneas Federales. ´Quero xamón´

Aerolíneas Federales. ´Quero xamón´

Da movida viguesa dos oitenta ás tardes da TVG. Miguel Costas e Aerolíneas Federales colleron un dos xantares máis populares do país e fixeron unha canción inesquecible. Iso si, resultaba estraño pedir xamón nun programa presentado por un porco.

Siniestro Total. ´Onde vas rapaz?´

Siniestro Total. ´Onde vas rapaz?´

O grupo formado en Vigo era outro coñecido polo público adulto, pero boa parte do mundo Xabarín descubriunos con este canto á rebeldía. Siniestro Total debuxaba nas súas letras o fastío adolescente que moitos nenos aínda non descubriran.

As Increíbles Páncreas. ´Non podo parar´

As Increíbles Páncreas. ´Non podo parar´

Poucas elementos máis clásicos nos noventa en Galicia que Silvia Superstar e Área Central. Aerolíneas Federales decidiu coller o alcume de As Increíbles Páncreas para unha serie de colaboracións co Xabarín Club.

Kussondulola. ´Tá-se ben na radio´

Kussondulola. ´Tá-se ben na radio´

Este grupo de angolanos saían na televisión cantando en portugués para introducirnos ao reggae. Esta foi a súa canción debut dunha banda que leva vinte anos en activo, afincada en Portugal. Os rapaces galegos foron os primeiros en descubrilos.

O Caimán do río Tea. ´Estou na lavadora´

O Caimán do río Tea. ´Estou na lavadora´

O grupo naceu xunto a Blood Filloas ou Os Diplomáticos, aínda que anos despois acabou por separarse. En 2006 regresaron baixo a fórmula de Capitán Furilo.

Os Diplomáticos de Monte Alto. ´Oda ao futbolín´

Os Diplomáticos de Monte Alto. ´Oda ao futbolín´

Os coruñeses homenaxean a un dos máis grandes inventos galegos (se non o maior). Xurxo Souto lidera esta oda á historia de Alexandre de Fisterra, nunha canción que mistura música tradicional con bravú.

Aerolíneas Federales. ´Non todo é o que parece´

Aerolíneas Federales. ´Non todo é o que parece´

Probalemente é a máis lembrada e aínda pode escoitarse en moitas festas. ´Non todo é o que parece´ era unha canción divertida e cun videoclip aínda mellor. Para quen non o teña visto, non faremos ´spoiler´ co xiro final.

La Marabunta. ´Satélite Xabarín´

La Marabunta. ´Satélite Xabarín´

Dende Madrid chegaba La Marabunta, con antigos membros de Los Ronaldo, Tam Tam Go ou Los Enemigos.

Os Rastreros. ´O sacristán de Besán´

Os Rastreros. ´O sacristán de Besán´

Unha das cancións protesta do Xabarín. No ´Sacristán de Basan´ hai unha crítica ás multinacionais e ao capital en xeral ao son de gaitas e música punk. E aínda máis: Killo (guitarra) e Heléctrico (cantante) visten camisetas cunha imaxe do Che.

Bonus track: ´Carmiña Vacaloura´

Bonus track: ´Carmiña Vacaloura´

Se pedimos definir ´Carmiña Vacaloura´ cunha palabra, moitos coincidirán dicindo: "desacougante". Canción psicodélica e incomprendida no seu momento, pero que cos anos acabou sendo un himno do Xabarín. O tema foi composto por Maestro Reverendo, que traballou con Miguel Ríos, Wyoming ou Siniestro Total.

De seguro quedan moitas fóra, pero a que non pode faltar é a de despedida. Porque sempre foi 'moi chungo' deixar "unha panda tan guai".