Anxo Angueira, profesor da UVigo, ingresa na Real Academia Galega este sábado

Será nunha sesión extraordinaria pública no auditorio municipal de Padrón

Anxo Angueira.

Anxo Angueira. / Xoán Álvarez

Redacción

Anxo Angueira Viturro (Dodro, A Coruña, 1961) ingresará na Real Academia Galega como membro de número este sábado, 27 de abril, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no auditorio municipal de Padrón a partir das 12.00 horas. O profesor da Universidade de Vigo e escritor, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, pronunciará o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Chus Pato.

Angueira é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Ademais, preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.

Como investigador e ensaísta, cómpre destacar os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).